O Campus Terra da USC acolle este mércores unha xornada de orientación laboral para estudantes e titulados na EPS de Enxeñaría

O salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría acolle este mércores, a partir das 10.00h, a xornada de orientación laboral ‘A Fórmula Cara ao teu Emprego: os 4 "E"’, no que se fai referencia aos ‘E’ de EPS, Emprego, Emprendemento e Empresas.
Esta xornada, cuxa inscrición pode realizarse de balde na conserxería deste centro universitario lugués, abrirase coa intervención da responsable da Área de Orientación e Inserción Laboral da USC no Campus Terra, Gloria Cruz, quen pronunciará o relatorio ‘Ferramentas, Recursos e Método para a Busca de Emprego e Prácticas’. A continuación, Patricia González Alonso, da área de Valorización, Transferencia e Emprendemento falará de experiencias emprendedoras no Campus Terra.
Xa en quenda de tarde, terán lugar dúas mesas redondas paralelas, unha dedicada aos eidos vinculados á enxeñaría xeomática e á enxeñaría civil, mentres que a outra estará centrada nos ámbitos agrícola e forestal. En ambas as dúas mesas, intervirán representantes da administración pública, de empresas do sector ou colexios profesionais. Como agasallo, sortearase unha tablet entre todos os asistentes ao acto.