
O trobador don Afonso Lopez de Baian (ca. 1210-1280) pertence a unha das liñaxes máis antigas e prestixiosas da nobreza medieval portuguesa. A tradición manuscrita atribúelle os seguintes textos: dúas cantigas de amor, catro cantigas de amigo e catro cantigas de escarnio e maldizer. O estudo amosa que a súa produción poética ofrece unha considerable variedade temática e estilística, acompañada dun alto grao de elaboración retórica. Sen dúbida, os textos que mellor poñen de manifesto o carácter xenuíno do trobador son as súas cantigas de escarnio e maldizer, que destacan no corpus satírico galego-portugués polos trazos peculiares que presentan tanto a nivel formal como conceptual.