• Criterio 1.- Nota media do expediente académico (mínimo de 17 puntos)
A nota media do expediente académico calcularase tendo en conta a totalidade dos estudos realizados para completar os requisitos para o acceso aos ensinos de doutoramento, incluídas todas as materias ou os créditos superados, non só os requiridos. Calcularanse separadamente a nota media de grao ou titulación equivalente e a nota media de Máster.
Para o caso de estudantes que inicien estudos de Máster pero non os concluíron no momento de solicitar a admisión, obterase unha nota equivalente á media do máster a partir das notas que figuren no seu expediente académico provisional actualizado.
Para o caso de estudantes que non realicen estudos de máster, pero si cursos de doutoramento en programas en extinción regulados polo Real Decreto 778/98 de 30 de abril, e que obteñan o título de DEA (Diploma de Estudos Avanzados), obterase unha nota equivalente á media do máster a partir das notas dos devanditos cursos de doutoramento.
As materias validadas terán a equivalencia en puntos correspondente á cualificación obtida no centro de procedencia; para as materias adaptadas computarase a cualificación obtida no centro de procedencia e o recoñecemento de créditos en que non exista cualificación ou que correspondan a actividades formativas non integradas no plan de estudos non se terán en conta a efectos do cálculo da nota media.
No caso de estudos realizados parcial ou totalmente en sistemas universitarios estranxeiros adaptados ao EEES, a nota media realizarase sobre a totalidade dos estudos de Grao ou titulación equivalente. No caso de que o número de créditos do Grao sexa inferior a 240 créditos ECTS, a nota media realizarase sobre os devanditos estudos máis a totalidade dos créditos superados no máster, que deberán ser un mínimo de 300 créditos no conxunto de ambos estudos.
No caso de estudos realizados parcial ou totalmente en sistemas universitarios estranxeiros non adaptados ao EEES, a nota media realizarase sobre a totalidade dos estudos completados para a obtención do título, aplicando as equivalencias correspondentes á ordenación dos ensinos universitarios españoles.
• Criterio 2.- Proposta de liña de investigación (ata 10 puntos)
Documento explicativo da liña de investigación que se pretende desenvolver durante o doutoramento, motivos desta elección e obxectivos científicos perseguidos, ou ben, para solicitantes que propoñan un director de tese, proxecto de investigación co visto bo do director de tese proposto. O documento remitido non deberá exceder as 3000 palabras e a súa valoración (ata 10 puntos) farase tendo en conta a adecuación da proposta ás liñas de investigación do programa de doutoramento, e o seu interese científico, orixinalidade e grao de concreción. En calquera caso, deberán obterse polo menos 5 puntos para superar este criterio.
• Criterio 3.- Coñecemento da lingua inglesa (ata 10 puntos)
Este criterio aportará ata 10 puntos da valoración. A puntuación mínima poderá obterse acreditando o nivel B1, ou mediante entrevista persoal satisfactoria realizada en inglés por parte de membros da Comisión Académica. A máxima puntuación poderá ser obtida acreditando posuír o nivel C1 ou superior, ou tamén, si a lingua materna do estudante é o Inglés ou si cursou os seus estudos universitarios na devandita lingua. En calquera caso, deberán obterse polo menos 5 puntos para superar este criterio.
• Criterio 4.- Carta de aceptación de direción de tese (ata 20 puntos)
Carta de aceptación de, polo menos, un investigador doutor con experiencia investigadora acreditada de actuar como Director de Tese doutoral do solicitante en caso de admisión, e dispoñibilidade de medios para apoiar a investigación.
• Criterio 5.- Carta de aceptación de tutela (10 puntos)
Carta de compromiso dun investigador doutor integrado no plantel de profesores do programa de doutoramento, distinto do Director de Tese, e que estea disposto a actuar como Titor do solicitante en caso de admisión. Este criterio aportará 10 puntos da valoración global.
• Criterio 6.- Outros méritos (ata 10 puntos)
Poderán obterse ata 10 puntos adicionais por méritos relacionados coa produción científica e as estancias de mobilidade dos candidatos, cursos de especialización recibidos fóra dos ensinos oficiais universitarios, e experiencia profesional previa relacionada coa temática do programa de doutoramento. Valorarase especialmente a autoría de publicacións ou documentos científico-técnicos, a participación en congresos, estancias Erasmus, SICUE-Séneca ou similares. Tamén poderán terse en conta ata dúas cartas de recomendación redactadas por profesores universitarios, investigadores e, excepcionalmente, profesionais que haxan ter relación co candidato e participen na súa formación académica ou profesional.
• Criterio 7.- Entrevista persoal (ata 20 puntos)
Os candidatos serán entrevistados persoalmente por membros da Comisión Académica. Preguntaráselles sobre distintos aspectos do seu Curriculum vitae e as súas expectativas sobre o programa.