Créditos ECTS Créditos ECTS: 4.5
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 74.2 Horas de Titorías: 2.25 Clase Expositiva: 18 Clase Interactiva: 18 Total: 112.45
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía
Áreas: Psicobioloxía
Centro Facultade de Psicoloxía
Convocatoria: Primeiro semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
Para superar con éxito o curso as e os estudantes deben, ao seu remate:
-Coñecer a perspectiva da Neurociencia Cognitiva no estudo do comportamento humano e os procesos psicolóxicos, as súas contribucións e limitacións; ter en conta esta perspectiva ao conformar o seu coñecemento do comportamento humano.
-Coñecer, a un nivel básico e xeral, as bases biolóxicas dos procesos cognitivos superiores, nomeadamente atención, memoria, linguaxe, procesos de resposta e funcións executivas.
-Coñecer e saber manexar, a un nivel de iniciación, as técnicas e procedementos de rexistro psicofisiolóxico no estudo dos procesos cognitivos.
1. Introdución á Neurociencia Cognitiva
Que estuda e como o fai. Aproximación ás técnicas e procedementos de estudo das bases neurais dos procesos cognitivos.
2. Atención
Formas básicas da atención: atención esóxena vs. endóxena. Bases neurais da atención: substratos neuroanatómicos e neurofuncionais das redes atencionais. Alerta, orientación e atención executiva. Influencia das emocións sobre a atención. Rexistro de correlatos psicofisiolóxicos da atención en humanos mediante electrofisioloxía non invasiva.
3. Memoria.
Bases neurais da memoria: substratos neuroanatómicos e neurofuncionais dos sistemas de memoria e dos procesos de memoria. Sistemas de memoria: memoria a curto prazo e memoria a longo prazo; memoria declarativa e memoria non declarativa. Procesos de memoria: codificación, almacenamento e recuperación. Influencia das emocións sobre a memoria. Rexistro de correlatos psicofisiolóxicos da memoria en humanos mediante electrofisioloxía non invasiva.
4. Linguaxe
Bases neurais da linguaxe: substratos neuroanatómicos e neurofuncionais. Linguaxe e especialización hemisférica. Adquisición da linguaxe. Comprensión e produción lingüística. Rexistro de correlatos psicofisiolóxicos de procesos relacionados coa linguaxe en humanos mediante electrofisioloxía non invasiva.
5. Procesos de resposta
Bases neurais dos procesos de resposta e da cognición motora: substratos neuroanatómicos e neurofuncionais dos mecanismos de selección e preparación de respostas motoras, da observación de accións e da imaxinación motora. Rexistro dos correlatos psicofisiolóxicos dos procesos de resposta en humanos mediante electrofisioloxía non invasiva
6. Funcións executivas
Bases neurais das funcións executivas: planificación da conduta, conduta dirixida a obxectivos; control da conduta e das emocións; flexibilidade. O córtex prefrontal. Influencia das emocións sobre os procesos executivos. Rexistro de correlatos psicofisiolóxicos de funcións executivas en humanos mediante electrofisioloxía non invasiva.
Bibliografía básica:
Bear, M.F., Connors, B., e Paradiso, M. (2016). Neurociencia. La exploración del cerebro, 4ª Ed. Barcelona: Wolters Kluwer, Lippincott Williams & Wilkins. (orixinal en inglés: 2015). [Ref. Biblioteca: PS6-1943].
Carlson, N.R., e Birkett, M.A. (2018). Fisiología de la conducta, 12ª Ed. Madrid: Pearson Educación (orixinal en inglés: 2017). [Ref. Biblioteca: PS6-1534]
Carretié Arangüena, L. (2016). Anatomía de la Mente. Emoción, cognición y cerebro, 2ª Ed. Madrid: Pirámide. [Ref. Biblioteca: PS6-1840]
Maestú Unturbe, F., Ríos Lago, M., e Cabestrero Alonso, R. (2008). Neuroimagen. Técnicas y procesos cognitivos. Barcelona: Elsevier-Masson. [Ref. Biblioteca: PS6-1683]
Redolar, D. (2014). Neurociencia cognitiva. Madrid: Editorial Médica Panamericana. [Ref. Biblioteca: PS8-1651]
NOTA:
Ademais dos manuais xerais referenciados aquí, nas clases proporcionarase bibliografía e documentación máis específica para cada tema.
Os materiais e a documentación esencial para o adecuado estudo da materia será facilitado, sempre dentro do respecto ás disposicións legais relativas á propiedade intelectual, a través do Campus Virtual.
Bibliografía complementaria:
Banich, T. e Compton, R.J. (2018). Cognitive Neuroscience, 4th Ed. Cambridge, UK: Cambridge University Press. [Ref. Biblioteca: PS6-1755]
Breedlove, S.M., e Watson, N.V. (2018). Behavioral Neuroscience, 8th Ed. Sunderland, MA-US: Sinauer Ass., Inc. [Ref. Biblioteca: PS6-1752]
Gage, N.M., e Baars, B. (2018). Fundamentals of Cognitive Neuroscience: A Beginner’s Guide, 2nd Ed. London: Academic Press. [Ref. Biblioteca: PS6-1935]
Mora, F., e Sanguinetti, A.M. (2004). Diccionario de Neurociencias. Madrid: Alianza Editorial. [Ref. Biblioteca: DIC15 71]
Purves, D., Cabeza, R., Huettel, S.A., LaBar, K.S., Platt, M.L., e Woldorff, M.G. (2013). Principles of Cognitive Neuroscience, 2nd Ed.. Sunderland, MA-US: Sinauer Ass., Inc. [Ref. Biblioteca: PS6-1701]
Ward, J. (2015). The student's guide to Cognitive Neuroscience, 3rd Ed. New York, US: Psychology Press. [Ref. Biblioteca: PS6-1810]
Das competencias específicas establecidas para o Título, nesta materia abórdanse as seguintes:
- Coñecer e comprender as funcións, características, contribucións e limitacións dos distintos modelos teóricos da Psicoloxía
- Coñecer e comprender as leis básicas dos procesos psicolóxicos
- Coñecer e comprender os fundamentos biolóxicos da conduta humana e das funcións psicolóxicas
- Saber identificar as características relevantes do comportamento dos individuos, grupos, organizacións e contextos, mediante os métodos, técnicas e instrumentos propios da avaliación psicolóxica
- Saber seleccionar e administrar técnicas e instrumentos propios e específicos da psicoloxía
- Saber elaborar informes psicolóxicos en distintos ámbitos de actuación, dirixidos aos destinatarios e a outros profesionais
- Saber axustarse ás obrigas deontolóxicas da psicoloxía.
Estas competencias específicas da titulación concrétanse, no marco da materia en:
- Coñecer e comprender as bases biolóxicas dos procesos cognitivos, cunha noción básica e xeral das estruturas anatómicas, os circuítos e redes de relacións funcionais entre elas, e os mecanismos fisiolóxicos que dan lugar a estes procesos.
- Incorporar a perspectiva psicobiolóxica á comprensión, avaliación e explicación do comportamento humano en xeral, e dos procesos cognitivos en particular
- Ler comprensivamente e extraer a información relevante de materiais científicos do nivel de manuais avanzados en materia de Neurociencia Cognitiva. Ler e extraer a información esencial de materiais do nivel de artigos científicos en materia de Neurociencia Cognitiva.
- Manexar, a un nivel inicial, algunhas técnicas de rexistro electrofisiolóxico non invasivo en humanos como procedemento de aproximación neurocientífica aos procesos cognitivos e informar dos resultados das avaliacións mediante estas técnicas.
- Sesións expositivas: De acordo coa programación realizada polo Decanato da Facultade, as clases expositivas presenciais redúcense ao 50% e terán lugar en semanas alternas, en grupos do 50% de tamaño previsto ordinariamente. Por tanto, as clases expositivas presenciais redúcense ao 50%. Neste contexto, prográmanse 12 sesións de 50’ (2 clases quincenais, en semans alternas), destinadas a expoñer os tópicos máis relevantes e/ou complexos do programa. Compleméntanse cunha sesión de titoría telemática semanal (vía foros do Campus Virtual -CV- e videoconferencia por Teams) que se realizará, para cada grupo, na semana seguinte en que non teñan clases teóricas presenciais, para resolver dúbidas sobre os contidos abordados na semana previa. Para isto facilitarase por adiantado a bibliografía e a documentación básica de estudo para cada tema.
- Sesións interactivas: As sesións interactivas presenciais redúcense tamén ao 50% para poder axustar o tamaño dos grupos ao aforo da aula de prácticas. Así, realizaranse 3 sesións de prácticas presenciais (de 1h20’) que se desenvolverán ao longo de 2 semanas cada unha (16 grupos) e se modifican para evitar o contacto físico entre persoas. As 3 restantes prácticas previstas transfórmanse en actividades/tarefas que se podan realizar autonomamente e que se programarán en semanas que non coincidan coas prácticas presenciais.
Destínanse a procurar unha aproximación máis práctica aos contidos do programa (mediante rexistros psicofisiolóxicos, resolución de cuestións ou problemas sobre estudos científicos, etc.), e incidindo na reflexión ética e deontolóxica. A asistencia é obrigatoria nos termos que se indican no apartado de avaliación e se verificará pasando lista. Sobre os traballos desenvolvidos nestas sesións deberanse presentar informes escritos que se entregarán a través do CV e que serán parte da avaliación continua da materia.
- Sesións de revisión/titoría en grupo: para revisar o seguimento do curso e o grao de cumprimento das actividades realizadas até ese momento, e proporcionar, de ser o caso, indicacións correctoras. Serán dúas sesións, na metade e ao final do semestre, de entre 30 e 45 minutos de duración cada unha.
- Traballo autónomo do/a estudante:Lectura de materiais complementarios, elaboración dos informes asociados ás sesións interactivas e aos exercicios de clase e estudo dos contidos. A redución das clases presenciais fai necesario que o/a estudante compense ese tempo traballando o material que se facilitará a través do CV antes das sesións de titoría telemática programadas, para identificar e poder resolver dúbidas. É esencial o estudo da bibliografía básica recomendada para os diferentes temas tratados no programa.
- Titorías individuais: O profesorado da materia estará dispoñible en horario de titorías (nos sitios e horas indicados nos seus horarios académicos), para atender dúbidas e calquera cuestión respecto do desenvolvemento da materia e os seus contidos. De acordo co protocolo para unha docencia segura, para titoría presencial débese solicitar cita previa a través do correo-e.
- Soporte da materia a través das TIC: Os materiais de apoio gráfico e os guións utilizados nas clases, así como a documentación esencial para o estudo da materia estará a disposición dos e das estudantes a través do CV. Tamén se utilizará este soporte para facilitar materiais complementarios de estudo que se consideren pertinentes, para a entrega de tarefas e exercicios, para a participación en foros de discusión, se procede, e para avisos relativos a aspectos organizativos da materia, polo que se debe consultar con asiduidade esa plataforma e o correo-e da universidade.
NOTA: En función da situación sanitaria, a metodoloxía pode sufrir cambios que permitan adaptala a escenarios de docencia telemática ou de semipresencialidade (ver Plan de Continxencia no apdo. de Observacións).
A avaliación e cualificación da aprendizaxe e das competencias adquiridas realizarase mediante actividades de avaliación continua (40% do peso da cualificación) e de avaliación final (60%):
(1) A avaliación continua (40%) virá definida polos informes correspondentes ás sesións interactivas (20%) e por un exame parcial (20%); a avaliación final (60%) consistirá nun exame ao remate do semestre, sobre todo o contido da materia impartido/traballado ao longo do curso.
a) Informes correspondentes ás sesións interactivas (20%). Deberá entregarse un informe (individual) por cada sesión interactiva. Para a avaliación terase en conta: a corrección dos datos recollidos e a súa correcta interpretación; a adecuación da información aportada nas respostas, tendo en conta a asimilación e integración de coñecementos; a calidade da redacción (corrección terminolóxica, calidade expresiva, esforzo de redacción propia e individual).
Requisitos: É necesario asistir a un mínimo de 2 das 3 sesións presenciais e entregar un mínimo de 5 dos 6 informes de actividades para poder superar a materia, así como acadar un mínimo do 30% da cualificación máxima (0,6 sobre 2) para que esta parte da avaliación conte de modo efectivo e se sume á nota final. Non se avaliarán informes entregados fóra de prazo (este se indicará para cada sesión, e poderá oscilar entre 2 e 7 días desde a realización da práctica) nin de sesións ás que non se asistira.
b) Exame de avaliación parcial (20%). Realizarase na segunda metade do semestre, sobre a parte do programa traballado até ese momento, na data que se concretará na primeira semana do curso. Terá as mesmas características que o exame final, que se detallan a seguir. Relizarase, de non mudar o escenario organizativo da docencia, de modo remoto, mediante as ferramentas corporativas do CV e do Teams, se ben se tratará (se é posible) de habilitar espazo na Facultade para realizalo.
Requisitos: Será necesario acadar un mínimo do 30% da cualificación máxima (0,6 puntos sobre 2) para que se sume á nota final.
c) Exame final (60%). Terá lugar na data oficialmente prevista pola Facultade (mes de xaneiro) e incluirá a totalidade do programa (a avaliación parcial, xa que logo, non "libera materia").
Requisitos: Será igualmente necesario acadar un mínimo do 30% da cualificación máxima (1,8 puntos sobre 6) para que se compute na nota final.
Os exames (parcial e final) constarán de preguntas abertas, de extensión breve ou media, sobre os contidos do programa explicados e traballados nas clases (expositivas e interactivas). Avaliaranse tomando en conta, como referencia principal, a bibliografía que para a súa preparación se recomende ao longo do curso e a documentación achegada nas clases. Terase en conta o coñecemento dos contidos e a calidade da redacción (corrección terminolóxica, calidade expresiva), así como a evidencia de asimilación e integración de coñecementos fronte á mera reprodución literal dos documentos de estudo.
d) A cualificación final poderá ser modulada até nun 5% (máximo 0,5 puntos) pola realización dunha actividade complementaria de lectura e recensión dun libro de entre as opcións que se presentarán ao comezo do curso; deberá entregarse no contorno do mes de novembro, na data que se fixará ao comezo de curso.
A realización/entrega de calquera das probas de avaliación continua (prácticas/exame parcial) implica a incorporación ao proceso de seguimento e avaliación do curso, polo que implicará unha cualificación final da materia aínda no caso de non concorrer ao exame final.
Na SEGUNDA OPORTUNIDADE para a superación da materia, prevista no mes de xuño/xullo para aqueles/as estudantes que non aprobasen na primeira oportunidade, realizarase un exame das mesmas características do exame final do mes de xaneiro. Terase en conta, ademais, a cualificación das prácticas (20%); en canto ao exame parcial, o/a estudante poderá, no caso de non telo aprobado, solicitar que non se teña en conta; nese caso o exame de xullo terá un peso do 80%.
NOTA 1. Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recollido na Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións.
NOTA2: En función da situación sanitaria, o sistema de avaliación pode sufrir cambios que permitan adaptala a escenarios de docencia telemática ou de semipresencialidade (ver Plan de Continxencias no apdo. de Observacións).
SITUACIÓNS ESPECIAIS:
Para as persoas que teñan obtido autorización para DISPENSA DE ASISTENCIA a clase contémplase unha avaliación final única, baseada no exame final (80%) e un traballo a realizar durante o curso, que se concretará con cada estudante (20%).
Os/as estudantes de MOBILIDADE SAÍNTE que, durante o mesmo semestre, cursasen e non superasen unha materia equivalente noutra universidade poderán examinarse na "segunda oportunidade" nas condicións fixadas polo artigo 11.6 do Regulamento de intercambios interuniversitarios de estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (Consello de Goberno do 26/10/2012, DOG 28/11/2012). O exame final valerá até un 80% da cualificación ao que poderán sumar a parte correspondente ás prácticas (até o 20%) se presentan un informe das prácticas realizadas na materia equivalente, xunto cunha valoración do seu traballo nelas do profesor responsable da Universidade en que cursaron a materia.
Os/as estudantes de MOBILIDADE ENTRANTE serán avaliados cos mesmos criterios e requisitos que os estudantes da USC. Non obstante, no caso de non superar a materia na primeira oportunidade, se a súa estadía fose só do 1º semestre, poderáselles realizar o exame da segunda oportunidade en data adiantada, previa sinatura dunha declaración responsable renunciando a presentarse na data oficial.
Para OUTRAS CONDICIÓNS para as que a lexislación vixente recoñeza algún tipo de dereito específico de adaptación curricular (discapacidade, vítimas de violencia de xénero, deportistas de alto nivel, etc.), as condicións de adaptación definiranse particularmente, atendendo á situación concreta, nun rango que vai desde as condicións xerais ás definidas para os casos de dispensa.
A materia consta de 4,5 créditos, o que corresponde a un total estimado de 112,5 h de traballo do/a estudante, que se estiman repartidas do seguinte xeito:
Asistencia a actividades presenciais (docencia, avaliación): 20,5 h (ver distribución e obxectivos no epígrafe de "metodoloxía da ensinanza").
Traballo non presencial: 92 h. Este deberá distribuírse na elaboración de informes de prácticas, (aprox. 12 h), preparación previa das clases e das titorías programadas (aprox. 12 h) e a lectura e estudo de materiais (aprox. 68 h).
Para un correcto seguimento desta materia recoméndase:
(1)Ter conseguidos os obxectivos establecidos no plan de estudos para o 1º curso do Grao, nomeadamente no relativo ás materias máis directamente relacionadas con esta: Fundamentos Biolóxicos da Conduta; Neurociencia Condutual; Motivación, Emoción e Condicionamento.
(2) Levar ao día as restantes materias de 1º cuadrimestre de 2º curso, con especial atención tamén ás máis vinculadas a esta: Percepción e Atención; Psicoloxía da Memoria; Aprendizaxe.
(3) Capacidade de lectura de textos científicos básicos, do ámbito da Psicoloxía, en inglés.
(4) Seguimento continuado da materia: realización das actividades que se programen, lectura dos materiais e estudo dos contidos.
(5) Asistencia a titorías para a resolución de dúbidas ou a orientación no proceso de aprendizaxe.
PLAN DE CONTINXENCIA - Metodoloxía da ensinanza e sistema de avaliación nos escenarios 2 e 3 contemplados pola USC en relación coa situación sanitaria derivada da pandemia da COVID-19.
A adaptación ao Escenario 2 preséntase xa integrada no texto base do programa, por ser este o escenario no que comezarán as clases o día 21 de setembro. Mantense aquí a información relativa ao Escenario 3.
En caso de que, por mor da situación sanitaria, se establezan restricións á actividade docente presencial, contémplanse as seguintes adaptacións na metodoloxía de ensino e no sistema de avaliación.
Con carácter xeral, para todas as actividades que se desenvolvan en formato telemático, as plataformas e aplicacións informáticas a empregar serán o Teams de Microsoft (para vídeo-comunicación) e o Campus Virtual de Moodle (para realización e entrega de exercicios, tarefas de clase, informes de prácticas, probas de avaliación, e para comunicacións mediante foros). Sempre mediante o usuario corporativo e sen detrimento do uso do correo-e (igualmente corporativo) para comunicación simple e individualizada.
METODOLOXÍA DE ENSINO:
Escenario 3 (restrición total da presencialidade).
- Sesións expositivas: A docencia desenvolverase completamente en remoto, de xeito síncrono e respectando os horarios do Escenario 1. A exposición de contidos nestas clases focalizarase nos aspectos máis esenciais e/ou complexos, e se complementará con resolución de dúbidas e/ou realización de actividades sobre os contidos.
- Sesións interactivas: As prácticas non dependentes de equipamento específico de laboratorio realizaranse de modo remoto-síncrono. Aquelas que dependan de equipamento serán substituídas por actividades (exercicios, problemas, etc.) implementables en remoto.
- Sesións de revisión/titoría en grupo: substitúense por retroalimentación sobre as actividades entregada vía CV a través desa mesma ferramenta e, de ser o caso, o Teams.
- Traballo autónomo do/a estudante: nos mesmos termos que no escenario 1.
- Titorías individuais: nos mesmos termos que no escenario 1, realizaranse exclusivamente mediante comunicación telemática.
- Soporte da materia a través das TIC: ao contemplado no escenario 1 engádese o uso da plataforma Teams para as sesións de clase / titorías en remoto.
SISTEMA DE AVALIACIÓN
Escenario 3 (restrición total da presencialidade).
Será o mesmo que nos escenarios 1 e 2, coa diferenza de que os exames se realizarán en modo remoto por vía telemática, a través do CV complementado co Teams; o tipo de exame será o especificado para o escenario 1.
Maria Elena Amenedo Losada
- Departamento
- Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía
- Área
- Psicobioloxía
- Teléfono
- 881813799
- Correo electrónico
- elena.amenedo [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Titular de Universidade
Socorro Rodríguez Holguín
Coordinador/a- Departamento
- Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía
- Área
- Psicobioloxía
- Teléfono
- 881813911
- Correo electrónico
- rodriguez.holguin [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Titular de Universidade
Fernando Díaz Fernández
- Departamento
- Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía
- Área
- Psicobioloxía
- Teléfono
- 881813800
- Correo electrónico
- fernando.diaz [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Catedrático/a de Universidade
Maria Leiros Lorenzo
- Departamento
- Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía
- Área
- Psicobioloxía
- Categoría
- Predoutoral Xunta
Alba Fernandez Rodriguez
- Departamento
- Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía
- Área
- Psicobioloxía
- Correo electrónico
- alba.rodriguez [at] usc.es
- Categoría
- Predoutoral Ministerio
Xoves | |||
---|---|---|---|
13:10-14:00 | Grupo A (A-L) | Galego | Aula 6 |
14:10-15:00 | Grupo B (M-Z) | Galego | Aula 7 |
Venres | |||
12:10-13:00 | Grupo B (M-Z) | Galego | Aula 7 |
13:10-14:00 | Grupo A (A-L) | Galego | Aula 6 |
18.01.2021 12:30-15:00 | Grupo A (A-L) | Aula 1 |
18.01.2021 12:30-15:00 | Grupo B (M-Z) | Aula 1 |
18.01.2021 12:30-15:00 | Grupo B (M-Z) | Aula 5 |
18.01.2021 12:30-15:00 | Grupo A (A-L) | Aula 5 |
18.01.2021 12:30-15:00 | Grupo A (A-L) | Aula 6 |
18.01.2021 12:30-15:00 | Grupo B (M-Z) | Aula 6 |
18.01.2021 12:30-15:00 | Grupo A (A-L) | Aula 7 |
18.01.2021 12:30-15:00 | Grupo B (M-Z) | Aula 7 |
28.06.2021 12:30-15:00 | Grupo B (M-Z) | Aula 1 |
28.06.2021 12:30-15:00 | Grupo A (A-L) | Aula 1 |
28.06.2021 12:30-15:00 | Grupo A (A-L) | Aula 3 |
28.06.2021 12:30-15:00 | Grupo B (M-Z) | Aula 3 |
28.06.2021 12:30-15:00 | Grupo A (A-L) | Aula 2 |
28.06.2021 12:30-15:00 | Grupo B (M-Z) | Aula 2 |