
Edición e estudo de Déborah González. Estudo biográfico de J. A. Souto Cabo. Hábil versificador e explorador de novas formas no marco da escola lírica galego-portuguesa, Nuno Eanes Cerzeo defínese como un autor de técnica refinada e pulida posta ao servizo da estética da cantiga de amor. A través das nove pezas que lle son atribuídas, exhibe un amplo dominio compositivo tanto polo resultado acadado mediante a selección das formas como polo uso de procedementos retóricos destinados a reforzar un ornatus difficilior. Na súa obra conflúen os temas e as maneiras directamente proxectados da tradición trobadoresca con tendencias individuais, grazas ao que o trobador de Cercio consiguiría imprimir singularidade á súa obra. Proba da súa excelencia é o descordo, sen parangón na produción trobadoresca do Occidente peninsular, que poderá tomarse como peza culminante dun autor que manexou con caprichosa pericia a arte de trobar de amor.