Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 91 Horas de Titorías: 3 Clase Expositiva: 30 Clase Interactiva: 26 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Estatística, Análise Matemática e Optimización
Áreas: Estatística e Investigación Operativa
Centro Facultade de Medicina e Odontoloxía
Convocatoria: Primeiro semestre
Docencia: Sen docencia (Extinguida)
Matrícula: Non matriculable | 1ro curso (Si)
O obxectivo principal desta materia é que o alumnado se familiarice cos conceptos e técnicas básicas da Estatística Descritiva, da Probabilidade e da Inferencia Estatística.
Ademais, preténdese que o alumnado entenda a necesidade e utilidade da metodoloxía estatística na investigación en Ciencias da Saúde, particularmente en Odontoloxía, facéndose consciente do alcance e limitacións da devandita metodoloxía.
Como obxectivos máis específicos o alumnado deberá:
- coñecer a linguaxe estatística básica,
- coñecer e aplicar algúns métodos estatísticos básicos para representar e analizar conxuntos de datos simples, e poder sacar conclusións axeitadas,
- coñecer, expresar e interpretar correctamente os niveis de precisión, confianza e niveis de erro nas conclusións dun estudo estatístico.
Tema 1. Estatística Descritiva
Introdución á Estatística. Variables. Distribucións de frecuencias. Representacións gráficas. Medidas de posición e de dispersión.
Tema 2. Probabilidade
Experimento aleatorio. Espazo mostral. Sucesos. Probabilidade. Probabilidade condicionada. Independencia de sucesos. Regra do produto, lei de probabilidades totais e teorema de Bayes. Sensibilidade, especificidade, valores preditivos positivo e negativo.
Tema 3. Variables aleatorias
Variables aleatorias discretas e continuas. Distribucións de probabilidade: función de masa, función de densidade e función de distribución. Medidas dunha variable aleatoria. A distribución Binomial e a distribución Normal. Aproximación da distribución Binomial pola distribución Normal.
Tema 4. Estimación e intervalos de confianza
Introdución á Inferencia Estatística. Estimación de parámetros. Intervalos de confianza para a proporción e para a media e a varianza dunha poboación Normal.
Tema 5. Contrastes de hipótese
Introdución. Hipótese nula e alternativa. Tipos de erros nun contraste de hipótese. Nivel de significación e potencia dun test. Etapas na resolución dun contraste de hipótese. O nivel crítico ou p-valor. Contrastes cunha mostra: contraste para a proporción, e para a media e ea varianza dunha poboación Normal. Contrastes con dúas mostras: comparación de dúas medias (mostras independentes, mostras apareadas).
Tema 6.- Asociación de variables categóricas.
Introdución. Táboas de continxencia. Contrastes para datos categóricos: test Chi-cadrado.
Tema 7. Modelos de regresión
Introdución aos modelos de regresión. Conceptos xerais. O modelo lineal simple. Estimación dos parámetros: o método de mínimos cadrados. Inferencia sobre os parámetros. Descomposición da variabilidade. Coeficiente de correlación e coeficiente de determinación. Predición.
Cao, R. e outros (1998). Estadística básica aplicada. Tórculo Edicións.
Daniel, W.W. (2002): “Bioestadística. Base para el análisis de las ciencias de la salud”, Limusa Wiley.
García García, V.J. (2014). Estadística descriptiva y Probabilidad. Universidad de Cádiz. Disponible en https://prelo.usc.es/.
Kim, J.S.; Dailey, R.J. (2008): "Biostatistics for Oral Healthcare", Blackwell.
Martín Andrés, A.; Luna del Castillo, J. (2004): “Bioestadística para las ciencias de la salud”, Norma.
Milton, J.S. (2007): “Estadística para Biología y Ciencias de la Salud”, McGraw-Hill-Interamericana.
Montero Fernández, J. e Minuesa Abril, C. (2018). Estadística básica para Ciencias de la Salud. Universidad de Extremadura. Disponible en http://matematicas.unex.es/~jmf/Archivos/Manual%20de%20Bioestad%C3%ADst….
Pagano, M e Gauvreau, K. (2001): “Fundamentos de Bioestadística”, Thomson-Learning.
Paradis, E. (2003). R para principiantes. R Cran. Disponible en https://cran.r-project.org/doc/contrib/rdebuts_es.pdf.
Recursos TIC del Ministerio de Educación, Cultura y Deporte (Proyecto Descartes). http://recursostic.educacion.es/descartes/web/materiales_didacticos/Mue… o http://recursostic.educacion.es/descartes/web/materiales_didacticos/inf….
Requena, F. (2008): “Introducción a la Estadística: Aplicación a la Odontología”, Proyecto Sur.
Rosner, B. (2011): “Fundamentals of Biostatistics”, Duxbury Press.
Smeeton N. (2005): “Dental Statistics Made Easy”, Radcliffe Publishing (Oxford).
Venables, W.N., Smith, D.M. e the R Core Team (2020). An Introduction to R. Notes on R: A Programming Environment for Data Analysis and Graphics (Version 3.6.3). Disponible en https://cran.r-project.org/doc/manuals/r-release/R-intro.pdf.
Dentro desta materia, tratarase de contribuír a que o alumnado acade as competencias recollidas na memoria do título de Grao en Odontoloxía da USC:
BÁSICAS
• CG.07. - Promover a aprendizaxe de maneira autónoma de novos coñecementos e técnicas, así como a motivación pola calidade.
• CG.08. - Saber compartir información con outros profesionais sanitarios e traballar en equipo.
• CG.09. - Comprender a importancia de manter e utilizar os rexistros con información do paciente para a súa posterior análise, preservando a confidencialidade dos datos.
• CG.18. - Coñecer, valorar criticamente e saber utilizar as fontes de información clínica e biomédica para obter, organizar, interpretar e comunicar a información científica e sanitaria.
• CG.19. - Coñecer o método científico e ter capacidade crítica para valorar os coñecementos establecidos e a información novidosa. Ser capaz de formular hipóteses, recolleitar e valorar de forma crítica a información para a resolución de problemas, seguindo o método científico.
ESPECÍFICAS
• CEMII.01. - Coñecer o método científico e ter capacidade crítica para valorar os coñecementos establecidos e a información novidosa.
• CEMII.05. - Coñecer os procedementos e probas diagnósticas clínicas e de laboratorio, coñecer a súa fiabilidade e validez diagnóstica e ser competente na interpretación dos seus resultados.
Docencia expositiva (30 horas): nas sesións de docencia expositiva, o profesorado explicará os conceptos teórico-prácticos dos contidos, apoiándose en presentacións multimedia. Tamén se resolverán algúns problemas tipo, de maneira que o alumnado poida traballar sobre os boletíns de exercicios que se lle facilitarán. Respecto ao material para o seguimento da materia, ademais da bibliografía recomendada, o alumnado disporá de material docente complementario a través do Campus Virtual da materia. Nas sesións de docencia expositiva traballaranse as competencias xerais CG.07, CG.18, CG.19 así como a específica CEMII.01.
Docencia interactiva (26 horas): a docencia interactiva distribúese en seminarios de resolución de exercicios e prácticas de ordenador. Nestas sesións, introducirase ao alumnado no manexo do paquete estatístico R. Tamén se traballará sobre casos prácticos que terán que resolver. Para o seguimento das sesións de ordenador, facilitarase ao alumnado os guións das prácticas. Nas sesións de docencia interactiva, potenciaranse as competencias: CG.07, CG.08, CG.09 e CEMII.05.
Titorías: as titorías están destinadas ao seguimento da aprendizaxe do alumnado. Realizaranse tanto de modo presencial como a través do correo electrónico ou MS Teams. Nestas sesións traballaranse fundamentalmente aquelas competencias relacionadas con razoamento crítico e a capacidade de comunicación.
A metodoloxía será adaptada do seguinte modo aos distintos escenarios posibles:
ESCENARIO 1 (normalidade adaptada)
A docencia expositiva e interactiva será presencial e complementarase co Campus Virtual da materia, no que os/as alumnos/as encontrarán materiais bibliográficos, boletíns de problemas, vídeos explicativos, etc. A través do Campus Virtual, os/as estudantes tamén poderán realizar probas e tarefas para a avaliación continua.
ESCENARIO 2 (distanciamento)
Docencia parcialmente virtual, segundo a distribución organizada pola Facultade de Medicina e Odontoloxía. Para isto, utilizarase o Campus Virtual da materia, con vídeos explicativos, materiais bibliográficos e material complementario para as sesións de prácticas proporcionados polo/a profesor/a, así como sesións síncronas a través de MS Teams. As titorías serán atendidas unicamente por correo electrónico ou a través de MS Teams.
ESCENARIO 3 (peche das instalacións)
Docencia completamente virtual a través do Campus Virtual da materia. Os/as estudantes deberán presentar periodicamente tarefas relacionadas cos contidos cubertos en cada momento que servirán para levar a cabo a parte de avaliación continua.
Avaliación continua (30%): a avaliación continua realizarase en base á participación en dous tipos de tarefas: as asociadas ás sesións interactivas de seminario (resolución de problemas de maneira individual ou en grupo) e as asociadas a sesións interactivas de laboratorio (resolución de exercicios prácticos con programa estatístico R). Estas actividades poderanse realizar tanto de modo presencial como non presencial. Para optar á avaliación continua é necesario asistir como mínimo ao 75% das sesións prácticas. En casos puntuais nos que o/a alumno/a xustifique debidamente ao profesorado a imposibilidade de asistencia ás sesións de prácticas de ordenador, proporanse unha serie de tarefas alternativas a realizar ao longo do curso para poder optar á avaliación continua.
Exame final (70%): o exame final constará de varias cuestiones e exercicios teórico-prácticos sobre os contidos da materia, dentro das que se poderá incluír a interpretación de resultados obtidos co paquete estatístico utilizado na docencia interactiva.
O peso da avaliación continua na oportunidade de recuperación será o mesmo que na convocatoria ordinaria.
A cualificación final da materia non será nunca inferior á nota do exame final nin á nota obtida ponderando o 30% da avaliación continua e o 70% da nota do exame final.
ESCENARIO 1 (normalidade adaptada)
As probas tanto de avaliación continua como o exame final realizaranse de modo presencial, a excepción daquelas tarefas de avaliación continua que se realicen fóra da aula. Para a realización do exame final seguirase o calendario proposto polo centro e respectarase en todo momento a normativa dictada pola USC.
ESCENARIO 2 (distanciamento)
No escenario 2, o sistema de avaliación será o mesmo que o descrito no escenario 1 e tratarase de manter presenciais as probas nas que poidan cumprirse as condicións requiridas pola normativa da USC. De non poder ser presenciais os controles que forman parte da avaliación continua, así como o exame final, serían non presenciais. Para a realización de ditas probas utilizaríase o Campus Virtual para a descarga do exame e a entrega do mesmo unha vez cumprimentado polo/a alumno/a nun tempo limitado. A supervisión das probas realizarase mediante a plataforma corporativa MS Teams: os/as alumnos/as terán que estar conectados/as durante a proba á sesión que cada grupo terá co profesorado. A supervisión non será gravada, pero o profesorado pode solicitar, se o estima oportuno, a exhibición dun documento de identificación.
ESCENARIO 3 (peche das instalacións)
No escenario 3, o sistema de avaliación será o mesmo que o descrito no escenario 1 con tódalas probas non presenciais. Estas probas serán tal como están descritas no escenario 2.
Nótese que, para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas, será de aplicación o recollido na “Normativa de evaluación del rendimiento académico de los estudiantes y de la revisión de las calificaciones”.
Nesta materia, o alumnado conta con 56 horas de docencia presencial (30 horas de docencia expositiva e 26 horas de docencia interactiva). Por cada hora de docencia expositiva, considérase necesario dedicar ao estudio ao redor de 1.5 horas de traballo do alumnado (revisión de conceptos e consulta de bibliografía).
En relación coa docencia interactiva, por cada hora considérase necesaria unha hora para a revisión da clase. A maiores, o alumnado debe ter en conta que é necesario practicar a resolución de problemas (dos boletíns ou da bibliografía recomendada).
A asistencia ás sesións expositivas e interactivas é fundamental para o seguimento e superación da materia. O alumnado deberá realizar todas as actividades recomendadas polo profesorado (resolución de problemas, revisión de bibliografía e exercicios prácticos) para superar con éxito a materia.
Plan de continxencia
1. No caso de que non resulte posible impartir a docencia presencial, será substituída por docencia síncrona a través da plataforma MS Teams (seguindo os horarios establecidos polo centro), complementada con orientacións, vídeos explicativos e exercicios resoltos no Campus Virtual.
2. Os exames e probas de avaliación continua terán carácter presencial ou telemático dependendo do escenario.
3. Esta guía e os criterios e metodoloxías en ela descritos están suxeitos ás modificacións que se deriven de normativas e directrices da USC.
Maria Isabel Borrajo Garcia
Coordinador/a- Departamento
- Estatística, Análise Matemática e Optimización
- Área
- Estatística e Investigación Operativa
- Correo electrónico
- mariaisabel.borrajo [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Profesor Axudante Doutor LOU
Luns | |||
---|---|---|---|
09:30-10:30 | Grupo /CLE_01 | Galego | Odontoloxía-Salón de Actos |
Martes | |||
09:30-10:30 | Grupo /CLE_01 | Galego | Odontoloxía-Salón de Actos |
12:30-13:30 | Grupo /CLIL_01 | Galego | Odontoloxía-Salón de Actos |
Mércores | |||
11:30-13:30 | Grupo /CLIL_01 | Galego | Odontoloxía-Salón de Actos |
21.01.2021 16:00-18:00 | Grupo /CLE_01 | Odontoloxía-A. Suárez Nuñez |
21.01.2021 16:00-18:00 | Grupo /CLE_01 | Odontoloxía-Aula 3 |
01.07.2021 16:00-18:00 | Grupo /CLE_01 | Odontoloxía-A. Suárez Nuñez |
01.07.2021 16:00-18:00 | Grupo /CLE_01 | Odontoloxía-Aula 3 |