Como advirte o profesor Blecua no seu soado Manual de crítica textual, “a collatio codicum é a fase máis ingrata e unha das máis delicadas de todo o proceso editorial” ( Blecua, 1983: 43). Tradicionalmente, esta ardua tarefa realizábase cotexando visualmente os diferentes testemuños e anotando as diverxencias. A pesar das vantaxes que os métodos computacionais ofrecen (entre outras, maior rapidez e, sobre todo, menor marxe para o erro) a súa implementación para esta tarefa é aínda escasa. Neste artigo facemos unha revisión dos recursos xa existentes, analizando as súas vantaxes e inconvenientes, para rematar facendo unha proposta alternativa ás ferramentas que non requiren coñecementos sobre linguaxes de programación.