A edición sinóptica e a súa aplicación ao estudo da variación lingüística na lírica galego-portuguesa

Helena Bermúdez Sabel

A edición sinóptica caracterízase por permitir o contraste de forma con forma, signo con signo, de todas as leccións dunha tradición textual. Por esta razón, é a tipoloxía ecdótica máis axeitada, desde o punto de vista metodolóxico, para a análise da variación lingüística, en canto permite o cotexo automático de todas as leccións transmitidas polos manuscritos. Promovemos a utilización deste tipo de edición, malia a súa escasa aplicación até o momento, porque o seu emprego supón a sistematización dunha ampla información que abre o camiño para futuras liñas de investigación, entre as que cómpre subliñar: identificación das diferentes mans que participan no proceso de copia e localización dos posíbeis scriptoria implicados na elaboración dos códices, caracterización lingüística dos diferentes manuscritos, identificación das leccións equipolentes e/ou das diverxencias de tradición na transmisión textual, e, en consecuencia, elaboración dunha collatio codicum rigorosa.