Idealugo premia dous proxectos que amosan o talento do Campus Terra da USC

A spin off da Facultade de Veterinaria Eicpar, proxecto de control biolóxico de parásitos, gañou a terceira edición dos Premios Idealugo á innovación e o emprendemento, convocados pola Universidade de Santiago de Compostela, o diario El Progreso e Abanca.
O xurado, que está integrado pola vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva; o director territorial de Abanca, Wálter Álvarez; e a adxunta á presidencia do Progreso, Branca de Cora García-Montenegro, tamén concedeu un accésit ao proxecto Smartwood, unha aplicación que ofrece solucións para a posta en valor de parcelas forestais.
A vicerreitora de Servizos do campus lucense fixo fincapé en que os Premios Idealugo son "unha mostra de colaboración interinstitucional" e que supoñen "un reforzo máis" para aqueles emprendedores que "están dispostos a imaxinar un negocio de base tecnolóxica".
Ademais da dotación económica –3.000 euros para o gañador e 1.000 para o accésit–, os premios inclúen titorización da viabilidade da empresa, asesoramento financeiro e oferta personalizada e en condicións especiais de produtos e servizos financeiros, a cargo de Abanca, e aloxamento gratuíto no viveiro de empresas da Fundación CEL-Iniciativas por Lugo.