Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 99 Horas de Titorías: 3 Clase Expositiva: 24 Clase Interactiva: 24 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral
Áreas: Lingüística Xeral
Centro Facultade de Filoloxía
Convocatoria: Primeiro semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
Obxectivos xerais: Panorámica das ideas lingüísticas fai parte do módulo Lingüística e procesamento das linguas: aplicacións, que pode ser escollido como complementario ou como optativo, combinado con calquera dos ofertados por outras áreas da Facultade de Filoloxía en función dos intereses do alumnado. Para a obtención do Minor en Lingüística Xeral deberá combinarse co bloque de materias que conforman o módulo Linguas e comunicación: aplicacións.
Neste contexto, a materia trata de proporcionar ferramentas para interpretar as liñas de pensamento e as correntes que configuraron historicamente a Lingüística, con especial atención a aquelas ideas que se manteñen vixentes nas propostas actuais. Afondaremos tanto no coñecemento historiográfico como nas cuestións filosóficas que, para alén de formar sobre a historia da Lingüística, permiten aprimorar a perspectiva crítica do estudantado.
Obxectivos específicos
- Formularmos os problemas que a Historiografía lingüística actual debe enfrontar
- Revisarmos as principais ideas que contribuíron a configurar o saber sobre a linguaxe até a contemporaneidade. Neste sentido, sen renunciarmos á secuencia histórica, primaremos unha serie de ideas que serán desenvolvidas como chave para entender o decurso no avance do coñecemento, a aparición de novas estratexias ou problemas, en vez de formular un panorama exclusivamente cronolóxico habitual en moitos manuais do campo.
- Identificarmos os principios comúns a figuras ou correntes situadas en diferentes períodos históricos.
- Determinarmos a influencia que exerceron sobre o desenvolvemento das ideas lingüísticas o marco socio‐político e cultural de cada época, as modas e as ideoloxías.
- Incitarmos á reflexión crítica sobre a maneira en que a disciplina foi tratando cada problema, evitando as perspectivas hexemónicas ou euro-céntricas e tomando conciencia das forzas internas e externas que regulan este ámbito disciplinar.
Dadas as especiais condicións derivadas da pandemia, os contidos desta materia axústanse a posíbeis continxencias divididos en:
1) Contidos expositivos ou de natureza teórica: Se nos encontrásemos nun escenario que esixise distanciamento (escenario 2) ou peche das instalacións (escenario 3) serán administrados en docencia virtual a través de textos, presentacións en powerpoint, vídeos e tutoriais que o estudantado deberá seguir en formato blog (cuxo enderezo será detallado na correspondente guía docente). Se nos encontrásemos nun escenario de normalidade adaptada (escenario 1), aproximadamente o 10% destes contidos seguirían o formato virtual, e o 90% restante sería explicado nas aulas.
2) Contidos interactivos: Tratase da cerna da materia, de contidos que pola súa propia natureza ou pola actualidade que teñen na sociedade, fomentan o debate e a participación do estudantado e, por tanto, a capacidade de asimilar os aspectos teóricos. No caso de encontrármonos perante un escenario de normalidade adaptada serían os mais presentes na aula; no suposto dos outros dous escenarios que restrinxisen as interaccións e mesmo chegasen a esixir unha adaptación curricular ao contexto social da pandemia, serían considerados os contidos indispensábeis ou básicos e serían administrados usando a ferramenta teams, que permite o debate real, e explotando todas as posibilidades de un blog asociado á materia, que permitiría intercambiar ideas, matizalas e a profundar nos diferentes materiais dun modo asíncrono.
TEMAS
I: Un panorama das ideas lingüísticas desde un punto de vista histórico e epistemolóxico
Fundamentos da Historiografía lingüística. Ferramentas e procedementos vinculados á historia das ideas sobre a linguaxe. Filosofía da linguaxe e Socioloxía da ciencia como puntos de apoio externos do campo: o papel da Epistemoloxía da Lingüística para definir a historia das ideas. Defensa dun panorama de ideas básicas fronte a unha cronoloxía de eventos históricos.
II: A historia da disciplina a través das ideas fundacionais no campo (vistas nas correspondentes escolas e figuras)
Arbitrariedade – Dualidade e dupla articulación – A gramática como arte – Loxicismo e linguaxe – Universais da linguaxe e das linguas – A procura de métodos científicos para o estudo das linguas: a Filoloxía e o enfoque comparativista – O Estruturalismo, o grande paradigma na historia das ideas lingüísticas.
III: A linguaxe como obxecto multidisciplinar (visto nas correspondentes escolas, disciplinas e figuras)
Desenvolvemento dalgunhas ideas que explican a aparición de novos enfoques e subdisciplinas na Lingüística contemporánea. Desenvolvemento, a modo de exemplo, de algunhas ideas que no transcurso do século XX abriron os novos enfoques. Formalismos, computación e linguaxes artificiais (como base para explicar a aparición do enfoque aplicado dos estudos lingüísticos) – Os diversos camiños do significado (como base para explicar a ruptura entre Semántica e Filosofía da linguaxe) – A lingüística no conxunto do coñecemento: o corte entre divisións e ramas da lingüística (a través do estudo da Antropoloxía lingüística).
Incluímos a seguir unhas recomendacións bibliográficas xerais, que presentan aspectos fundamentais da materia e ilustran a súa orientación. No transcurso da materia incluiranse referencias mais concretas para cada tema. A bibliografía básica, consistirá nunha selección de textos que serán ofrecidos integramente ao alumnado por vía dixital.
Auroux, S. et al., eds. (2006): History of the Language Sciences: An International Handbook on the Evolution of the Study of Language from the Beginnings to the Present. Berlin-New York, Mouton de Gruyter, 2000-2006, 3 vols.
Battista, E. (2019): “La falacia del historiador Whig: El caso de Noam Chomsky y su Lingüística cartesiana (1966)”, Linha D'Água, São Paulo, 32/1, 2019, 59-79.
Brown, K. & J. Miller (2014): The Cambridge Dictionary of Linguistics, Cambridge Univ. Press.
Chapman, Siobhan & C. Routledge, eds. (2005): Key Thinkers in Linguistics and the Philosophy of Language, New York, Oxford University Press.
Chapman, Siobhan & C. Routledge, eds. (2009): Key Ideas in Linguistics and the Philosophy of language, Edinburgh Univ. Press.
Harris, R. & T. J. Taylor (1989): Landmarks in Linguistic Thought: The Western Tradition from Socrates to Saussure, London, Routledge.
Heller, Monica & Bonnie McElhinny (2017): Language, capitalism, colonialism: Toward a critical history. Toronto: University of Toronto Press.
Itkonen, E. (1991): Universal History of Linguistics, Amsterdam, John Benjamins.
Kenneally, Christine (2007): The first word. The search of the Origins of Language,, London: Penguin books. Trad. esp. E. Bernárdez, La primera palabra: la búsqueda de los orígenes del lenguaje, Madrid, Alianza, 2009, 41-113.
Koerner, E. F. K. & R. E. Asher, eds.(1995): Concise History of the Language Sciences: From the Sumerians to the Cognitivists, Oxford-New York, Pergamon.
Laborda Gil, X. (2013): El anzuelo de Platón. Como inventan los lingüistas su historia, Barcelona, UOC, 2013, 45-96.
Lepschy, G., ed.(1998): History of Linguistics, London, Longman, 1994-1998, 3 vols.
Malmberg, B. (1991): Histoire de la linguistique: De Sumer à Saussure, Paris, Presses Universitaires de France.
Robins, Robert H. (1967): A Short History of Linguistics, London, Longman, 1967. Trad. esp. de María Condor, Breve historia de la lingüística, Madrid, Cátedra, 2000.
Swiggers, Pierre (1997): Histoire de la pensée linguistique: Analyse du langage et réflexion linguistique dans la culture occidentale de l’Antiquité au XIXe siècle, Paris, Presses Universitaires de France.
Woolard, Kathryn (1998): “Language Ideology as a Field of Inquiry” en Bamby Schieffelin, Kathryn Woolard & P. Kroskrity, eds., Language Ideologies. Practice and Theory, Oxford Univ. press. Trad. esp, Susana Castillo, Ideologías lingüísticas. Práctica y teoría, Madrid, Catarata, 19-69.
** Nota: Con independencia da bibliografía indicada como obrigatoria ou recomendada, o alumnado disporá de fontes primarias e outros textos que as comentan para realizar exercicios ou reflexións.
a) Salientar a importancia dos métodos desenvolvidos pola Historiografía lingüística á hora de confeccionar unha lingüística xeral (ou unha teoría xeral das linguas).
b) Adquirir conceptos útiles para afrontarmos o estudo da linguaxe e as destrezas necesarias para un enfoque integrador das ideas lingüísticas.
c) Mellorar a comprensión dos factores "externos" (filosóficos, biolóxicos, antropolóxicos, sociolóxicos) que pesan á hora de entendermos os feitos lingüísticos.
d) Relacionar o devir histórico con as ideas sobre a linguaxe, situando a aparición das diferentes disciplinas e os novos métodos para abordar cada problema.
e) Coñecer as complexas interaccións que ao longo da historia se produciron entre a reflexión sobre a linguaxe e as linguas e o contexto sociopolítico e cultural de cada época.
f) Salientar a diversidade de enfoques e así avivar o pensamento crítico.
g) Elaborar argumentos e nocións con que defender as propias ideas a través do debate e da expresión escrita con que, ademais de se expresaren, @s alumn@s conseguirán revisar o sustento e a orixinalidade das súas ideas. Neste sentido, xunto a diferentes exercicios e prácticas, deberán realizar unha reflexión máis extensa, baixo a forma dun blog ou diario de clase . Non se pretende obter deste traballo a simple reprodución dos argumentos da bibliografía nin a presentación das fórmulas académicas de documentación. Ao contrario, preténdese que @ estudante demostre que reflexiona por si mesm@ e que desenvolve as súas capacidades de discernimento e argumentación.
A materia distribuirase en tres horas semanais, para alén de sesións de titorías periódicas programadas en grupos reducidos. Se tivésemos as condicións propicias para o escenario de normalidade adaptada, manteríamos unha metodoloxía participativa, onde as aulas serven para o debate sobre as lecturas e sobre os temas teóricos e privilexian o traballo persoal e de grupo e a interacción. Se tivésemos que adaptarnos a contextos de distanciamento ou feche de instalacións, esa actividade manteríase virtualmente, en sesións de videoconferencia e/ou na resolución por escrito a través do blog de diferentes exercitacións que pretenderían manter o estímulo e interese do grupo.
Isto significa que, en todos os casos, para o desenvolvemento do programa procuraremos dinamizar a participación activa do estudantado. Desde o comezo do curso, proporcionaranse guións detallados de cada tema e unha relación de lecturas recomendadas (que serán facilitadas na súa integridade en formato dixital) e nas sesións serán propostas cuestións sobre as que reflexionar que constitúen un importante material de apoio ao estudo, que propician a aprendizaxe individual e serven como marco de fondo. O grupo contará desde o comezo do curso cun blog actualizado pola profesora en cada sesión. Este blog suscitará o debate sobre algunhas das cuestións tratadas nas sesións expositivas ou reproducirá materiais para seguirmos traballando, quer nos seminarios que compartamos, quer mediante o traballo autónomo do estudantado.
Procurarase afondar, na medida do posíbel, nun coñecemento especializado e crítico. A profesora comprométese a seguir os progresos individuais e agarda que cada estudante se involucre na dinámica do curso, nas lecturas e actividades prácticas suxeridas.
1ª OPORTUNIDADE: Como traballo básico, cada estudante realizará o seu propio blog, cuxo enderezo asociará ao da profesora para que todos os membros do grupo poidan en calquera momento consultar os materiais do resto. Ese blog será unha especie de diario das aulas; unha actividade persoal e creativa, onde o alumnado universitario pode demostrar a súa madurez e capacidade. Poderán incluírse nel materiais diversos, desde esquemas dos asuntos incluídos no material teórico ou valoracións sobre as lecturas a comentarios ou reflexións persoais relativas aos diversos temas. Tamén será o lugar onde responder a comentarios, exercitacións ou problemas no sentido escolar do termo que se irán facilitando. Aínda que poden ser variados en número de entradas, considérase básico incluír unha reflexión por cada lectura obrigatoria e dar conta dos exercicios propostos nas sesións do seminario. O criterios que se asumen para a súa valoración son:(a) Demostración de que se adquiriu sobre os diferentes temas coñecemento novo e non trivial; (b) Demostración de que se manexan os conceptos teóricos do programa; (c) Coherencia das argumentacións presentadas e pluralidade de perspectivas; (d) Capacidade de sustentar esas argumentacións sobre exemplos empíricos de linguas diversas; (e) Expresión escrita acorde co nivel de estudos. En caso de termos un contexto de normalidade adaptada, a realización paulatina deste blog suporá o 75% da cualificación final, mentres que a participación activa na aula achegará o 25% restante. Ese equilibrio procurará manterse mesmo se tivésemos que optar por escenarios non presenciais para deixar constancia da importancia concedida ao debate no grupo. Caso de que para algún estudante as dificultades da non presencialidade impedisen a participación, o blog suporía o 100% da cualificación final e podería axustarse a formatos diferentes (envío dos documentos ao email da profesora ou semellantes).
2ª OPORTUNIDADE: Na segunda oportunidade a avaliación efectuarase exclusivamente a través do blog. Como na oportunidade anterior, considérase básico incluír nese traballo unha reflexión por cada lectura obrigatoria e dar conta dos exercicios propostos nas sesións de seminario, para alén de calquera outro material, problema ou exercitación. Os criterios de valoración son os mesmos da primeira oportunidade. O acceso ao blog será facilitado polo alumnado á profesora na data estabelecida pola Facultade para o exame da segunda oportunidade.
DISPENSA DE ASISTENCIA A CLASE: As persoas que teñan concedida polo Decanato a dispensa de asistencia a clase serán avaliadas exclusivamente a través do blog, que suporá o 100% da cualificación final, e poderá entregarse tanto na primeira como na segunda oportunidade.
NOTA: Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recollido na Normativa de avaliación do rendemento académico do estudantado e de revisión de cualificacións.
Para alén do tempo dedicado ás sesións, presenciais ou virtuais, cada estudante deberá dedicar unhas 3-5 horas semanais ao estudo. Nese tempo deberá realizar lecturas dos materiais teóricos e da bibliografía recomendada e procurar a necesaria argumentación persoal para as cuestións que se formulen. Finalmente, terá que expresar por escrito no seu blog os progresos alcanzados ou as dúbidas e incógnitas que ofrece ao grupo para o seu esclarecemento. O tempo de redacción do blog é, na experiencia dos anos pasados, bastante variable en cada individuo, mas produce sempre resultados altamente positivos na maduración persoal e tende a estimular o interese e a ser unha fonte de satisfacción para o estudantado.
A materia está pensada para adaptarse con coherencia e rigor aos intereses do estudantado nunha época de continxencias. Pretende fomentar unha dedicación regular e periódica, que tire proveito de cada sesión. Non se pensa no curso como nun trámite burocrático que se pode eludir ou cumprimentar sen atención nin interese. Ao contrario, as sesións están pensadas como un lugar de encontro onde experimentarmos en conxunto a tarefa común da aprendizaxe. A profesora seleccionará fontes orixinais ou materiais mais actuais primando a lectura crítica e suxerindo camiños para a pescuda persoal e procurará provocar un enfrontamento produtivo entre o individuo e as opcións de coñecemento que se lle abren. Importa, neste sentido, un traballo equilibrado, realizado desde a primeira sesión e non unha serie de informacións inconexas acumuladas a última hora
Observacións xerais
A materia impártese en galego, lingua propia deste país e desta Universidade. Se o alumnado precisar material de apoio noutras linguas ou explicacións adicionais, contará coa axuda da profesora en horario extraordinario de titorías.
Plano de continxencia
Os apartados “Contidos”, “Metodoloxía” e “Avaliación” xa inclúen propostas alternativas para a posibilidade de que se arbitren medidas excepcionais derivadas da pandemia.
Teresa Moure Pereiro
Coordinador/a- Departamento
- Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral
- Área
- Lingüística Xeral
- Teléfono
- 881811992
- Correo electrónico
- teresa.moure [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Titular de Universidade
Luns | |||
---|---|---|---|
10:00-11:00 | Grupo /CLE_01 | Galego | D09 |
Martes | |||
10:00-11:00 | Grupo /CLE_01 | Galego | D09 |
Mércores | |||
10:00-11:00 | Grupo /CLIS_01 | Galego | C03 |
08.01.2021 09:30-13:30 | Grupo /CLE_01 | C05 |
08.01.2021 09:30-13:30 | Grupo /CLIS_01 | C05 |
03.06.2021 09:30-13:30 | Grupo /CLE_01 | D11 |
03.06.2021 09:30-13:30 | Grupo /CLIS_01 | D11 |