Avelino Núñez: «Se protexemos o solo e a auga, protexemos a nosa saúde»
Se o solo enfermase de verdade, a factura pagaríamola todos no prato e no vaso. No corazón do Campus Terra, Avelino Núñez Delgado —catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e membro do Grupo UXAFORES— leva décadas preguntándose como preservar o solo e a auga, os dous alicerces discretos da nosa vida cotiá.
Formando parte dun equipo que combina traxectoria e talento novo, participa na coordinación de proxectos competitivos e colabora con institucións e empresas para transformar evidencia científica en solucións asumibles.
Nesta entrevista afonda nos chamados contaminantes emerxentes —antibióticos de uso humano e veterinario, metais pesados ou hidrocarburos, entre outros—, nos riscos que supoñen para solos, augas e cultivos en Galicia e nas estratexias de mitigación: desde bioadsorbentes de baixo custo (biochar modificado, cinzas de fitomasa, cuncha de mexillón) ata mesturas técnicas e fotocatálise. Falamos tamén de transferencia, patentes, e da utilidade social da ciencia fronte ás métricas.
Mirando ao futuro, debuxa unha axenda que combina cartografías finas do solo, economía circular e seguridade alimentaria, co foco na xestión agroforestal sostible. Comparte, ademais, claves para o estudantado e para novas xeracións investigadoras: método, lectura crítica, paciencia editorial e ética científica.
Pasen e lean, paga moito a pena…
-Desde a súa Cátedra en Edafoloxía e Química Agrícola no Campus Terra, cales son hoxe as grandes preguntas científicas que guían a súa liña de investigación?
-Eu colaboro na investigación que realiza un equipo da EPSE integrado tamén por outras dúas profesoras (Esperanza Álvarez Rodríguez e María J. Fernández Sanjurjo) e máis por investigadoras/es novas/os, tanto postdoutorais como predoutorais, que formamos parte dun grupo de maior dimensión denominado UXAFORES.
A ese nivel de grupo reducido dentro dun grupo grande, as principais preguntas científicas que nos guían son as que estamos podendo investigar de facto polo feito de contar con financiación específica de proxectos de investigación. En particular, o equipo está traballando xa desde hai anos na avaliación da presencia de contaminantes do medio ambiente catalogados como emerxentes, que non son tan clásicos como outros respecto á preocupación que se sinte por eles por parte da sociedade.
Cabería destacar os antibióticos de uso humano e os de uso veterinario que chegan a solos e augas, entre outras sustancias. Podería considerarse que a pregunta que se quere resolver vai na liña de coñecer o grao de contaminación que realmente se está a producir en solos, vexetais e augas de Galicia debido a unha variedade deses contaminantes emerxentes.
Por outra banda, outra pregunta que pretendemos contribuír a contestar é que medios (especialmente de baixo custe) se poden empregar para loitar de xeito efectivo contra esa polución cando xa está presente no medio, e con ese obxectivo investigamos principalmente sobre a capacidade de retención que presentan distintos materiais (especialmente subprodutos e refugallos de orixe vexetal) para evitar potenciais efectos tóxicos dos contaminantes a distintos niveis.
En xeral, as nosas preguntas e preocupacións fundamentais van enfocadas a coñecer e loitar contra a degradación de solos e augas, e do medio ambiente en xeral. Somos conscientes de que no mundo hai moitas cuestións que merecen atención respecto ós seres humanos e á totalidade de seres vivos e ecosistemas, e nós, coas lóxicas limitacións que nos afectan, o que tentamos é contribuír en aspectos concretos que pretenden evitar o deterioro da saúde medioambiental e individual, e se é posible melloralas.
-Boa parte do seu traballo aborda contaminantes emerxentes en solos (antibióticos veterinarios, metais, hidrocarburos). Que achados destacaría polo seu impacto e que implicacións teñen para a xestión agroforestal en Galicia?
-É certo que desde hai máis de 15 anos son eses os tipos de contaminantes dos que nos ocupamos en maior medida, porque no seu momento pensamos que merecían poñer o foco neles, e ao conseguir financiación en convocatorias competitivas para estudialos realmente nos foi posible traballar nese campo, e sigue sendo posible de momento.
Algúns dos achados que poderíamos destacar teñen que ver coa detección de algúns antibióticos non só en xurros e en solos e augas senón tamén en cultivos destinados ó consumo de gando e de humanos, o que alerta sobre a necesidade de realizar un manexo fino e axeitado deses fármacos, dos que ademais se considera que a resistencia a eles será a responsable do maior número de falecementos na década de 2050.
Nos nosos estudios tamén se constatou que algúns materiais sorbentes (descontaminantes) de moi baixo custo poden reter de forma consistente algúns deses contaminantes cando chegan ó medio ambiente, diminuíndo polo tanto os riscos para a saúde asociados a esas substancias.
O noso equipo tamén obtivo resultados semellantes en canto á retención de metais pesados por medio de bioadsorbentes de baixo custe.
Para verteduras de hidrocarburos as estratexias efectivas ían máis na liña de tratar os materiais contaminados por medio de mesturas técnicas con produtos variados pero moi asumibles, tales como cinzas de combustión de fito-masa, cal, e outros.
En conxunto, as implicacións dos nosos estudios nas liñas comentadas para a xestión agroforestal en Galicia terían relación cos resultados da detección dos contaminantes examinados en xurros, lodos de depuradoras, solos, augas e vexetais, que alertan sobre a necesidade do manexo moi coidadoso de produtos fertilizantes aplicados a solos agrícolas e forestais, así como ó imprescindible que sería minimizar a chegada de residuos de antibióticos, metais pesados e calquera outro contaminante dos considerados prioritarios a xurros, augas residuais e lodos, e do tratamento correcto de todos eles para descontaminalos sempre que sexa preciso.
E, por outra banda, tamén se derivan dos nosos estudios as posibilidades de empregar materiais de moi baixo custe no control desa contaminación, sabendo que tamén terán igualmente efectos positivos no aporte de nutrientes e na estabilidade estrutural dos solos tratados dese xeito.
En conxunto, os nosos resultados poderían facilitar a loita contra a degradación de solos e augas nos medios agrario e forestal.
-Coordina e co-lidera proxectos como o PID2021-122920OB-C21 sobre antibióticos ionóforos (2022–2025). Que obxectivos concretos perseguen e que resultados preliminares poden adiantarse?
-Na mesma liña de proxectos anteriores nos que o noso equipo traballou con outros antibióticos e con outros contaminantes doutros tipos, neste proxecto os obxectivos principais consisten primeiramente en determinar o grao de presenza (as concentracións) deses biocidas específicos en xurros e diversos compoñentes do medio en Galicia (solos agrícolas, cultivos, augas), e posteriormente en determinar o potencial de retención deses polucionantes por parte de distintos materiais.
Novamente, téntase sobre todo empregar subprodutos e materiais de baixo custo para lograr a retención dos contaminantes, xa que dese xeito será máis fácil que se poidan asumir as repercusións económicas dos tratamentos.
Puntualmente tamén se testan materiais de máis alta tecnoloxía, e polo tanto máis custosos, esencialmente porque o requiren algúns dos nosos colaboradores doutros países que teñen interese especial nesas alternativas.
Os resultados obtidos indican que dentro da ampla gama de materiais descontaminantes avaliados atopamos diversos que, sexa de xeito individual ou ben combinados entre varios deles, permiten reter en proporcións elevadas un ou máis dos contaminantes que examinamos.
En cada caso chega a determinarse que dose de materiais adsorbentes (descontaminantes), individuais ou en combinación, son as máis axeitadas para lograr efectos positivos en canto a descontaminación.
En paralelo, moitos dos descontaminantes que empregamos subministran materia orgánica e nutrientes de maneira progresiva ós solos, e poden aportar unha serie variada de beneficios, como por exemplo corrixir os valores de pH non axeitados dalgúns solos, favorecendo así a súa resposta nutricional e dificultando a súa degradación.
Algúns dos materiais avaliados están máis encamiñados a reter contaminantes en augas, co cal o seu manexo práctico a escala maior que a do laboratorio esixiría medios complementarios e non só unha aplicación superficial ou mestura simple, que si podería chegar no caso dos solos.
-Vostede ten publicado máis de 400 traballos e figura entre o 2% de investigadores máis citados en clasificacións internacionais. Máis aló das métricas... Como avalía vostede a calidade e a utilidade social do coñecemento que producen?
-A maior parte desas publicacións non son individuais senón que se realizaron con equipos investigadores, esencialmente o equipo do que formo parte en Lugo, pero tamén outros grupos de Galicia, España e internacionais, polo que os logros nunca son de un senón de todo o persoal implicado nos traballos experimentais e na elaboración dos textos e restante material que se difunde publicamente.
Respecto á potencial utilidade social do coñecemento derivado dos nosos traballos, na nosa traxectoria fóronse logrando resultados que primeiramente avaliaban riscos de contaminación por xurros aplicados en prados e máis sobre alternativas para minimizar esa contaminación difusa.
Posteriormente, resultados sobre os niveis de contaminación de augas residuais a nivel de pequenas poboacións, e propostas de deseños complementarios para incrementar a súa eficacia depuradora. Posteriormente, o uso de procedementos de mesturas técnicas para valorizar lodos de depuradora, cinzas de fitomasa, e outros refugallos ou subprodutos, incluída a compostaxe en fases seguintes. E máis tarde os estudos que ao longo dos anos foron avaliando distintos materiais para reter toda unha variedade de contaminantes presentes en augas, lodos, xurros, e solos, fundamentalmente.
Todas esas investigacións e outras nas que participei con varios equipos proporcionaron resultados que tiñan o potencial de ser empregados a nivel real en algunha medida.
Como é información publicada e dispoñible, espero que teñan sido de utilidade na práctica, e nalgún caso cónstame que así foi. Pero, de tódolos xeitos, o noso labor é tentar aportar coñecementos por medio da investigación, uns con potencial de aplicación máis rápido e directo, e outros máis de base, que poden precisar afondamento en investigacións futuras.
Persoalmente, teño pensado que tanto o traballo que fixen e fago na universidade, como calquera outro que podía ter feito, intégrase ou integraríase na sociedade, dando un servizo na medida do posible. Sendo cativo, botaba unha man na tenda de alimentos que tiñan meus pais, e daquela pensaba que podería facer ese traballo de adulto, atendendo á xente que viña mercar.
Máis adiante fun estudiando e rematei facendo o que fago hoxe, pero tanto un traballo como outro poderían ser para min a forma de participar na sociedade, e ambas co mesmo valor.
-O seu grupo explorou solucións baseadas en materiais (biochar, cinzas, subproductos como a cuncha de mexillón) e tamén enfoques físico-químicos (fotocatálisis). Que tecnoloxías ve máis maduras para transferir ao sector agroforestal e ao tratamento de augas e chans?
-O noso equipo de Lugo traballou moitos anos con cinzas de fitomasa e con cuncha de mexillón, vendo moito potencial de reciclaxe e valorización (principalmente combinados eses materiais con outros en mesturas técnicas deseñadas para minimizar os problemas de algúns materiais individuais).
A utilidade principal das mesturas conseguíase cando se aplicaban en solos que tiñan necesidades que se cubrían coas combinacións específicas que se deseñaran, e entre os receptores podían estar diversos tipos de solos degradados.
Polo tanto, vese que teñen potencial claro no eido agroforestal e na loita contra a degradación edáfica.
Os traballos sobre biochar e fotocatálise son máis recentes, e maiormente con equipos internacionais, e tamén se pode dicir que se lles está vendo moito futuro, especialmente no caso de biochar modificado para mellorar enormemente as características do de partida.
Da fotocatálise espérase que teña moita utilidade no tratamento de certos contaminantes presentes en augas residuais urbanas e en algúns efluentes industriais.
-Como membro de UXAFORES, que achega o enfoque de «xestión ambiental e forestal sostible» á docencia e á transferencia. pode citar proxectos ou casos onde a colaboración con administracións ou empresas fose clave?
-Na docencia, algunhas materias das que me ocupei hai anos (de grao e de postgrao) permitían amosar de forma clara e directa certos aspectos relacionados coa xestión ambiental e forestal sostible. Actualmente, nas materias de grao nas que participo os contidos non teñen que ver directamente con eses aspectos.
En docencia de mestrado a miña participación só pode tocar de xeito indirecto esas cuestións. Pero os resultados que logra o equipo están a disposición do conxunto do grupo UXAFORES, e globalmente a sinerxia é moi positiva tanto a nivel de investigación como de potencial utilización na docencia de diferentes materias que imparte o profesorado.
Sobre a transferencia, o equipo ten rexistrado patentes, e máis diversos integrantes participan en charlas, conferencias, sesións divulgativas, entrevistas, etc., para tentar dar a coñecer detalles dos nosos traballos cando se solicita e se ve como axeitado.
Acerca da colaboración con empresas e administracións, na traxectoria do equipo de Lugo temos tido e temos actualmente relacións estreitas, que van desde prestación de servicios directos (como análise e asesoramento sobre solos agrícolas) ata desenvolvemento de proxectos de investigación, con colaboracións e incluso participacións directas de empresas e organizacións non lucrativas.
En diferentes ocasións temos recibido o apoio escrito de diversos entes da Administración e de empresas cando nos presentamos a convocatorias competitivas de proxectos de investigación. E ademais, a inmensa maioría dos proxectos de investigación nos que temos participado foron financiados por diferentes Administracións Públicas.
-Na aula e o laboratorio: que competencias tenta priorizar no seu alumnado da Escola Politécnica Superior de Enxeñería para que estean preparados ante retos como a contaminación difusa ou a economía circular?
-Como xa comentei, actualmente participo na docencia de materias nas que eses temas non se tratan directamente, polo que só podo facer algúns comentarios ó respecto en puntos específicos que poidan ter algunha relación.
Sen embargo, hai anos si que trataba en detalle algúns deses temas, incluso con exemplos derivados dos meus traballos experimentais, cando impartía contidos doutras materias. Por exemplo, tratábase o deseño de «filtros verdes», entendidos como franxas de solos con vexetación principalmente herbácea que frean a contaminación por augas de escorremento en zonas en pendente, habitualmente xa cerca de cursos superficiais, e que constitúen unha estratexia de loita fronte a contaminación difusa.
Tamén se trataban eses temas en traballos de proxectos de fin de grao, en materias de posgrao, e en algúns traballos que formaban parte de teses doutorais que codirixín.
-Exerceu como editor e revisor en editoriais e revistas de alto impacto (Springer-Nature, Elsevier...). Desde esa perspectiva, que consellos lle daría a moz@s investigadores do campus terra para publicar con solidez e ética científica?
-Elaborar publicacións é un proceso complexo que require ir cubrindo primeiramente etapas de aprendizaxe, principiando coa lectura de traballos científicos sobre a temática na que se vai traballar no laboratorio e no campo, seguindo coa adquisición das destrezas correspondentes a eses traballos experimentais no laboratorio e no campo, e despois empezando a tratar os resultados empíricos obtidos, por medio de cálculos, tratamentos estatísticos e modelizacións, cando corresponda.
Ler moitos traballos científicos sobre a temática permitirá que os investigadores en formación vaian aprendendo o que fixeron outros e que se considerou válido para publicar, e facilitará que poidan escribir introducións para o seu propio traballo, así como discutir os resultados propios comparados con outros previos de calidade, aproveitando todo o positivo que outros fixeron antes, que pode axudar a interpretar por exemplo mecanismos que afectan a feitos detectados nos experimentos concretos dos investigadores que están dando os seus primeiros pasos nas fases de escribir publicacións científicas.
Para todo o mundo hai aspectos a considerar sempre no deseño dos experimentos, seguindo o método científico, con suficientes réplicas e tamaños de mostras que permitan que as estatísticas poidan ser potencialmente significativas, e globalmente traballando de maneira que os resultados obtidos sexan o máis fiables posible nas condicións e cos medios que o equipo teña ó seu alcance.
Pero hai que ter presente que aínda que se teña feito todo o traballo de laboratorio, de campo, de cálculos, modelizacións, elaboración de táboas, gráficas, e escrita honesta e correctamente dun traballo de investigación, calquera se pode atopar con que é rexeitado sen tan sequera ser trasladado a revisores externos da revista á que se enviou, con argumentos como que non é suficientemente innovador, ou que non ten a calidade suficiente para esa revista de investigación concreta. Neses casos, como nos casos en que os traballos son rexeitados con informes negativos detallados de varios revisores externos, non hai que desanimarse senón ver se algún ou todos os comentarios recibidos permite realmente mellorar o noso traballo, e probar despois con outra revista. Son millóns os traballos que se envían cada ano ás revistas científicas, e os investigadores (novos ou non) teñen que ter paciencia tamén nestas etapas.
-A súa traxectoria inclúe patentes e colaboracións internacionais en Europa, Asia e outros continentes. Que estratexias facilitaron esas sinerxías e como poden os grupos do Campus Terra amplialas?
-As nosas patentes son en todo caso derivadas de traballos en Galicia, aínda que para unha delas fíxose por parte da USC o trámite para estender a protección a nivel de Europa. No equipo do que formo parte en Lugo realízanse colaboracións con investigadores de outros países, principalmente de Europa e de África.
Os motivos maioritariamente teñen que ver co feito de que eses equipos estranxeiros leron algunhas das nosas publicacións e consideraron interesante enviar a investigadores novos a formarse con nós a nivel de doutorado.
Despois dos contactos iniciais, nos casos en que foi posible trasladáronse a Lugo e estiveron traballando con nós un tempo. En xeral os resultados son satisfactorios para tódalas partes implicadas.
Téñense codirixido no noso grupo varias teses doutorais con estudantes que hoxe en día xa son doutores nos seus países, e as colaboracións e publicacións resultantes, incluso de traballos que poñen en valor as sinerxias paralelas dos equipos nos distintos países, seguen a producirse.
Por outra banda, a nivel individual colaboro con outros varios equipos nos diferentes continentes, sexa a nivel de investigación e publicacións, sexa a nivel de traballo editorial para libros ou números especiais de revista de investigación nos que eses investigadores participan como editores invitados.
Tamén nestes casos os motivos de iniciar as colaboración teñen que ver co feito de que os investigadores estranxeiros leron os nosos traballos e decidiron contactar para propoñer as colaboracións. Lamentablemente, tanto a nivel de equipo de Lugo como individual levamos un tempo en que temos que rexeitar a maior parte das novas propostas, porque tanto a capacidade física dos laboratorios como as capacidades físicas e mentais de traballo das persoas (en concreto as miñas) son limitadas.
-Mirando ao futuro: se tivese que definir unha axenda de investigación para os próximos 5–10 anos en Edafoloxía e Química Agrícola, que prioridades poñería sobre a mesa e que oportunidades ve para Galicia e o noroeste ibérico?
-Para falar de prioridades na investigación en Edafoloxía e Química Agrícola nos próximos 5-10 anos creo que habería que empezar por considerar o traballo sistemático de caracterización básica que se podería facer para cubrir o territorio en cuestión, sexa Galicia, España ou calquera outro país ou área xeográfica.
É dicir, en Galicia aínda queda por ampliar a determinación de características de solos que non foron suficientemente estudiados ata o momento, porque quedan áreas por caracterizar ou porque se poderían estudiar en moito máis detalle, e eses resultados permitirían facer diferentes tipos de cartografías pormenorizadas e completas das propiedades que se analizasen.
O máis gráfico e sintético poderían ser mapas en que distintas capas presentadas a modo de sistema de información xeográfica amosasen a escalas suficientemente finas os detalles de interese en cada caso.
As potenciais aplicacións de ter xa logrado un coñecemento tan amplo e detallado van desde implicacións a nivel de nutrición para os vexetais e salubridade medioambiental (considerando tamén micro e macrobiota) ata valoración de riscos actuais e futuros (tamén ante situacións cambiantes que se poidan tentar modelizar) por contaminación ou calquera outra vía de degradación dos solos e subsecuente afectación de augas, vexetais (incluídos cultivos) e animais, dentro do que se podería incluír a posible perda de capacidade de almacenamento de carbono, con tremendas repercusións sobre o quentamento global acelerado do planeta.
Pero ese traballo relativamente básico (de caracterización sistemática de propiedades básicas en todo o territorio a unha escala de detalle) pode ser non visto como innovador, co cal pode ser difícil conseguir financiación para realizalo. No extremo contrario poderían considerarse investigacións que a priori se puidesen catalogar como máis innovadoras, e nisto xa cada investigador se pode poñer a fantasiar, como xa fixen eu mesmo en algunha publicación do ano pasado.
Pero, se hai que centrarse en prioridades que supoñan oportunidades para Galicia e o Noroeste Ibérico, penso que é de xustiza lembrar que o primeiro é garantir o sustento e as condicións de vida de calidade para a poboación, polo que non se pode desatender o referente á produción primaria de bens (esencialmente alimentos), que ten raíz fundamentalmente en solos saudables.
A produción sustentable e respectuosa co medio de alimentos ten potencial para ser ademais non só provedora das necesidades de consumo locais, senón de poder comerciar con produtos de alto valor con outros países ou zonas xeográficas.
Preservar o solo e o medio supón ademais a posibilidade de atraer a visitantes que valoren as paisaxes naturais e aporten recursos económicos ás rexións receptoras desas visitas. Así que, investigar para coñecer o grao de afectación por contaminantes prioritarios de solos e augas (que poden ser algúns de alta toxicidade, pero tamén poderíamos incluír outros que tanto poden ser fertilizantes como estragar o medio con procesos como a eutrofización cando se aplican en exceso e/ou en condicións non axeitadas) seguirá sendo algo fundamental durante décadas, igual que todo o relativo a avaliar o grao de degradación de solos por vías químicas ou físicas, e os efectos derivados que alcanzan as masas de auga.
De igual xeito, poder ir propoñendo medidas para minimizar ou controlar todos eses procesos de contaminación ou degradación en xeral vai seguir sendo crucial por sempre.
En resumen, os investigadores centrados na ciencia do solo e ciencias medioambientais podemos sentirnos moi motivados por realizar un proxecto concreto sobre un aspecto puntual, que pode ser moi innovador, pero a nivel global os grandes problemas que mencionei seguirán sendo os que necesiten os esforzos das xeracións actuais e futuras, sabendo que cada investigador ou cada grupo terá que facer o que estea ó seu alcance, que será só unha pequena parte dentro do contexto xeral.