Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 90 Horas de Titorías: 1 Clase Expositiva: 37 Clase Interactiva: 8 Clínicos EEES: 14 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Patoloxía Animal
Áreas: Sanidade Animal
Centro Facultade de Veterinaria
Convocatoria: Primeiro semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
Coñecer os principais feitos históricos que contribuíron ao desenvolvemento científico das enfermidades infecciosas.
• Coñecer os conceptos básicos e a terminoloxía utilizada no estudo das enfermidades infecciosas.
• Comprender o papel que os axentes infecciosos, o hospedeiro e o medio ambiente xogan como factores determinantes da enfermidade infecciosa.
• Comprender a importancia económica e sanitaria das enfermidades infecciosas.
• Coñecemento e aplicación dos estudos epidemiolóxicos no estudo das enfermidades infecciosas.
• Realizar unha historia clínica adecuada (obtención de información sobre unha enfermidade).
• Recollida de mostras convenientes e envío correcto ao centro de diagnóstico correspondente, coa finalidade de lograr o diagnóstico dunha enfermidade infecciosa concreta.
• Poder determinar a orixe dunha enfermidade cuxa causa é coñecida e investigar e controlar unha enfermidade cuxa causa se descoñece inicialmente.
• Coñecer as técnicas de laboratorio máis habitualmente empregadas no diagnóstico das enfermidades infecciosas, poder empregalas, saber interpretalas e poder valoralas na súa utilidade práctica.
• Recoñecer as enfermidades infecciosas máis importantes nas diferentes especies de ruminantes e aves estudadas desde o punto de vista diferencial e baseándose en datos epidemiolóxicos, síntomas e lesións.
• Establecer os tratamentos e as medidas máis correctas de profilaxe médica, vacinal, de bioseguridade e de manexo, acordes co sistema de explotacións, para evitar a chegada de enfermidades infecciosas do exterior, ou impedir a diseminación das xa existentes e diminuír os seus efectos cando sexa posible.
• Seguimento e avaliación dos programas de control dunha enfermidade.
O obxectivo final será que o alumno se atope en perfectas condicións para exercer profesionalmente en base aos seus coñecementos específicos da materia, @teniendo en cuenta, sobre todo, o criterio e o carácter aplicativo da disciplina.
Programa teórico:
O programa consta dos seguintes apartados: enfermidades infecciosas do gando vacún (12 temas), enfermidades infecciosas dos pequenos ruminantes (8 temas) e enfermidades infecciosas das aves (6 temas):
• BLOQUE 1: GANDO VACUNO
o Tema 1.- Rinotraqueíte infecciosa bovina.
o Tema 2.- Diarrea vírica bovina / enfermidade das mucosas.
o Tema 3.- Paratuberculose bovina.
o Tema 4.- Mamites bovinas.
o Tema 5.- Síndrome respiratorio bovino: infeccións por parainfluenza-3 e virus respiratorio sincitial. Adenovirose. Pasteurelose.
o Tema 6.- Diarreas neonatais bovinas: infeccións por rotavirus, coronavirus e outros virus entéricos. Colibacilose. Salmonelose.
o Tema 7.- Carbunco bacteridiano. Carbunco sintomático. Outras enfermidades causadas por clostridios: tétanos e botulismo.
o Tema 8.- Outras enfermidades que causan abortos: leptospirose, clamidiose, campilobacteriose, listeriose, febre Q, anaplasmose e aborto micótico.
o Tema 9.- Encefalopatía esponxiforme bovina. Outros procesos nerviosos: meningoencefalite tromboembólica, listeriose, rabia e enfermidade de Aujeszky.
o Tema 10.-. Enfermidades incluidas en programas oficiais de erradicación e de vixilancia en ruminantes: tuberculose bovina. Brucelose bovina. Perineumonía contaxiosa bovina. Leucose enzoótica bovina.
o Tema 11.- Enfermidades cutáneas: Micoses. Queratoconxuntivite bovina. Outros procesos cutáneos: viruelas, dermatose nodular contaxiosa, dermatofitose, papilomatose, actinobacilose, actinomicose, piobacilose, necrobacilose y nocardiose.
o Tema 12.- Enfermidades exóticas de interese: febre catarral maligna. Peste bovina. Febre aftosa e outras enfermidades vesiculares.
• BLOQUE 2: PEQUENOS RUMINANTES
o Tema 13.- Complexo respiratorio dos óvidos: infeccións por Parainfluenza, adenovirose y pasteurelose. Pleuroneumonía contaxiosa dos pequenos ruminantes.
o Tema 14.- Maedi-Visna. Artrite-encefalite caprina. Adenomatose pulmonar ovina. Scrapie.
o Tema15.- Enterotoxemias.
o Tema 16.- Síndrome de agalaxia contaxiosa nos pequenos ruminantes.
o Tema 17.- Procesos que causan problemas reprodutivos en pequenos ruminantes. Febre Q, aborto enzoótico ovino e outros.
o Tema 18.- Lingua azul.
o Tema 19.- Linfadenite caseosa.
o Tema 20.- Necrobacilose e outros procesos de interese.
• BLOQUE 3: AVES
o Tema 21.- Enfermidades respiratorias (I): Enfermidade de Newcastle. Influenza aviar.
o Tema 22.- Enfermidades respiratorias (II): Enfermidade respiratoria crónica. Bronquite infecciosa. Laringotraqueite. Pasteurelose. Psitacose-Ornitose.
o Tema 23.- Salmonelose aviar.
o Tema 24.- Colibacilose.
o Tema 25.- Enfermidades tumorais de orixe vírica: enfermidade de Marek. Leucose aviar.
o Tema 26.- Enfermidades inmunosupresoras: enfermidade de Gumboro.
O estudo das principais enfermidades infecciosas distribuirase por especies animais e cada enfermidade desenvolverase seguindo o esquema seguinte:
• Definición e sinonimias.
• Aspectos históricos, se é pertinente.
• Importancia económica e sanitaria.
• Etioloxía: resaltaranse as características do axente infeccioso que teñen influencia na patoxenia ou nos mecanismos inmunitarios, así como na epidemioloxía, diagnóstico e profilaxe da enfermidade.
• Epidemioloxía: estudaranse a distribución xeográfica da enfermidade, as interaccións axente- hospedeiro-ambiente, a transmisión e mantemento da infección, morbilidade e letalidade, etc.
• Patoxenia.
• Sintomatoloxía e lesións: estes datos xunto coa epizootioloxía da enfermidade permitiranlle ao futuro veterinario establecer un diagnóstico clínico.
• Diagnóstico: establecerase o diagnóstico clínico en base aos datos epidemiolóxicos, os síntomas e as lesións da enfermidade. Así mesmo, estudarase o diagnóstico de laboratorio, que comprende os métodos directos e indirectos para comprobar a intervención ou a presenza do axente patóxeno.
• Tratamento: mencionaranse aqueles tratamentos posibles e a súa eficacia.
• Profilaxe: profilaxe vacinal e médica, medidas de bioseguridade e de manexo.
Duración aproximada: 45 horas
• 1h presentación
• 28 h bloque 1: aproximadamente 2 horas por tema + 6 horas de prácticas de encerado (1 hora/práctica)
• 9 h bloque 2: aproximadamente 1hora por tema + 2 horas de prácticas de encerado (1 hora/práctica)
• 7 h bloque 3: aproximadamente 1 hora por tema
Prácticas de encerado:
Realizaranse 8 sesións ao longo do curso sobre diferentes aspectos prácticos relacionados coa sanidade en cada especie estudada:
1.- Toma e envío de mostras ao laboratorio (PE1).
2.- Seroloxía: aplicacións prácticas (PE2).
3.- Uso racional de antibióticos e interpretación de antibiogramas (PE3).
4.- Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) (PE4).
5.- Funcións do/a veterinario/a de explotación (PE5).
6.- Funcións do/a veterinario/a que xestiona os programas de mellora da calidade do leite (PE6).
7.- Deseño e avaliación de programas sanitarios (2 h, PE7 e PE8).
Prácticas clínicas:
Realizaranse 14 horas de prácticas divididas en 4 sesións:
• Práctica 1: programas de control en pequenos ruminantes (C1, 4 h).
• Práctica 2: control das mamites en vacún (C2, 4 h).
• Práctica 3: programas de control en vacún (C3, 4 h).
• Práctica 4: avicultura (C4, 2 h).
O contido destas prácticas clínicas versará sobre diferentes aspectos prácticos das enfermidades infecciosas das especies de animais incluídas no temario:
• Valoración de factores de risco
• Valoración da situación sanitaria dunha explotación/colectivo
• Recollida de mostras biolóxicas de diversa índole
• Tratamento e control de enfermidades infecciosas
NOTA: lémbrase que en ningún caso poderán realizarse fotos ou vídeos das prácticas clínicas sen a autorización expresa do propietario das instalacións ou o docente responsable.
Básica:
• SCOTT P.R.; PENNY C.D.; MACRAE A.I. 2011. Cattle medicine. Manson Publishing Ltd. London, UK.
• PEEK S.F.; DIVERS T.J. 2018. Rebhun´s diseases of dairy cattle, 3rd edition. Elsevier. St. Louis, USA.
• CONSTABLE P.D.; HINCHCLIFF K.W.; DONE S.H.; GRÜNBERG W. 2017. Veterinary Medicine: a textbook of the diseases of cattle, horses, sheep, pigs and goats, 11th edition. Elsevier. St. Louis, USA.
• GARCÍA-BOCANEGRA I.; ZAFRA R. 2019. Enfermedades infectocontagiosas en rumiantes, 1a edición. Elsevier España. Barcelona, España.
• PUGH D.G.; BAIRD A.N. 2012. Sheep and goat medicine, 2nd edition. Elsevier Saunders. Maryland Heights, USA.
• AITKEN I.D. 2007. Diseases of sheep, 4th edition. Blackwell Publishing. Oxford, UK.
• SMITH M.C.; SHERMAN D.M. 2009. Goat medicine, 2nd edition. Wiley-Blackwell. Ames, USA.
• BOULIANNE M. 2012. Avian disease manual, 7th edition. American Association of Avian Pathologists, Inc. Florida, USA.
• TULLY JR T.N.; DORRESTEIN G.M.; JONES A.K. 2009. Handbook of avian medicine, 2nd edition. Elsevier Saunders. Maryland Heights, USA.
• DINEV I. 2011. Enfermedades de las aves, atlas a color 2ª edición. CEVA. Perú.
Complementaria:
• KAHN C.M.; LINE S. 2012. Manual Merck de Veterinaria, 6ª edición. Océano, Barcelona, España.
• CONTRERAS A.; SÁNCHEZ A.; CORRALES J. C. 2001. Epidemiología veterinaria. Universidad de Murcia. Murcia.
• MACLACHLAN N.J. ET AL. 2017. Fenner´s Veterinary Virology, 5th edition. Academic Press, London, UK.
• MARKEY B. ET AL. 2013. Clinical Veterinary Microbiology, 2nd edition. Mosby Elsevier. St. Louis, USA.
• QUINN P.J. ET AL. 2017. Microbiología y enfermedades infecciosas veterinarias (2017). 2º edición. Editorial Acribia.
• RADOSTIS O. M. 2000. Examen y diagnóstico clínico en veterinaria. Mc Graw-Hill. México.
• Webs de interese:
o https://www.merckvetmanual.com
o https://www.oie.int/es/que-hacemos/normas/codigos-y-manuales/
o http://www.vetresponsable.es/vet-responsable/espanol/inicio_55_1_ap.html
o http://www.cfsph.iastate.edu/
o http://www.neurovideos.vet.cornell.edu/index.aspx
Competencias xenéricas:
• Capacidade de análise e síntese (GVUSC-02).
• Capacidade de aplicar os coñecementos na práctica (GVUSC-05).
• Capacidade de traballar de forma autónoma e en equipo (GVUSC-06).
Competencias disciplinares:
• Principios básicos e aplicados da resposta inmune (CEDVUSC-05).
• Coñecemento e diagnóstico das distintas enfermidades animais, individuais e colectivas, e as súas medidas de prevención, con especial énfase nas zoonoses e nas enfermidades de declaración obrigatoria (CEDVUSC-08).
Competencias profesionais:
• Realizar a historia e a exploración clínica dos animais (D1VUSC-01).
• Recoller e remitir especímenes co seu correspondente informe (D1VUSC-02).
• Diagnosticar as enfermidades máis comúns, mediante a utilización dos protocolos e técnicas complementarias de diagnóstico (D1VUSC-04).
• Realizar estudos epidemiolóxicos e desenvolver programas de prevención, control e erradicación das enfermidades animais, con especial atención ás enfermidades de declaración obrigatoria e zoonoses (D1VUSC-05).
Competencias académicas:
• Analizar, sintetizar, resolver problemas e tomar decisións nos ámbitos profesionais do/a veterinario/a (CEAVUSC-01).
• Divulgar a información obtida durante o exercicio profesional do/a veterinario/a de forma fluída, oral e escrita, con outros colegas, autoridades e a sociedade en xeral (CEAVUSC03).
• Coñecer e aplicar o método científico na práctica profesional incluíndo a medicina baseada na evidencia (CEAVUSC-05).
Competencias transversais:
• Capacidade para o razoamento e a argumentación (CTVUSC-01).
• Capacidade para elaborar e presentar un texto organizado e comprensible (CTVUSC-03).
• Habilidade no manexo das TICs (CTVUSC-05).
• Capacidade para resolver problemas mediante a aplicación integrada dos seus coñecementos (CTVUSC-07).
Sendo esta unha materia orientada a futuros profesionais veterinarios, pretendemos cumprir coas seguintes condicións metodolóxicas básicas:
a) Mantemento dun equilibrio entre a adquisición de coñecementos teóricos e de habilidades prácticas; non debemos esquecer que nesta disciplina deberán adquirirse unha serie de habilidades necesarias para o exercicio profesional da veterinaria.
b) Promover a constante procura de nova información: esta non é unha disciplina estática e atópase en continua evolución, polo que é necesario que o alumno aprenda a buscar nova información, analizándoa desde unha posición crítica.
As actividades formativas con presenza do profesor serán:
• Clases maxistrais (grupo grande; 37 h): lección impartida polo profesor que pode ter formatos diferentes (teoría, problemas e/ou exemplos xerais, directrices xerais da materia). O profesor pode contar con apoio de medios audiovisuais e informáticos, pero, en xeral, os estudantes non os necesitan manexar en clase.
• Prácticas de encerado (grupo grande; 8 h): clase teórico-práctica na que os alumnos recibirán formación sobre aspectos prácticos relacionados co exercicio da profesión, discutíndose devanditos aspectos polo conxunto dos alumnos. Tentarase na medida do posible convidar a recoñecidos profesionais para que acheguen ao alumnado a súa experiencia e puntos de vista.
• Prácticas clínicas (grupos reducidos/moi reducidos; 14 h): prácticas manuais (“ hands on training”) nas que o estudante leva a cabo en por si procedementos e técnicas clínicas sobre animais vivos ou os seus cadáveres, en visitas a granxas ou establecementos nas que o estudante desenvolve un traballo activo.
• Titorías (grupos reducidos/moi reducidos ou individuais; 1 h): titorías programadas polo profesor ou a solicitude do alumno en horarios establecidos, dedicadas á proposición e supervisión de traballos, aclaración de dúbidas sobre teoría, problemas, exercicios, programas, lecturas ou outras tarefas propostas, debate ou comentario de traballos.
Non procede a dispensa a clase en ningunha actividade.
Dentro desta estrutura, podemos describir varias partes neste curso:
A.- Traballo teórico: o profesor expoñerá os temas incluídos no programa da materia, e o alumno deberá adquirir os coñecementos básicos da disciplina. O alumno deberá compaxinar a asistencia a estas clases teóricas coa lectura dos textos recomendados para ampliar os seus coñecementos. Inclúense dentro deste grupo as clases maxistrais, as prácticas de encerado, os seminarios e as titorías.
Estas actividades realizarase de xeito presencial en aulas coas medidas establecidas pola USC. Facilitarase ao alumnado os resumos das clases teóricas a través do Campus Virtual.
B.- Traballo en grupos de 4-5 alumnos: dous supostos prácticos de diferentes especies que terán que resolver de maneira autónoma e presentar por escrito. Os alumnos deberán indagar ata establecer un protocolo de actuación e responder as cuestións expostas baseándose nos coñecementos adquiridos a través das clases teóricas, da bibliografía recomendada e das ferramentas de procura de información dispoñibles. Estes supostos prácticos facilitaranse e terán que ser entregados resoltos a través da aula virtual dentro do prazo establecido (último día do periodo lectivo); no caso de presentalos fóra de prazo, reducirase a cualificación obtida nun 25%.
C.- Traballo Práctico: ao longo de todo o curso, o alumno deberá participar nas prácticas clínicas da materia, para poder desenvolver as habilidades necesarias para o futuro exercicio profesional. Para cada práctica, avaliarase o coñecemento adquirido polo alumno mediante cuestionarios, rúbricas ou ferramentas similares.
Esta actividade realizarase de xeito presencial en granxas coas medidas establecidas pola USC. No caso de que a empresa/granxa non permitan a realización da práctica realizaranse como no escenario 2.
As prácticas clínicas son obrigatorias.
Apoios ao curso:
Durante todo o curso os alumnos dispoñerán dun apoio presencial, podendo realizar consultas aos distintos profesores da materia nas horas de titoría indicadas. Tamén dispoñerán dun apoio virtual, podendo facer as consultas a través do correo electrónico.
Ademais, no curso de “Enfermidades Infecciosas II” do CAMPUS VIRTUAL da USC o alumno atopará diversas ferramentas de contidos e de comunicación. A finalidade deste curso é integrar as tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) na docencia da materia.
A cualificación de cada estudante farase mediante avaliación continua e a realización dun exame final realizarase de xeito presencial.
A avaliación continua contemplará as cualificacións obtidas tanto nos supostos prácticos expostos que deben resolver en grupos (4-5 alumnos) como nas diferentes actividades de avaliación das prácticas clínicas (cuestionarios, avaliación mediante rúbrica, etc.)
Así, a avaliación final do alumno terá en conta os seguintes aspectos:
1. Realización obrigatoria das prácticas clínicas.
2. Supostos Prácticos: os alumnos desenvolverán en grupos de 4-5 persoas un total de dous supostos prácticos ao longo do curso, que entregarán sempre dentro do prazo establecido. Valorarase a resolución destes e os coñecementos da materia demostrados.
3. Actividades de avaliación das prácticas clínicas, xa sexa mediante cuestionario, rúbrica ou outros métodos de avaliación.
4. Exame Escrito: neste apartado valorarase os coñecementos teórico-prácticos alcanzados polo alumno. Realizarase un exame final nas datas establecidas na Programación Académica da Facultade de Veterinaria.
O exame final será unha proba que constará de:
• 40-50 preguntas tipo test de reposta múltiple cunha soa certa. Cada 2 respostas erróneas descontarase unha pregunta correcta. A puntuación desta parte representará o 50% da nota do exame.
• 4 preguntas cortas a desenvolver de maneira esquemática. Cada pregunta puntuarase de 0 a 10 puntos, e a puntuación desta parte (media das 4 preguntas) representará o 50% da nota do exame.
Na proba final incluiranse ata 10 preguntas relacionadas coas prácticas clínicas entre as preguntas tipo test. O contido exposto nas prácticas de encerado tamén pode ser incluído no exame teórico.
Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recolleito na Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións.
Tras a publicación das notas provisionais de cada exame, o alumno poderá revisar o seu exercicio e expor as dúbidas, suxerencias ou reclamacións que considere oportunas. A data e lugar das revisións, será publicada xunto coas puntuacións dos exames.
Cualificación Final da Materia:
A cualificación final da materia será da seguinte maneira:
• Supostos prácticos (avaliación continua): 30% da cualificación final (20% os supostos prácticos e 10% as actividades de avaliación das prácticas clínicas).
• Exame escrito: 70% da cualificación final. Para superar a materia terá que superarse o exame final cunha nota igual ou superior ao 50% do seu valor (5/10 puntos).
Recomendacións de cara á Avaliación:
É moi recomendable participar na realización dos supostos prácticos xa que supoñen o 20% da cualificación final, e por tanto facilitará a superación da materia. Tamén é de destacar que deben realizarse todas as prácticas clínicas e as actividades de avaliación asociadas para poder superar a materia.
En canto ás recomendacións á hora de enfrontarse a un exame final, é importante lembrar aos alumnos que é imprescindible ler detidamente os enunciados de cada pregunta e de todas as posibles respostas. Nas preguntas curtas o alumno deberá axustarse ao preguntado e responder con claridade e esquematicamente.
Lémbrase que non procede a dispensa a clase en ningunha actividade.
Recomendacións de cara á Recuperación:
É importante ter en conta unha serie de aspectos no caso de que o alumno non supere a materia nunha convocatoria determinada:
• Non se manteñen as cualificacións dos exames, polo que o alumno deberá novamente examinarse do contido teórico da materia.
• Gardaranse as cualificacións obtidas nos supostos prácticos para as convocatorias do curso seguinte, así como a avaliación das prácticas clínicas a condición de que se asistiu a todas as sesións clínicas e realizouse a avaliación correspondente a cada unha delas.
• Os exames de todas as convocatorias terán un formato similar e a nota final calcularase de igual modo.
PRESENCIAIS:
• Clases maxistrais 37 h
• Prácticas clínicas 14 h
• Prácticas de encerado 8 h
• Titorías 1 h
Total horas presenciais (10x Nº ECTS) 60 h
NON PRESENCIAIS:
• Estudo individual 49 h
• Revisión bibliográfica, uso de biblioteca, etc 12 h
• Resolución de supostos prácticos/actividades de avaliación de prácticas clínicas 26 h
• Realización de exames 3 h
Total horas de traballo (15x Nº ECTS) 90 h
Para o estudo do contido da disciplina teranse en conta as seguintes consideracións:
• O diagnóstico diferencial entre as diferentes enfermidades infecciosas que afectan a unha determinada especie animal é fundamental. Para o seu estudo e comprensión aconséllase o elaborar cadros sinópticos que inclúan os principais datos epidemiolóxicos, signos clínicos e lesións características de cada unha das enfermidades obxecto de estudo e realizar un estudo comparativo do mesmo en base aos datos similares e excluíntes de cada unha delas.
• Para a aprendizaxe das técnicas de diagnóstico de laboratorio de cada enfermidade é conveniente clasificar as diferentes enfermidades infecciosas polo axente etiolóxico, independentemente da especie animal afectada e o sistema orgánico afectado. Posteriormente anotaranse as principais técnicas de laboratorio aplicadas para cada enfermidade e poderase comprobar a súa analoxía segundo as etioloxías de cada enfermidade:
o Técnicas analíticas para bacterias e segundo o tipo de bacterias, algunhas máis específicas
o Técnicas analíticas para virus e segundo o tipo de virus, algunhas máis específicas, etc….
• Para o estudo das medidas de prevención, control e erradicación de diversas enfermidades é conveniente realizalo en bloques de enfermidades que teñan en común as medidas xerais (ex.: enfermidades respiratorias do gando ovino e caprino, etc…) e posteriormente estudar as medidas específicas dalgunhas das enfermidades.
• Para o coñecemento das diferentes pautas de vacinación fronte a cada enfermidade infecciosa sempre é de gran utilidade ter en conta en que época do ano, idade de animais afectados ou fase de produción onde con maior frecuencia aparece a enfermidade e, por tanto, cando interesa utilizar a vacinación.
En conclusión, é esencial a aprendizaxe da disciplina desde un punto de vista diferencial e comparativo entre as diferentes enfermidades infecciosas obxecto de estudo e non o estudo independente de cada unha delas.
Por último, para a aprendizaxe, estudo e comprensión dos supostos prácticos é esencial que o alumno non perda en ningún momento o sentido práctico que hai que darlle no seu desenvolvemento, aplicando os coñecementos teóricos aprendidos, pero cunha visión lóxica, económica, factible, segundo mentalidade do gandeiro/propietario, etc.
Materiais:
Facilitaranse, con anterioridade ao seu desenvolvemento en clase, os resumos das presentacións que serán utilizadas nas sesións teóricas en pdf no curso da materia no Campus Virtual.
Este material débese completar cos apuntamentos e notas tomadas en clase.
Método de traballo aconsellado e actividades a realizar:
O alumno debe completar a presentación dos temas coas notas e aclaracións realizadas nas clases teóricas.
Aconséllase revisar os sistemas de produción que se vexan reflectidos segundo a especie estudada.
Tamén é importante revisar os materiais de cada especie antes de realizar as prácticas correspondentes para poder obter un mellor aproveitamento destas.
Plan de continxencia:
Metodoloxía da ensinanza
• Traballo teórico: clases maxistrais, prácticas de encerado, seminarios e titorías.
Estas actividades realizaranse:
Escenario 2 e 3: de forma virtual.
En todos os casos facilitarase ao alumnado os resumos das clases teóricas, e no caso de docencia virtual as clases impartiranse por medio de vídeos ou sesións na plataforma Teams.
• Traballo Práctico: prácticas clínicas.
Estas actividades realizaranse:
Escenario 2: de forma presencial segundo a situación e instrucións da USC.
Escenario 3: de forma virtual.
No escenario 2 as prácticas realizaranse mediante actividades en espazos adecuados da facultade (presencial) segundo a recomendación sanitaria do momento (laboratorios, seminarios, aulas). Neste caso manteríanse os mesmos horarios, pero en caso necesario subdivirase cada grupo de prácticas en dous subgrupos con metade do horario. A outra metade do horario complementarase mediante vídeos e traballo individual do alumno que serán facilitados mediante a aula virtual da materia.
No escenario 3 as prácticas realizaranse mediante vídeos e traballo individual.
Sistema de avaliación
Exame teórico: no caso do escenario 2, o exame realizarase de maneira telemática se as recomendacións sanitarias nese momento así o esixisen, mentres que no caso do escenario 3 sempre será de maneira telemática.
O exame telemático constará de 40-50 preguntas tipo test con resposta múltiple (5 opcións; 1-5 correctas). A puntuación destas preguntas obterase da seguinte maneira:
Pregunta correcta (completa)=1 punto.
Pregunta correcta (incompleta): Cada opción acertada puntuará proporcionalmente ao número de respostas correctas (1=100%; 2=50%; 3=33,3%; 4=25%; 5= 20%)
Pregunta incorrecta (1 ou máis fallos)= 0 puntos.
Coordinador: Alberto Prieto Lago
Gonzalo Fernández Rodríguez
- Departamento
- Patoloxía Animal
- Área
- Sanidade Animal
- Correo electrónico
- gonzalo.fernandez [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Titular de Universidade
Alberto Prieto Lago
Coordinador/a- Departamento
- Patoloxía Animal
- Área
- Sanidade Animal
- Correo electrónico
- alberto.prieto [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Profesor Axudante Doutor LOU
José Manuel Diaz Cao
- Departamento
- Patoloxía Animal
- Área
- Sanidade Animal
- Correo electrónico
- josemanueldiaz.cao [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Profesor Axudante Doutor LOU
Luns | |||
---|---|---|---|
15:00-16:00 | Grupo /CLE_01 | Castelán | Aula 3 |
Martes | |||
18:00-19:00 | Grupo /CLE_01 | Castelán | Aula 3 |
Mércores | |||
17:00-18:00 | Grupo /CLE_01 | Castelán | Aula 3 |
18:00-19:00 | Grupo /CLE_01 | Castelán | Aula 3 |
16.12.2021 12:00-14:00 | Grupo /CLE_01 | Aula 1 |
16.12.2021 12:00-14:00 | Grupo /CLE_01 | Aula 2 |
16.12.2021 12:00-14:00 | Grupo /CLE_01 | Aula 3 |
08.07.2022 12:00-14:00 | Grupo /CLE_01 | Aula 2 |