A tradución galega do Liber de medicina equorum de Giordano Ruffo

O manuscrito 23076 da Biblioteca Nacional de España contén un texto que, pola súa complexidade e singularidade, ocupa un lugar destacado (e único) no conxunto da prosa medieval galega. Trátase da versión galega do manual de veterinaria escrito en latín por Giordano Ruffo pouco despois da morte de Federico II de Sicilia en 1250. Este volume achégase á referida tradución galega co obxecto de establecer o seu texto crítico nunha edición que, sen alterar a realidade lingüística que reflicte o códice, opta pola regularización gráfica e se axuda doutros testemuños da tradición do De medicina equorum para corrixir moitas das deficiencias que, desde a súa condición de copia, presenta o manuscrito da BNE.