A Casa do Saber do Campus Terra da USC acolle o mércores 4 de xullo ás 16.15h unha xornada sobre maridaxe de pan

A Cátedra do Pan e do Cereal, a primeira adscrita ao Campus Terra da USC, celebra o vindeiro mércores 4 de xullo, ás 16.15h. na Casa do Saber, a xornada ‘O pan dende o campo á mesa. Cal é a maridaxe de cada pan?’, na que distintos expertos no sector debaterán, entre outras cuestións, sobre a posibilidade de dispor dunha carta de pans nos restaurantes, tal e como sucede cos viños.
O adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata; a directora da Cátedra do Pan e do Cereal e catedrática da USC, Ángeles Romero Rodríguez; e o empresario e promotor da Cátedra, Manuel Dacunha Pereira, inaugurarán unha xornada na que os protagonistas do sector analizarán a situación na que se atopa o cultivo de trigo galego, que se sabe do aporte nutricional do pan ou se é posible caracterizar os pans empregando os sensos.
As persoas interesadas en participar nesta xornada na que tamén se celebrarán mesas redondas para que tanto produtores como restauradores intercambien os seus respectivos puntos de vista sobre estas cuestións, deben formalizar a súa inscrición no enderezo electrónico catedradopanedocereal [at] usc.es (catedradopanedocereal[at]usc[dot]es) enviando os seus datos persoais e xustificante de pagamento.
A matrícula ten un custo de 30 euros por persoa que inclúe a asistencia a unha cena-cóctel no Restaurante España trala clausura do evento.