USC e Xunta de Galicia asinan o Plan de Actuación Campus Terra 2017

O reitor Juan Viaño Rey e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, asinaron este xoves 16 un convenio para o desenvolvemento de accións estratéxicas de I+D+i no campus de Santiago, así como no Campus Terra, co fin de estruturar e potenciar a actividade investigadora da USC. Ao acto protocolario de sinatura tamén asistiu o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno, xunto co secretario xeral de Universidades, Alberto Díez de Castro; e a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnoloxía Universitaria, Mª Jesús Tallón.
O convenio suporá a achega por parte da administración autonómica de 2,45 millóns de euros que se destinarán ao Plan de Actuación Campus Terra 2017, así como ao co financiamento de investimentos e infraestruturas e equipos científico-técnicos subvencionados con fondos FEDER, para o Plan de lanzamento da Área de Matemáticas 2017-2019, á planificación e conformación do Campus da Cidadanía, e ao programa de portas abertas e promoción dos centros singulares de investigación.
Logo dun primeiro período de colaboración entre 2015 e 2016, a USC e a Consellaría afrontan agora un novo plan de acción para 2017 que persegue completar o desenvolvemento do plan estratéxico de Campus Terra 2015-2019. Tres son os obxectivos principais do plan de acción deste segundo período e que se inclúen no convenio asinado este xoves: o mantemento de estruturas de gobernanza, desenvolvemento dos plans operativos e a materialización de accións estratéxicas incluídas no plan xeral.
Entre as liñas de acción a acometer atópanse o plan de especialización docente, o de investigación para a orientación da I+D+i, o plan de comunicación e reputación corporativa do Campus, o plan estratéxico de internacionalización e outras accións como a mellora das infraestruturas RIAIDT en Lugo, o Centro de Emprendemento da Facultade de Administración e Dirección de Empresas ou a mellora de fincas e granxas experimentais, entre outras cuestións.