Créditos ECTS Créditos ECTS: 3
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 51 Horas de Titorías: 3 Clase Expositiva: 9 Clase Interactiva: 12 Total: 75
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Máster RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral
Áreas: Lingüística Xeral
Centro Facultade de Filoloxía
Convocatoria: Segundo semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable | 1ro curso (Si)
Obxectivos xerais
Estudos de xénero na Literatura e na cultura é unha materia destinada a presentar o dinamismo da perspectiva feminista na interpretación dos fenómenos sociais e da produción cultural cuxa pegada, imprescindíbel no pensamento contemporáneo, se ofrece para a reflexión do estudantado. Incidirase nas cuestións de enfoque e de método propias deste campo, que ten un perfil netamente diferenciado doutras aproximacións, coa intención de proporcionarmos unha visión complementaria á das diversas materias que se poden cursar no mestrado.
Afondaremos tanto no coñecemento especializado, que dista bastante da interpretación do feminismo propagada polos medios de comunicación, como no xuízo crítico, que sitúa as cuestións de xénero como parte dun ethos que cada individuo afronta nunha sociedade e nun tempo determinados e que dan cobertura material e realista a moitos conceptos abstractos presentes neste nivel de formación
Obxectivos específicos
- Informarmos sobre os conceptos, métodos e perfil dos Estudos de xénero na dimensión filosófica e na súa presencia no activismo.
- Ilustrarmos a vitalidade desta óptica aplicada a diferentes perfís epistemolóxicos como unha corrente crítica resultante da filosofía da sospeita.
- Aplicarmos as perspectivas derivadas dos feminismos a diferentes producións artísticas.
- Reflexionarmos sobre o papel da linguaxe, a principal materia da produción literaria, na organización da realidade social.
- Revisarmos o alcance da Crítica literaria feminista e da Teoría da literatura con perspectiva de xénero.
1) Contidos expositivos ou de natureza teórica
1.1. Revisión do pensamento feminista: figuras, escolas e conceptos.
1.2. Revisión do activismo feminista: as mudanzas sociais e éticas a dinamizar a produción artística
1.3. As artes feministas: arte feito por elas ou ruptura do canon?
1.4. Da escrita de autoría feminina á escrita feminista
1.5. O post-xénero: subversión da identidade, nomadismo e ruptura desde o punto de vista da creación, da crítica, da edición e da recepción do texto.
2) Contidos interactivos:
2.1. Estudos de Xénero e análise socio-cultural.
2.2. A encrucillada do xénero na post-modernidade: a crítica da representación formulada nas artes plásticas e visuais
2.3. O post-xénero: a teoría Queer e o ciferfeminismo nas artes e no activismo contemporáneos.
2.4. Crise do xénero e pulo do feminismo na literatura actual.
Dadas as especiais condicións derivadas da pandemia, prevemos diferentes posibilidades:
Escenario 1 (normalidade): os contidos serán expostos na aula, en sesións expositivas e interactivas. Estas últimas esixen pequenos traballos que o alumnado fará entre sesións a través do blog da materia, ademais da súa participación activa nas sesións.
Escenario 2 (distanciamento): os contidos serán parcialmente expostos a través do blog da materia e das eventuais sesións que pudésemos manter. Toda a intervención do alumnado faise a través do blog nun traballo autónomo en modo asíncrono.
Escenario 3 (feche das instalacións): Toda a interacción entre a profesora e o alumnado faise a través do blog e da ferramenta Teams nun traballo autónomo en modo asíncrono.
Bibliografía básica
Butler, Judith (1990): Gender Trouble. Feminism and the Subversion of Identity, New York: Routledge, 2ª ed. 1999. Trad. esp. de MªAntonia Muñoz, El género en disputa. El feminismo y la subversión de la identidad, Madrid: Espasa, 2007.
Nochlin, Linda (1971): “Why Have There Been no Great Women Artists?”, Art News 69, 22-39.
Caballé, Anna, dir. (2004): La vida escrita por las mujeres, Barcelona, Lumen, 4 vols. (Letura dun capítulo escollido por cada estudante)
Zafra, Remedios (2019): Ciberfeminismo. De Vns Matrix a Laboria Cuboniks (Holobonte Ediciones, 2019.
Bibliografía complementaria
Amorós, Celia & Ana De Miguel, eds. (2005): Teoría Feminista: De la Ilustración a la globalización, 3 vols, Madrid, Minerva.
Cameron, Deborah (2018): Feminism, London, Profile Books Ltd. Trad. esp. María Enguix, Madrid, Alianza, 2019.
Chadwick, Whitney (1990): Women, Art, and Society, Thames and Hudson. Trad. esp. María Barberán, Mujer, arte y sociedad, Barcelona, Destino, 1993.
Ciplijauskaité, Biruté (2004): La construcción del yo femenino en la literatura, Univ. de Cádiz.
Díaz Narbona, Inmaculada & Asunción Aragón Varo, eds. (2005): Otras mujeres, otras literaturas, Madrid, Zanzíbar.
García Marín, J. (2019): Novas masculinidades. O(s) feminismos(s) a deconstruir o homem, Santiago de Compostela, Através ed.
Heller, Monica & Bonnie McElhinny (2017): Language, Capitalism and Colonialism. Toward a Critical History, Univ. of Toronto Press.
Irvine, Judith T. & Susan Gal (2019): Signs of Difference. Language and Ideology in Social Life, Cambridge Univ. Press.
Jones, Amelia (2003): The Feminism and Visual Culture Reader, London-New York, Routledge.
Kember, Sarah (2003): Cyberfeminism and Artificial Life, New York, Rouledge.
Kolmar, Wendy K. & Frances Bartkowski (2005): Feminist Theory. A Reader, Boston, McGraw-Hill.
Moure, Teresa (2012): Queer-emos un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións, Vigo, Galaxia.
Segarra, Marta & Angels Carabí, eds. (2000): Feminismo y crítica literaria, Barcelona, Icaria.
Spivak, Gayatri Chakravorty (1999): A Critique of Postcolonial Reason: Toward a History of the Vanishing Present, New York, Routledge.
Zavala, Iris, coord. (2000): Breve historia feminista de la literatura española (en lengua catalana, gallega y vasca), Barcelona, Anthropos.
- Desenvolvermos até o final o concepto de xénero na representación artística, no pensamento e na linguaxe actuais.
- Reflexionarmos sobre os públicos e a recepción da produción literaria feminista, a súa aposta política e os seus límites.
- Afrontarmos o problema da ideoloxía como restrición e como enriquecemento na creación estética.
- Reflexionar sobre a identidade e o poder na creación literaria indagando sobre a existencia dunha lectura determinada polo xénero.
- Explorar os espazos marxinais (xénero, raza, lingua ou nación minorizada, indixenismo) na Literatura.
-Elaborar argumentos e nocións con que defender as propias ideas a través do debate e da expresión escrita con que, ademais de se expresaren, @s alumn@s conseguirán revisar o sustento e a orixinalidade das súas ideas. Neste sentido, xunto a diferentes exercicios e prácticas, deberán realizar unha reflexión máis extensa, baixo a forma dun blog de clase. Non se pretende obter deste traballo a simple reprodución dos argumentos da bibliografía nin a presentación das fórmulas académicas de documentación. Ao contrario, preténdese que @s estudantes demostren que reflexiona por si propi@s e que desenvolven as súas capacidades de discernimento e argumentación.
Se tivésemos as condicións propicias para o escenario de normalidade adaptada, manteríamos unha metodoloxía participativa, onde as aulas serven para o debate sobre as lecturas e sobre os temas teóricos e privilexian o traballo persoal e de grupo e a interacción. Se tivésemos que adaptarnos a contextos de distanciamento ou feche de instalacións, esa actividade manteríase virtualmente, en sesións de videoconferencia e/ou na resolución por escrito a través do blog de diferentes exercitacións que pretenderían manter o estímulo e interese do grupo. Isto significa que, en todos os casos, para o desenvolvemento do programa procuraremos dinamizar a participación activa do estudantado. Desde o comezo, as/os estudantes terán guións detallados de cada tema e unha relación de lecturas recomendadas (que serán facilitadas na súa integridade en formato dixital) e nas sesións serán propostas cuestións sobre as que reflexionar que constitúen un importante material de apoio ao estudo, que propician a aprendizaxe individual e serven como marco de fondo. O grupo contará desde o comezo do curso cun blog actualizado pola profesora en cada sesión. Este blog suscitará o debate sobre algunhas das cuestións tratadas nas sesións expositivas ou reproducirá materiais para seguirmos traballando, quer nos seminarios que compartamos, quer de maneira individual con traballo autónomo por parte do alumnado. Procurarase afondar, na medida do posíbel, nun coñecemento especializado e crítico. A profesora comprométese a seguir os progresos individuais e agarda que cada estudante se involucre na dinámica do curso, nas lecturas e actividades prácticas suxeridas.
1ª OPORTUNIDADE:
Como traballo básico, cada estudante realizará o seu propio blog, cuxo enderezo asociará ao da profesora para que todos os membros do grupo poidan en calquera momento consultar os materiais do resto. Ese blog será unha especie de diario das aulas; unha actividade persoal e creativa, onde o alumnado pode demostrar a súa madurez e capacidade. Poderán incluírse nel materiais diversos, desde esquemas dos asuntos incluídos no material teórico ou valoracións sobre as lecturas a comentarios ou reflexións persoais relativas aos diversos temas. Tamén será o lugar onde responder a diversas probas, comentarios ou problemas no sentido escolar do termo que se irán facilitando. Aínda que poden ser variados en número de entradas, considérase básico incluír unha reflexión por cada lectura obrigatoria e dar conta dos exercicios propostos nas sesións do seminario.
En caso de termos un contexto de normalidade adaptada, a realización paulatina deste blog suporá o 50% da cualificación final, mentres que a participación activa na aula achegará o 50% restante.
Nun escenario de distanciamento, o blog suporía o 70% e a participación na aula descenderia a un 30%.
Nun escenario de feche de instalacións, o blog suporía o 100 da cualificación final.
2ª OPORTUNIDADE:
Na segunda oportunidade a avaliación efectuarase exclusivamente a través do blog. Como na oportunidade anterior, considérase básico incluír nese traballo unha reflexión por cada lectura obrigatoria e dar conta dos exercicios propostos nas sesións de seminario, para alén de calquera outro material, problema ou exercitación. O acceso ao blog será facilitado polo alumnado á profesora na data estabelecida pola Facultade para o exame da segunda oportunidade.
DISPENSA DE ASISTENCIA A CLASE:
As persoas que teñan concedida polo Decanato a dispensa de asistencia a clase serán avaliadas exclusivamente a través do blog, que suporá o 100% da cualificación final, e poderá entregarse tanto na primeira como na segunda oportunidade.
NOTA: Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recollido na Normativa de avaliación do rendemento académico do estudantado e de revisión de cualificacións.
Para alén do tempo dedicado ás sesións, presenciais ou virtuais, cada estudante deberá dedicar unhas 3 horas semanais ao estudo. Nese tempo deberá realizar lecturas dos materiais teóricos e da bibliografía recomendada e procurar a necesaria argumentación persoal para as cuestións que se formulen. Finalmente, terá que expresar por escrito no seu blog os progresos alcanzados ou as dúbidas e incógnitas que ofrece ao grupo para o seu esclarecemento. O tempo de redacción do blog é, na experiencia dos anos pasados, bastante variable en cada individuo, mas produce sempre resultados altamente positivos na maduración persoal e tende a estimular o interese e a ser unha fonte de satisfacción para o estudantado.
A materia está pensada para adaptarse con coherencia e rigor aos intereses do estudantado nunha época de continxencias. Pretende fomentar unha dedicación regular e periódica, que tire proveito de cada sesión. Non se pensa no curso como nun trámite burocrático que se pode eludir ou cumprimentar sen atención nin interese. Ao contrario, as sesións están pensadas como un lugar de encontro onde experimentarmos en conxunto a tarefa común da aprendizaxe. A profesora será unha guía mais non reproducirá un saber encapsulado para a imitar, senón que ofrecerá interpretacións discordantes, suxerirá camiños para a pescuda persoal e procurará provocar un enfrontamento produtivo entre o individuo e as opcións de coñecemento que se lle abren. Importa, neste sentido, un traballo equilibrado, realizado desde a primeira sesión e non un cúmulo de información subido ao blog a última hora.
Observacións xerais
A materia impártese en galego, lingua propia deste país e desta Universidade. Se o alumnado precisar material de apoio noutras linguas ou explicacións adicionais, contará coa axuda da profesora en horario extraordinario de titorías.
Plano de continxencia
Dadas as especiais condicións derivadas da pandemia, prevemos diferentes posibilidades:
Escenario 1 (normalidade): os contidos serán expostos na aula, en sesións expositivas e interactivas. Estas últimas esixen pequenos traballos que o alumnado fará entre sesións a través do blog da materia, ademais da súa participación activa nas sesións. A metodoloxía alternará sesións expositivas e interactivas, onde se valorará a participación activa do alumnado e, ocasionalmente, se solicitarán pequenos traballos ou reflexións. A avaliación terá en conta nun 50% a participación na aula e nun 50% o blogue.
Escenario 2 (distanciamento): os contidos serán parcialmente expostos a través do blog da materia e das eventuais sesións que pudésemos manter. Toda a intervención do alumnado faise a través do blog nun traballo autónomo en modo asíncrono. Neste suposto, o blog subministra os contidos teóricos e organizaranse algunhas sesións de Teams para tutorizar o traballo autónomo de cada estudante. As sesións presenciais serán prácticas interactivas. A avaliación terá en conta un 30% a participación na aula e un 70% o traballo no blogue
Escenario 3 (feche das instalacións): Toda a interacción entre a profesora e o alumnado faise a través do blog e da ferramenta Teams para sesións de tutoría. A metodoloxía variará para ser completamente virtual. O 100% da avaliación procederá do traballo no blog.
Teresa Moure Pereiro
Coordinador/a- Departamento
- Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral
- Área
- Lingüística Xeral
- Teléfono
- 881811992
- Correo electrónico
- teresa.moure [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Titular de Universidade
Martes | |||
---|---|---|---|
18:30-20:30 | Grupo /CLE_01 | Galego | C09 |
Xoves | |||
16:00-18:00 | Grupo /CLIS_01 | Galego | C09 |