A tradición lírica galego-portuguesa é a que transmite o maior número de cancións de muller da Europa medieval. Neste contexto, a cantiga de amigo revélase como un xénero dotado dunha grande riqueza expresiva e conceptual, que é resultado de experiencias literarias procedentes de diversos niveis de cultura. Esta suma (e amálgama) de tradicións é a que determina a variedade narrativa, temática e retórica que caracteriza o xénero. O libro pretende achegar o lector ao sistema literario da cantiga de amigo a través da análise daqueles temas ou aspectos que se consideraron máis significativos e que, nalgúns casos, veñen abordados por primeira vez no seo da crítica. Insístese nos elementos típicos do xénero, pero tamén na presencia daqueloutros que modifican os datos tradicionais para dar lugar a textos que destacan pola súa orixinalidade temática ou estilística.