Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 140 Horas de Titorías: 7.5 Clase Interactiva: 2.5 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Traballo Fin de Máster RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Dereito Público e Teoría do Estado, Dereito Común, Departamento externo vinculado ás titulacións, Dereito Público Especial e da Empresa
Áreas: Dereito Administrativo, Dereito Civil, Área externa M.U en Avogacía, Dereito do Traballo e da Seguridade Social, Dereito Mercantil, Dereito Penal, Dereito Procesual
Centro Facultade de Dereito
Convocatoria: Traballos Fin de Grao e Máster
Docencia: Sen docencia (Extinguida)
Matrícula: Non matriculable
O TFM forma parte do plan de estudos da titulación cunha carga lectiva de 6 créditos.
O seu obxectivo é dobre:
a) Por unha banda, como actividade que permite comprobar que o/a alumno/a asimilou os coñecementos, competencias, técnicas, habilidades e destrezas necesarias para o exercicio profesional que tratan de proporcionar as restantes materias que configuran o plan de estudos do Máster, incidindo especialmente nas competencias específicas.
b) Por outra banda, posibilita acreditar a capacidade de investigación, interdisciplinariedade e solución de problemas profesionais, así como a habilidade na tramitación de actuacións procesuais escritas e orais.
Máis concretamente, preténdese conseguir:
a) Asimilación dos contidos teóricos e prácticos necesarios para a realización do traballo.
b) Capacidade de análise de textos xurídicos sobre as materias en cuestión, para a súa correcta interpretación e aplicación.
c) Afondamento nos problemas xurídicos que poida presentar a temática do traballo.
d) Ser capaz de razoar e achegar solucións ou propostas aos problemas que expón a temática elixida.
e) Ser capaz de plasmar a adquisición e manexo de todas as competencias xerais do Máster e das específicas das materias relacionadas coa temática do traballo.
f) Demostrar un dominio das competencias e habilidades para o exercicio da profesión de avogado/a, con suxeición ás normas deontolóxicas.
g) Capacidade de comprensión.
h) Dominio das técnicas xurídicas e investigadoras.
i) Capacidade para elaborar un traballo profesional e de investigación.
j) Oratoria para defender ante un tribunal un traballo profesional e de investigación.
O TFM supón tamén un importante elemento de preparación para as probas de acreditación da capacitación profesional establecidas pola Lei 34/2006 e o RD 775/2011. Este sistema de avaliación pretende acreditar a capacitación profesional do/a alumno/a que cursou e superou o Máster, abrindo as portas á colexiación e ao exercicio da profesión de avogado/a.
O TFM implica a elaboración, por parte de cada estudante e de forma individual, dun traballo de contido profesional orixinal sobre a base dun caso práctico cuxa problemática principal se incardinará nas materias que son propias dunha das catro ordes xurisdicionais.
Os casos e as temáticas que se oferten estarán relacionados cos contidos propios das materias máis vinculadas ca orde xurisdicional de que se trate, aínda que se procurará que teñan tamén implicacións propias de materias pertencentes a algunha/s das demais ordes xurisdicionais, é dicir, que teñan certo carácter interdisciplinar.
O Traballo servirá para que o/a alumno/a demostre:
a) As competencias, habilidades e actitudes adquiridas durante a titulación.
Incluirá, como mínimo, tarefas de procura e análise de material normativo, xurisprudencial e doutrinal; lectura e integración da información; elaboración de información relevante; redacción de documentos profesionais e de informes xurídicos; e presentación e defensa pública do caso asignado e das cuestións xurídicas que lle foron indicadas polo equipo de titoría. Todo iso desde unha perspectiva tanto substantiva como procesual.
b) O manexo das normas deontolóxicas e estatutarias propias da profesión de avogado/a, nos ámbitos do asesoramento e consello xurídico, dirección técnica e defensa dos dereitos das partes en actuacións procesuais e pre-procesuais; así como dos modos de actuación profesional característicos da avogacía.
A relación de especialidades xurídicas, de prazas por especialidades, así como dos equipos de titoría ofertarase pola coordinación do máster a finais do segundo semestre ou comezo do terceiro cuadrimestre, en función das dispoñibilidades do profesorado interno e externo, e previa aprobación da comisión académica.
En función das prazas ofertadas para cada orde xurisdicional e das preferencias manifestadas polos/as alumnos/as, a coordinación asignará a cada alumno/a a correspondente orde xurisdicional e equipo de titoría, que o guaría no desenvolvemento do traballo.
Os casos prácticos, as cuestións xurídicas a analizar e os informes e actuacións profesionais a preparar e realizar polos/as alumnos/as serán propostos por cada equipo de titoría, dentro das directrices establecidas pola comisión académica.
O TFM constará dunha parte escrita e dunha parte oral.
a) A parte escrita consistirá na elaboración dun informe ou ditame xurídico e a resolución de dúas cuestións xurídicas prácticas, así como na redacción dos documentos profesionais necesarios en función do tipo de proceso a tramitar. Pode tamén incluír anexos documentais.
Esta parte terá a extensión mínima que fixe en cada caso o equipo de titoría respectivo, dentro das ortientacións aprobadas pola comisión académica.
Deberá presentarse seguindo o modelo que facilitará a coordinación, en tamaño DIN A4, marxes de 3 (esquerdo), 2 (dereito), 3 (superior), 2 (inferior), tipo de letra Times New Roman ou similar 12 (para o texto) [tamaño 10 para as notas ao pé de páxina, no caso de ser necesarias] e interlineado dun espazo.
Para o informe/ditame xurídico deberá seguirse un dos modelos seguintes, con preferencia do primeiro sobre o segundo, e salvo indicación diferente do equipo de titoría:
1º Modelo: a) Portada, b) Encabezamento, c) I. Obxecto do ditame, II. Antecedentes de feito, III. Cuestións expostas, IV. Normativa aplicable, doutrina e xurisprudencia, V. Fundamentos xurídicos, VI. Cuestións adicionais (pode non figurar), VII. Conclusións; d) Lugar, data e firma, e) Bibliografía, f) Anexos.
2º Modelo: a) Título, b) Palabras chave, c) Resumo, d) Índice completo, e) Introdución, f) Desenvolvemento debidamente epigrafiado, g) Conclusións, h) Relación da bibliografía e dos demais materiais e fontes documentais empregadas na súa elaboración.
A extensión do informe/ditame deberá oscilar entre as 15 e as 20 páxinas, excluídas a portada, o índice, o resumo, o encabezamento, a bibliografía e os anexos.
Pola súa banda, cada cuestión xurídica práctica a resolver deberá ter unha extensión aproximada de dúas páxinas de contido efectivo.
Cando se trate de documentos profesionais, o contido axustarase ao establecido nas leis e ao que é habitual na profesión e no foro, sempre dentro das indicacións cursadas polo equipo de titoría e das orientacións proporcionadas nas diferentes materias do máster (particularmente, "Escritura e Oratoria forense" e as demais relacionadas ca orde xurisdicional de que se trate).
b) A parte oral consistirá na exposición e defensa do inforfme/ditame e das cuestións xurídicas prácticas que o equipo de titoría encomendara analizar ao/á alumno/a, así como na celebración simulada das sesións orais dun xuízo correspondente á orde xurisdicional asignada ao/á alumno/a.
A redacción do TFM, así como a súa presentación e defensa, pódese efectuar en calquera dos idiomas que se utilizaron na impartición do Máster, conforme ao disposto na memoria de verificación do título, sempre que se poidan establecer tribunais de avaliación competentes nas devanditas linguas. En todo caso, garantirase o dereito para elaborar e defender os traballos en calquera dos dous idiomas oficiais da Comunidade autónoma.
A medida que resulte necesario e con suficiente antelación. os/as titores/as comunicarán ao alumnado, nas diferentes sesións presenciais de titoría programadas na aula, os materiais bibliográficos (doutrina, xurisprudencia e textos legais) que deban conseguir e utilizar os/as alumnos/as para un mellor aproveitamento das ensinanzas e a correcta elaboración do TFM.
Bases de datos: Os estudantes poden acceder á xurisprudencia e a outros recursos a través das bases de datos máis habituais que son proporcionadas polo servizo de biblioteca da USC e do ICA Santiago. Entre elas, son de uso frecuente Westlaw-Aranzadi, Tirant on Line, La Ley Digital, El Derecho, etc.
Competencias básicas (CB)
CB6. Posuír e comprender coñecementos que acheguen unha base ou oportunidade de ser orixinais no desenvolvemento e/ou aplicación de ideas, a miúdo nun contexto de investigación.
CB7. Saber aplicar os coñecementos adquiridos e a súa capacidade de resolución de problemas en contornas novas ou pouco definidas dentro de contextos máis amplos (ou multidisciplinares) relacionados coa súa área de estudo.
CB8. Capacidade de integrar coñecementos e enfrontarse á complexidade de formular xuízos a partir dunha información que, sendo incompleta ou limitada, inclúa reflexións sobre as responsabilidades sociais e éticas vinculadas á aplicación dos seus coñecementos e xuízos.
CB9. Saber comunicar conclusións -e os coñecementos e razóns últimas que as sustentan- a públicos especializados e non especializados dun modo claro e sen ambigüidades.
CB10. Posuír as habilidades de aprendizaxe que permitan continuar estudando dun modo que haberá de ser en gran medida autodirixido ou autónomo.
Competencias xerais (CG)
CG1. Capacidade de traballo en equipo e de relación interpersoal nun contexto profesional.
CG2. Capacidade de iniciativa, creatividade, liderado, adaptación a novas situacións e espírito de superación.
CG3. Motivación pola calidade e a excelencia profesional.
CG4. Capacidade de organización e planificación.
CG5. Compromiso ético e deontolóxico analizado, ademais, desde unha perspectiva solidaria.
CG6. Capacidade de obtención e xestión da información.
CG7. Capacidade de comprensión, análise e síntese.
CG8. Capacidade de resolución de problemas.
CG9. Desenvolvemento dos principios de lealdade e confidencialidade.
CG10. Capacidade de argumentar tanto de forma oral como escrita, cunha linguaxe fluída e técnica, utilizando termos xurídicos, precisos, claros e comprensibles.
CG11. Desenvolvemento dun espírito crítico, lóxico e creativo.
CG12. Capacidade de manexo das tecnoloxías da información e comunicación no desenvolvemento da súa actividade laboral.
Competencias transversais (CT)
CT1. Expresarse correctamente, tanto de forma oral como escrita nas linguas oficiais da Comunidade Autónoma.
CT2. Utilizar as ferramentas básicas das tecnoloxías da información e as comunicacións necesarias para o exercicio da súa profesión e para a aprendizaxe ao longo da vida.
CT3. Desenvolverse para o exercicio dunha cidadanía aberta, culta, comprometida co respecto dos dereitos fundamentais e de igualdade entre homes e mulleres, así como cos valores dunha cultura de paz, democrática e solidaria, capaz de analizar a realidade, diagnosticar problemas, formular e implantar solucións baseada no coñecemento e orientadas ao ben común.
CT4. Entender a importancia da cultura emprendedora e coñecer os medios ao alcance das persoas emprendedoras.
CT5. Valorar críticamente o coñecemento, a tecnoloxía e a información dispoñible para resolver os problemas cos que deben enfrontarse.
CT6. Asumir como profesional e cidadán a importancia da aprendizaxe ao longo da vida.
CT7. Valorar a importancia que ten a investigación, a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico no avance socioeconómico e cultural da sociedade.
Competencias específicas (CE)
CE1. Posuír, comprender e desenvolver habilidades que posibiliten aplicar os coñecementos académicos especializados adquiridos en orde á realidade cambiante á que se enfrontan os avogados para evitar situacións de lesión, risco ou conflito en relación aos intereses encomendados ou o seu exercicio profesional ante tribunais ou autoridades públicas e nas funcións de asesoramento.
CE2. Coñecer as técnicas dirixidas á investigación e establecemento dos feitos nos distintos tipos de procedemento, especialmente a produción de documentos, os interrogatorios e as probas periciais.
CE3. Coñecer e ser capaz de integrar a defensa dos dereitos dos clientes no marco dos sistemas de tutela xurisdicionais nacionais e internacionais.
CE4. Coñecer as diferentes técnicas de composición de intereses e saber atopar solucións a problemas mediante métodos alternativos á vía xurisdicional.
CE5. Coñecer e saber aplicar os dereitos e deberes deontolóxicos profesionais nas relacións do avogado co cliente, as outras partes, o tribunal ou autoridade pública e entre avogados.
CE6. Coñecer e avaliar as distintas responsabilidades vinculadas ao exercicio da actividade profesional, incluíndo o funcionamento básico da asistencia xurídica gratuíta e preservar a independencia de criterio.
CE7. Saber identificar os conflitos de intereses e coñecer as técnicas para a súa resolución, establecer o alcance do segredo profesional e da confidencialidade, e preservar a independencia de criterio.
CE8. Saber identificar os requirimentos de prestación e organización determinantes para o asesoramento xurídico.
CE9. Coñecer e saber aplicar na práctica a contorna organizativa, de xestión e comercial da profesión de avogado, así como o seu marco xurídico asociativo, fiscal, laboral e de protección de datos de carácter persoal.
CE10. Desenvolver destrezas e habilidades para a elección da estratexia correcta para a defensa dos dereitos dos clientes tendo en conta as esixencias dos distintos ámbitos da práctica profesional.
CE11. Desenvolver destrezas que permitan ao avogado mellorar a eficiencia do seu traballo e potenciar o funcionamento global do equipo ou institución na que o desenvolve mediante o acceso a fontes de información, o coñecemento de idiomas, a xestión do coñecemento e o manexo de técnicas e ferramentas aplicadas.
CE12. Coñecer, saber organizar e planificar os recursos individuais e colectivos dispoñibles para o exercicio nas súas distintas modalidades organizativas da profesión de avogado.
CE13. Saber expoñer de forma oral e escrita feitos, e extraer argumentalmente consecuencias xurídicas, en atención ao contexto e ao destinatario ao que vaian dirixidas, de acordo no seu caso coas modalidades propias de cada ámbito procedimental.
CE14. Saber desenvolver traballos profesionais en equipos específicos e interdisciplinares.
CE15. Saber desenvolver habilidades e destrezas interpersoais, que faciliten o exercicio da profesión de avogado nas súas relacións cos cidadáns, con outros profesionais e coas institucións.
O TFM é elaborado de maneira individual por cada un dos/as alumnos/as matriculados en forma e prazo.
Con tal finalidade, seguirase o método do caso e de solución de problemas. Polo tanto, a análise de fontes documentais propias dos casos que se asignen, a aprendizaxe colaborativa, a discusión dirixida, o método do caso, os talleres dirixidos á presentación de simulacións, debates e solución de problemas, etc., formarán parte da metodoloxía habitual empregada na elaboración deste tipo de Traballos. Así mesmo, o/a alumno/a deberá realizar as lecturas das fontes normativas, xurisprudenciais e doutrinais, informes, ditames e calquera outra documentación que o equipo de titoría estime pertinente para o afondamento nos coñecementos necesarios para levar a cabo a realización do Traballo.
A titularidade dos dereitos de propiedade intelectual corresponde ao/á autor/a do traballo de fin de Máster. Pode ser compartida co equipo de titoria de conformidade coa normativa vixente sobre a materia.
Ao principio do terceiro semestre ou a finais do segundo, a coordinación abrirá un prazo para que os/as alumnos/as manifesten por escrito a orde xurisdicional ou especialidade pola que optan para a realización do Traballo, dentro das prazas ofertadas pola comisión académica.
En función das preferencias manifestadas, a coordinación asignará a cada alumno/a a correspondente especialidade e equipo de titoría. De superar as preferencias dos/das alumnos/as o número de prazas programadas para cada orde xurisdicional ou especialidade, realizarase unha selección en función do expediente académico do/a alumno/a na titulación do Máster en Avogacía. No caso de empate realizarase un sorteo para determinar a orde de selección.
Son obrigacións específicas do estudantado en relación co TFM:
a) Informar periodicamente ao equipo de titoría da evolución do seu TFM.
b) Asistir ás titorías programadas pola coordinación académcia e o equipo de titoría.
De ordinario, as titorías programaranse para ser realizadas na aula, por sesións cunha peridiocidade aproximada de cada dúas ou tres semanas, de forma que durante o semestre oscilen entre un mínimo de cinco e un máximo de sete titorías.
A coordinación proporá á comisión académica un calendario cas datas, horas e lugares das diferentes titorías de asistencia obrigatoria.
c) O equipo de titoría tamén poderá recomendar o/a alumno/a a asistencia a seminarios, xornadas ou congresos que poidan ser de interese para a realización do Traballo.
d) Seguir as indicacións técnicas, metodolóxicas, académicas e de programación establecidas polo equipo de titoría e entregar os avances que se vaian producindo, conforme lle sexan solicitados.
e) Elaborar e presentar un Traballo de Fin de Máster orixinal e inédito, polo que o/a estudante responde da autoría e orixinalidade da obra.
Conforme ás preferencias manifestadas polos/as alumnos/as, o Traballo Fin de Máster terá un ou varios equipos de titores por orde xurisdicional ou especialidade (civil e mercantil, penal, administrativa e social), que orientarán o/a alumno/a na súa elaboración.
O/s equipo/s de titoría estarán integrados ordinariamente por persoal docente das áreas de coñecemento que teñan adscrito o TFM na titulación do Máster en Avogacía. Como mínimo, cada equipo de titoría estará integrado por un/unha profesor/a externo/a, que deberá ser avogado/a do ICA Santiago, e por un/unha profesor/a universitario. A proposta do número de equipos de titoría e dos seus integrantes será realizada pola coordinación (académica e profesional) do máster e aprobada pola comisión académica.
A cada alumno/a seralle asignado un equipo de titoría en función da especialidade xurídica na que vai a elaborar o seu traballo, velando en todo momento porque o número de alumnos/as asignados a cada equipo de titoría non afecte á calidade do traballo. A coordinación do máster notificará individualmente a cada profesor/a integrante de cada equipo de titoría as asignacións que lle afecten e publicará no taboleiro de anuncios da EPX unha lista con todas as asignacións realizadas.
A asignación de especialidade, equipo de titoría, caso práctico e temática ten unha validez dun curso académico. Unha vez transcorrido ese prazo sen que o Traballo sexa avaliado positivamente, o/a alumno/a deberá someterse a un novo proceso de asignación e avaliación.
As tarefas de titoría, avaliación e cualificación dos Traballos Fin de Máster forman parte das obrigacións docentes do profesorado.
Son obrigacións específicas dos integrantes de cada equipo de titoría do TFM:
a) Fixar os contidos concretos a analizar por cada alumno/a, tanto por escrito como oralmente, en cada Traballo, dentro das directrices propostas pola comisión académica.
b) Expoñerlle ao/á alumno/a as características e obxectivos a alcanzar co TFM e orientalo/a na súa elaboración.
c) Realizar un seguimento efectivo da elaboración do TFM e velar polo cumprimento dos obxectivos fixados.
d) Asistir e participar en todas as titorías programadas pola comisión académica do máster.
De ordinario, as titorías programaranse para ser realizadas na aula, por sesións cunha peridiocidade aproximada de cada dúas ou tres semanas, de forma que durante o semestre oscilen entre un mínimo de cinco e un máximo de sete.
A coordinación proporá á comisión académcia un calendario cas datas, horas e lugares das diferentes titorías de asistencia obrigatoria.
e) O equipo de titoría tamén poderá recomendar ao/á alumno/a a asistencia a seminarios, xornadas ou congresos que poidan ser de interese para a realización do Traballo.
f) Emitir o informe conxunto que autoriza a defensa do TFM, expón as tarefas encomendadas e ío Traballo do/a alumno/a, incluída a cualificación numérica outorgada.
Os TFM defenderanse ante un Tribunal formado maioritariamente por profesores do Máster, a efectos da súa avaliación. O dito tribunal será nomeado pola comisión académica, a proposta da coordinación, e estará integrado por tres membros, dous dos cales serán profesionais externos (un polo menos, profesional da avogacía do ICA Santiago) e o terceiro profesor/a da USC da especialidade.
I. Requisitos para a presentación dos TFM:
a) Cada estudante solicitará a presentación do TFM nunha instancia dirixida á coordinación do máster, no prazo fixado para tal fin na convocatoria anual dos Traballos.
b) A solicitude irá acompañada de catro copias en papel da parte escrita do TFM, xunto cunha copia electrónica en formato PDF (CD). A copia en CD e unha en papel quedarán arquivadas no Centro.
c) Recibida a solicitude, comunicaráselle ao equipo de titoría respectivo, requiríndolle ao mesmo tempo para que emita o preceptivo informe (coa súa cualificación), o cal se poñerá a disposición do tribunal de avaliación.
II. Requisitos para a avaliación:
a) Os TFM só poden ser avaliados unha vez que se teña constancia de que o/a alumno/a superou as demais materias do plan de estudos e dispón de todos os créditos necesarios para a obtención do título de Máster en Avogacía, excepto os correspondentes ao propio traballo.
b) A coordinación do máster verificará que se cumpren estes requisitos para autorizar a súa presentación.
Para estes efectos, cando á data de presentación do traballo aínda non se recepcionasen todas as actas das materias, a coordinación solicitará ao profesorado encargado das ditas materias que informe sobre as cualificacións do alumnado que vaia a presentar os Traballos na mesma convocatoria.
Estes informes teranse en conta no momento de avaliación do TFM.
III. O informe do equipo de titoría:
a) Cada equipo de titoría debe elaborar un informe conxunto e único sobre cada alumno/a titorizado/a.
b) O informe deberá cubrirse no modelo facilitado pola coordinación e deberá indicar, como mínimo, os seguintes aspectos:
- Se se cumpren os requisitos formais establecidos e se, en canto aos aspectos de fondo, o Traballo está en condicións de ser presentado e defendido, ou, polo contrario, existen defectos substantivos e/ou procesuais insubsanables, así como calquera outra incidencia producida ao longo da titoría que considere oportuno reflectir para os efectos de avaliación do TFM.
- O enunciado do problema xurídico que se propuxo ao/á alumno/a para resolver por medio do informe/ditame e das cuestións xurídico-prácticas encomendadas.
- Unha copia do caso práctico e o enunciado das tarefas profesionais encomendadas.
- As observacións sobre o grao de implicación do/a alumno/a e os resultados alcanzados.
c) O informe deberá estar asinado por todos os integrantes do equipo de titoría e conter unha cualificación numérica do 0 ao 10.
e) O informe entregarase á coordinación do máster con polo menos dez días lectivos de antelación con respecto á data de presentación e defensa do Traballo.
IV. O tribunal de avaliación:
a) Todo o persoal docente das áreas de coñecemento que teñan adscrito o TFM da titulación de Máster en Avogacía está obrigado a formar parte dos tribunais de avaliación destes Traballos.
b) A determinación do número de tribunais en cada convocatoria e a designación dos seus membros é competencia da comisión académica, a proposta conxunta da coordinación académica e profesional do máster. En todo caso, conformarase, como mínimo, un tribunal de avaliación por cada orde xurisdicional (civil e mercantil, penal, administrativa, social).
c) Cada tribunal está formado por tres titulares e tres suplentes, sendo polo menos un dos membros titulares e tamén polo menos un dos membros suplentes un/unha profesor/a universitario/a e outro/a un/unha avogado/a do ICA Santiago.
d) Os integrantes dos equipos de titoría dos Traballos Fin de Máster non poden formar parte dos tribunais de avaliación dos Traballos que tutoricen.
e) A participación nos tribunais é obrigatoria para as persoas nomeadas, excepto causa de forza maior debidamente acreditada.
f) Nas actuacións do tribunal actuará como Presidente/a o membro que proveña do sector da avogacía (no caso de haber máis dun/dunha avogado/a, o/a de maior antigüidade no exercicio profesional) e como Secretario/a un/unha profesor/a universitario/a da especialidade.
g) A coordinación, antes do final de cada ano, propoñerá á comisión académica os membros do correspondente tribunal de avaliación, procurando a rotación dos docentes dun curso a outro e dando preferencia a aqueles que non teñan asignada tutela académica de TFM.
h) A coordinación distribuirá os Traballos entre os tribunais de avaliación de acordo coa temática dos mesmos. De permitilo as preferencias manifestadas polos/as alumnos/as, procurarase o equilibrio entre o número de Traballos asignados a cada tribunal.
i) A continuación, publicarase a listaxe coas asignacións, indicando así mesmo a data, hora e lugar de defensa de cada un dos Traballos.
V. Presentación e defensa do TFM:
a) O acto de presentación e defensa é realizado por cada alumno/a en sesión pública na data e hora acordada.
b) A presentación e defensa do Traballo consistirá:
- Cando se trate de documentos non profesionais, nunha exposición oral na que se indicará/n o/os problema/s xurídico/s a resolver mediante informe/ditame e/ou cuestións xurídico prácticas, o método seguido e as principais conclusións alcanzadas.
- No caso dos documentos profesionais e da celebración das sesións orais dun xuízo, a presentación e defensa do Traballo consistirá na exposición ordenada e razoada das cuestións xurídicas que debera analizar o/a alumno/a e na realización das actividades profesionais en defensa do cliente propias da/s audiencia/s e do xuízo de que se trate.
c) A duración de toda a exposición oral que realice o/a alumno/a non poderá superar os corenta e cinco minutos.
d) A continuación, o/a Presidente/a do tribunal de avaliación abrirá un debate entre os membros do tribunal e o/a alumno/a sobre o Traballo presentado e a exposición realizada, por un tempo aproximado de quince minutos.
VI. Criterios de avaliación:
Celebrado o acto de presentación pública do TFM, o tribunal de avaliación valorará de 0 a 10 os seguintes aspectos do devandito Traballo:
1. Contido do Traballo.
Inclúe o cumprimento dos obxectivos propostos, a análise de textos xurídicos, a súa correcta interpretación e aplicación, a orixinalidade, a adecuación e o desenvolvemento das tarefas formuladas, as dificultades e as conclusións, entre outros aspectos.
2. Presentación escrita do TFM.
Inclúe a estruturación, a redacción e a corrección ortográfica, entre outros aspectos.
3. Exposición oral e debate co tribunal de avaliación.
Inclúe a concisión, a claridade, o cumprimento do tempo establecido e a defensa do Traballo, entre outros aspectos.
4. En xeral, o dominio das competencias xerais do Máster e das particulares das materias sobre as que verse o contido do Traballo.
A cualificación final outorgada polo tribunal de avaliación ao Traballo de Fin de Máster obtense de acordo coa seguinte ponderación:
1. Seguimento continuado do equipo de titoría e informe final: 40%.
2. Contido substantivo e procesual do traballo, presentación escrita, exposición oral e debate co tribunal de avaliación: 60%. Esta cualificación é a resultante da media aritmética das cualificacións atribuídas por cada un dos membros do tribunal de avaliación.
VII. Publicación das cualificacións:
O membro do tribunal de avaliación que actúe como secretario/a fará públicas as cualificacións nun prazo máximo de sete días desde a data de defensa dos Traballos.
Tamén se poderá emitir a cualificación oralmente, sendo recollida na acta que se levante onde consten os membros do tribunal, o/a alumno/a, as incidencias da proba e a cualificación final. En tal caso, se o/a alumno/a se mostra conforme coa cualificación, a mesma quedará firme.
VIII. Revisión das cualificacións:
No momento de facer públicas as cualificacións, o tribunal de avaliación fixará as datas de revisión das mesmas de acordo co establecido na normativa da USC sobre esta materia, salvo que o/a alumno/a renuncie por escrito á dita revisión.
A materia "Traballo Fin de Máster" ten un total de seis créditos.
O tempo de estudo e de traballo persoal que debe dedicar un estudante para superar a materia depende, loxicamente, das peculiares capacidades intelectuais de cada alumno/a. Con todo, calcúlase como media que o tempo de distribución do traballo do/a alumno/a, entre horas presenciais e non presenciais, será o seguinte:
Horas presenciais (titorías e defensa do TFM): 20
Horas non presenciais: 130
Volume de traballo máximo: 150
A preparación idónea da materia aconsella que o alumnado asista ás titorías co material bibliográfico e a documentación proporcionada ou recomendada polo equipo de titoría, previamente lida e analizada, e cos traballos encomendados xa realizados na súa totalidade.
O alumnado non debe atopar excesivo problema en superar satisfactoriamente a materia se, xunto co dito anteriormente, desde o primeiro día trata de dedicarlle un tempo ao estudo e á preparación da materia e dos casos e tarefas encomendadas; e ten o hábito de preguntar nas titorías todas as súas dúbidas.
PLAN DE CONTINXENCIA COVID-19:
A) Escenario 1)
Desenvolverase de maneira presencial conforme figura nos Apartados anteriores (obxectivos, contidos, bibliografía, competencias, sistema de estudo, recomendacións, etc.).
B) Escenario 2 (docencia mixta: presencial e en liña)
Mantense todo o indicado nos Apartados anteriores (obxectivos, contidos, bibliografía, competencias, sistema de estudo, recomendacións, etc.), fóra de:
1. A metodoloxía, que virá condicionada pola modalidade concreta que establezan as autoridades competentes (previsiblemente, unha parte dos alumnos en ensino presencial e outra parte en liña).
2. As actividades que deba realizar o alumnado efectuaranse e entregaranse de maneira virtual, a través dalgunha das plataformas que a USC poña ao dispor de docentes e alumnado ( Teams, Zoom…), e/ou de maneira presencial para o alumnado que lle estea permitido asistir fisicamente ás titorías.
3. As notificacións, avisos, reunións, entrega de tarefas, etc., efectuaranse conforme ao previsto para os escenarios 1 e 3, no caso de ser a docencia mixta (alumnos en aula e alumnos conectados virtualmente).
4. As titorías realizaranse presencialmente e/ou a través dalgunha das plataformas que a USC poña ao dispor de docentes e alumnado, en función da localización do alumnado en cada momento.
5. De non ser posible realizar a defensa do TFM de maneira presencial para o alumnado, efectuarase a través dalgunha das plataformas que a USC poña ao dispor de docentes e alumnado (Teams, Zoom…).
C) Escenario 3 (docencia non presencial)
Mantense todo o indicado nos Apartados anteriores (obxectivos, contidos, bibliografía, competencias, sistema de estudo, recomendacións, etc.), fóra de:
1. A metodoloxía, impartíndose a docencia no horario habitual para as titorías presenciais, a través dalgunha das plataformas que a USC poña ao dispor de docentes e alumnado (Teams, Zoom, etc.).
2. As actividades que deba realizar o alumnado efectuaranse e entregaranse de maneira virtual, a través dalgunha das plataformas que a USC poña ao dispor de docentes e alumnado (Teams, Zoom…).
3. As notificacións, avisos, reunións, entrega de tarefas, etc., efectuaranse a través do correo electrónico, do Campus Virtual da USC, da web da EPJ e doutras plataformas virtuais (Teams, Zoom...) a través das cales se imparta a docencia non presencial.
4. As titorías realizaranse a través dalgunha das plataformas que a USC poña ao dispor de docentes e alumnado.
5. A defensa do TFM efectuarase a través dalgunha das plataformas que a USC poña ao dispor de docentes e alumnado (Teams, Zoom…).