Créditos ECTS Créditos ECTS: 3
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 51 Horas de Titorías: 3 Clase Expositiva: 9 Clase Interactiva: 12 Total: 75
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Máster RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Departamento externo vinculado ás titulacións, Ciencia Política e Socioloxía, Dereito Público Especial e da Empresa
Áreas: Área externa M.U en Avogacía, Psicoloxía Organizacional, Xurídica Forense e Metodoloxía das Ciencias do Comportamento, Dereito Procesual
Centro Facultade de Dereito
Convocatoria: Segundo semestre
Docencia: Sen docencia (Extinguida)
Matrícula: Non matriculable | 1ro curso (Si)
A formación nesta materia ten por obxecto que o alumnado adquira os coñecementos, habilidades e actitudes necesarias para relacionarse correctamente cos diferentes organismos, oficinas, institucións e profesionais nos que se desenvolve con asiduidade o exercicio profesional da avogacía e, en particular, cos servizos que prestan os notarios e os diferentes rexistros públicos.
Xunto a iso, preténdese tamén que o alumnado aprenda a identificar as características dos asuntos e conflitos que lle presenta o cliente e a tomar as decisións máis vantaxosas para a defensa dos seus dereitos, en función das diferentes variables que existan segundo o caso. Entre elas, atópanse coñecer e manexar adecuadamente as técnicas de negociación e solución de conflitos xurídicos mediante vías alternativas ou complementarias á xudicial.
De maneira máis concreta, trátase de que o alumno/a:
- Desenvolva habilidades e destrezas interpersoais que lle faciliten a relación profesional cos seus clientes, profesionais e institucións.
- Coñeza e manexe as técnicas e estratexias adecuadas para canalizar xuridicamente a solución dun asunto, tendo en conta as esixencias dos distintos ámbitos da práctica profesional.
- Recoñeza os intereses reais e posturas das partes, tratando de proporcionarlles canles de comunicación e puntos en común.
- Saiba identificar o tipo de conflito e derivalo cara ao método de resolución máis adecuado.
- Perda o medo á toma de decisións profesionais.
- Perciba a interrelación do Dereito con outras disciplinas científicas e cos problemas da sociedade.
- Adquira capacidade de razoamento e argumentación xurídica e unha conciencia crítica na análise do Dereito.
- Coñeza os medios de obtención de datos e informacións en distintos organismos.
- Identifique os documentos e medios de proba adecuados para a súa utilización na vía xudicial.
- Valore a idoneidade dos distintos documentos notariais, rexistrais e doutras oficinas públicas para o fin perseguido.
- Se familiaríce co contido e utilidade dos documentos notariais máis habituais e saiba valorar a conveniencia do seu emprego nos diferentes ámbitos do exercicio profesional.
- Coñeza as funcións dos diferentes rexistros públicos e sexa capaz de valorar a utilización dos seus documentos e actuacións no exercicio profesional.
- Aprenda a defender os dereitos dos clientes no marco dos sistemas alternativos de solución de conflitos.
- Coñeza e aplique as diferentes técnicas de composición de intereses.
- Fomente o diálogo e o achegamento das posturas en conflito e saiba apreciar a conveniencia de propiciar solucións negociadas.
- Presente sensibilidade cara temas da realidade social, económica e ambiental.
Os devanditos coñecementos, habilidades e actitudes han de complementar a formación que reciba nas restantes materias do Máster.
Parte I. XESTIÓNS PROFESIONAIS. O AVOGADO EN NOTARÍAS E NOS REXISTROS E OUTROS ORGANISMOS.
CONTIDOS:
1. Preparación do proceso:
a) Técnicas para a análise de cuestións xurídicas debatidas, identificación do tipo de conflitos, intereses do cliente e toma de decisións previas ao proceso.
b) Contidos da primeira consulta: distintas modalidades, contenido, información a proporcionar ao cliente, datos a analizar e honorarios.
c) Documentos necesarios para o proceso e proba anticipada.
d) Elección da vía procesual ou extraprocesual máis adecuada en función da relación risco-beneficio.
e) Estudo das posibilidades de acción xudicial, tempo e custo.
2. A actuación do avogado/a ante tribunais, autoridades e oficinas públicas:
a) Obtención de datos de oficinas e organismos.
b) Asesoramento en cuestións técnicas.
c) Medios de investigación da solvencia do contrario, circunstancias persoais, informes (rexistrais, salariais, detectives, etc.).
d) Preparación de probas para o proceso.
e) O avogados ante as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
f) Xestións on-line en diversas entidades ou organismos.
3. O Avogado nas Notarías:
a) A función do Notario, a organización da Notaría e a utilidade para o avogado/a.
b) Descrición, contido e funcións dos documentos notariais máis habituais (actas, requirimentos, apoderamentos, contratos, testamentos).
c) Distinción entre os distintos instrumentos públicos e elección do máis adecuado.
d) Documentos outorgados no estranxeiro.
4. O avogado nos Rexistros:
a) Función dos rexistros públicos: da propiedade, mercantil, civil, etc.
b) O Rexistro da Propiedade:
- Obxecto da inscrición rexistral e materias inscribibles.
- Anotación preventiva e nota marxinal.
- Publicidade formal e información do rexistro (notas simples e certificacións).
- Documentos inscribibles.
- A cualificación rexistral e os recursos contra esta.
- A oficina liquidadora.
c) O Rexistro Mercantil: remisión á materia "Práctica Xurídica Mercantil".
d) O Rexistro Civil: remisión á materia "Práctica Xurídica Civil II".
e) Outros Rexistros públicos.
5. O avogado ante a Xurisdición Voluntaria:
a) Naturaleza xurídica, características, regulación legal e órganos competentes.
b) Clasificación e tipos de actos de xurisdición voluntaria.
c) Procedemento e tramitación.
d) Intervención do avogado na xurisdición voluntaria.
OBXECTIVOS:
Coñecementos:
- Coñecer a forma de relacionarse con outros profesionais e institucións públicas e privadas.
- Medios de obtención de información do propio cliente e obtención de datos oficiais en distintos organismos.
- Contido e utilidade dos documentos notariais máis habituais.
- Funcións dos diferentes rexistros públicos, utilización dos documentos e actuacións ante o Rexistro no exercicio profesional.
- Coñecer os distintos procesos de xurisdición voluntaria e posibilidades de intervención do avogado.
Habilidades:
- Relacionarse con fluidez con outros profesionais e institucións.
- Aplicar técnicas para a análise de problemas e a toma de decisións profesionais.
- Identificación e redacción de documentos de diverso tipo.
- Distinguir entre os distintos documentos notariais e rexistrais, seleccionando o máis adecuado.
- Ampliar a visión do ámbito de actuación do avogado ante un Xulgado.
Actitudes:
- Adecuada relación e comunicación tanto co cliente como cos demais profesionais.
- Subministración e solicitude de información.
- Perder o medo á toma de decisións profesionais.
- Valorar o tipo de documento adecuado a cada caso e a utilidade da información que se solicita.
- Adquirir seguridade coñecendo a diversidade de actos e expedientes de xurisdición voluntaria a desenvolver nun Xulgado.
TAREFAS:
a) Preparación do proceso e actuación ante tribunais ou outros organismos:
- A través de supostos prácticos reais: solicitar datos, enunciar problemas, establecer obxectivos, avaliar riscos, analizar a solvencia do contrario e preparar a futura proba nun proceso.
- Simulación dunha primeira consulta.
- Preparar casos para analizar a conveniencia de proba anticipada e elaborar unha listaxe dos documentos ou medios de proba imprescindibles para os casos máis habituais.
- Debater sobre o "usus fori" dos tribunais e oficinas públicas do partido xudicial.
b) O avogado ante a Notaría:
- Examinar distintos tipos de documentos notariais.
- Formular diferentes supostos prácticos nos que o alumno/a deba determinar o documento notarial que utilizar.
- Redactar minutas para a elaboración de documentos notariais.
- Solicitar información de interese á Notaría.
c) O avogado ante os Rexistros:
- Examinar distintos tipos de documentos rexistrais.
- Redactar escritos para obter documentos ou informacións no Rexistro.
- Debater sobre funcións do Rexistro da propiedade e doutros Rexistros públicos.
- Formular supostos prácticos nos que o alumnado deba determinar o documento rexistral idóneo.
d) Sobre o tema da Xurisdición Voluntaria:
- Analizar os distintos tipos de actos e expedientes de xurisdición voluntaria que se poden plantexar ante un Xulgado.
- Redactar escrito instando expediente de xurisdició voluntaria.
Parte II. Os MEDIOS ALTERNATIVOS DE SOLUCIÓN DE CONFLITOS XURÍDICOS.
1. O conflito e os MASC.
CONTIDOS:
- O conflito: concepto, elementos e tipos de conflito.
- Dinámica do conflito. Estilos de afrontamento do conflito.
- Emocións, comunicación (verbal e non verbal) e conflito.
- Xestión do conflito: métodos de resolución de conflitos autocompositivos e heterocompositivos. Os principais ADR ou MASC: características principais e diferenzas entre eles.
OBXECTIVOS:
Coñecementos:
- Análise do conflito, a súa dinámica e elementos. Aprender técnicas e estratexias de xestión do conflito desde a perspectiva dos medios alternativos.
- Coñecer e fomentar habilidades de comunicación.
- Coñecer e examinar as características dos distintos MASC.
Habilidades:
- Valorar as utilidades dos distintos MASC e escoller o máis adecuado en cada caso.
- Adquirir técnicas de comunicación eficaz. Escoita activa e comunicación non verbal.
- Analizar situacións de conflito e como afrontalas desde as distintas vías para resolver conflitos.
- Saber aconsellar sobre as vantaxes e desvantaxes dunha solución negociada ao conflito en función das situacións.
Actitudes:
- Ser consciente dos elementos e da dinámica de cada conflito.
- Desenvolvemento da escoita activa.
TAREFAS:
- Realizar exercicios prácticos sobre elementos e situacións de conflito.
- Realizar exercicios prácticos sobre comunicación e escoita activa.
2. A negociación e as súas técnicas.
CONTIDOS:
- Concepto e estilos de negociación. Cooperación e competividade.
- A negociación e as súas fases. Habilidades negociadoras.
- A xanela de opcións.
- Estilos de comunicación. A asertividade.
- Liderado.
- Intereses e posicións.
- Estratexias de negociación.
OBXECTIVOS:
Coñecementos:
- Coñecer as diversas tácticas e estratexias para a negociación.
Habilidades:
- Saber aplicar técnicas de negociación.
- Facer propostas e alternativas para resolver o conflito.
- Organizar reunións eficaces, negociar por teléfono e redactar cartas que estimulen a procura conxunta de solucións.
Actitudes:
- Analizar a viabilidade das posibles solucións ao conflito tanto desde o punto de vista xurídico substantivo e procesual, tomando en consideración factores como a posible duración do litixio e da negociación, os aspectos económicos e fiscais, as repercusións emocionais para as partes en conflito, etc.
TAREFAS:
- Valorar a idoneidade ou non de propiciar solucións negociadas.
- Redacción de documentos par a chegar a unha solución negociada.
- Simulación de negociación para diferenciar os intereses das posicións nunha negociación.
- Realizar exercicios prácticos e visualización de vídeos sobre estilos de negociación.
3. A conciliación e as súas técnicas.
CONTIDOS:
- Definición, naturaleza e características da conciliación nos ámbitos civil e mercantil.
- Tipos de conciliación, extraxudicial (notarios e rexistradores) e intraxudicial.
- Regulación, requisitos, procedemento e efectos da conciliación civil.
- Definición e características da conciliación no ámbito laboral (regulación, requisitos, procedemento e efectos).
- A conciliación noutros ámbitos xurídicos.
OBXECTIVOS:
Coñecementos:
- Coñecer o ámbito e o funcionamento actual da conciliación.
Habilidades:
- Identificar as pretensións fundamentais e as condicións para evitar o litixio.
Actitudes:
- Valorar a utilidade da conciliación como acto sinxelo previo que pode evitar o preito mediante a libre negociación das partes con ou sen intervención de terceiros.
TAREFAS:
- Redacción da "solicitude" do acto conciliatorio e simulación da súa celebración.
4. A mediación e as súas técnicas.
CONTIDOS:
- Concepto, características e principios da mediación.
- Diferenzas entre mediación, xurisdición e terapia psicolóxica.
- Ámbitos de aplicación: civil, penal, laboral, administrativo, etc.
- Modelos e escolas de mediación.
- Vantaxes e inconvenientes da mediación.
- Regulación normativa de mediación en España, na Unión Europea e no Dereito comparado.
- A mediación en asuntos civís e mercantís.
- A figura do mediador e as súas habilidades. A comunicación como ferramenta.
- O procedemento de mediación: fases e efectos.
- Microtécnicas de mediación.
- A mediación noutros ámbitos: penal, laboral, administrativo, etc.
OBXECTIVOS:
Coñecementos:
- Coñecer as técnicas e o procedemento de mediación como medio alternativo de solución de conflitos.
Habilidades:
- Saber cando se debe aconsellar ao cliente unha solución extraxudicial do conflito.
- Recoñecer os intereses reais e as posturas das partes, tratando de proporcionarlles canles e espazos de comunicación buscando puntos de acordo.
- Establecer as estratexias para reconducir o conflito.
- Coñecemento da actuación como mediador baixo os principios de imparcialidade, neutralidade, promovendo a comunicación entre as partes implicadas e a formulación de propostas.
Actitudes:
- Mostrar unha actitude favorable cara aos MASC.
- Fomentar o manexo das distintas ferramentas de comunicación e as habilidades para traballar coas partes en mediación, que resulten de utilidade para o achegamento das posturas enfrontadas.
- Valorar a maior eficacia dos acordos obtidos a partir das propostas das partes en conflito.
TAREFAS:
- Realizar exercicios prácticos sobre habilidades e microtécnicas en mediación.
- Realizar exercicios prácticos sobre estilos de comunicación e asertividade.
- Simulación abreviada (role-playing) dun procedemento ou dalgunha fase do procedemento de mediación.
5. A arbitraxe e as súas técnicas.
CONTIDOS:
- Concepto, características e regulación.
- Ámbito de aplicación e tipos de arbitraxe.
- Competencias do árbitro ou do tribunal arbitral. A designación dos árbitros. O avogado-árbitro.
- A organización e o procedemento arbitral.
- Efectos e execución do laudo arbitral.
OBXECTIVOS
Coñecementos:
- Coñecer os distintos tipos de arbitraxe e o funcionamento do procedemento arbitral.
Habilidades:
- Identificación de pretensións e elección de árbitro ou de tribunal arbitral que proporcione unha solución ao conflito.
Actitudes:
- Recoñecer as vantaxes da arbitraxe e a existencia doutras autoridades non xudiciais con capacidade legal e xurídica para buscar solucións aos conflitos.
TAREFAS:
- Redactar unha cláusula de submisión á arbitraxe.
- Simular unha sesión dun procedemento arbitral.
- Simular a tramitación dun procedemento arbitral ou dalgunha das súas fases.
NORMATIVA:
- Constitución española de 1978
- Código Civil
- Código de Comercio
- Lei 1/2000, de 7 de xaneiro, de axuizamento civil.
- Lei 36/2011, de 10 outubro, reguladora da Xurisdición Social
- Lei de 28 de maio 1862, Orgánica do Notariado e Regulamento da Organización e Réxime do Notariado (e os seus Anexos).
- Lei e Regulamento Hipotecario
- Regulamento do Rexistro Mercantil
- Lei e Regulamento do Rexistro Civil
- Lei 15/2015, de 2 de xullo, da Xurisdición Voluntaria.
- Lexislación comunitaria e nacional sobre mediación
- Libro verde sobre as modalidades alternativas de solución de conflitos no ámbito do dereito civil e mercantil, elaborado pola Comisión das Comunidades Europeas o 19 de abril de 2002
- Recomendación 1/1998 do Comité de Ministros do Consello de Europa, sobre mediación familiar
- Decisión marco do Consello da Unión Europea do 15 de marzo de 2001 (2001/220/ JAI), relativa ao estatuto da vítima no proceso penal: artigos 10 e 17
- Directiva 2012/29/UE do Parlamento Europeo e do Consello do 25 de outubro de 2012 pola que se establecen normas mínimas sobre os dereitos, o apoio e a protección das vítimas de delitos, e pola que se substitúe a Decisión marco 2001/220/JAI do Consello.
- Directiva 2008/52/CE, sobre certos aspectos da mediación en asuntos civís e mercantís (DOUE do 24.05.2008)
- Lei 5/2012, de 6 Xullo, de mediación en asuntos civís e mercantís.
- Real Decreto 980/2013, do 13 de decembro, polo que se desenvolven determinados aspectos da Lei 5/2012, do 6 de xullo, de mediación en asuntos civís e mercantís.
- Lei 7/2017, do 2 de novembro, pola que se incorpora ao ordenamento xurídico español a Directiva 2013/11/UE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de maio de 2013, relativa á resolución alternativa de litixios en materia de consumo.
- Lei 4/2015, do 27 de abril, do Estatuto da vítima do delito.
- Leis autonómicas sobre mediación familiar.
- Lexislación comunitaria e nacional sobre arbitraxe.
- Lei 60/2003, do 23 de decembro, de arbitraxe.
- Lei 11/2011, do 20 de maio, de reforma da Lei 60/2003.
- Convenio de Nova York, do 10 de xuño de 1958, para o recoñecemento e execución de decisións arbitrais estranxeiras
- Convenio europeo sobre arbitraxe comercial internacional, do 21 de abril de 1961.
- Arbitraxe en materia de consumo: RDL 1/2007, do 16 novembro, que aproba o texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios; Recomendación 98/257/CE da Comisión, do 30 de marzo, relativa aos principios aplicables aos órganos responsables da solución extraxudicial dos litixios en materia de consumo; RD 231/2008, do 15 de febreiro, polo que se regula o Sistema Arbitral de Consumo.
DOUTRINA:
ALONSO SALGADO, C., La mediación en el proceso penal del menor en el sistema de Justicia español, Editorial Metropolitana, Santiago de Chile, 2017.
ALONSO SALGADO, C., La mediación en el proceso penal, Tirant lo Blanch, Valencia, 2018.
ALZATE SAEZ DE HEREDIA, R., Análisis y resolución de conflictos: una perspectiva psicológica, Bilbao, 1998.
BANACLOCHE PALAO, J., Los nuevos expedientes y procedimientos de jurisdicción voluntaria. Análisis de la ley 15/2015, Ed. La Ley, 2015.
BARONA VILAR, S., Mediación penal. Fundamento, fines y régimen jurídico, Ed. Tirant lo Blanch, Valencia, 2011.
BARONA VILAR, S., Mediación en asuntos civiles y mercantiles en España. Tras la aprobación de la Ley 2/2012, de 6 de julio, Ed. Tirant lo Blanch, Valencia, 2013.
BUDJAC CORVETTE. B.A., Técnicas de negociación y resolución de conflictos (trad. Alba Ramirez, V.C.), Ed. Pearson Educación, México, 2011.
CASTILLEJO MANZANARES, R., Tratado sobre la disposición del proceso civil, Tirant lo Blanch, 2017.
CASTILLEJO MANZANARES, R., Nuevos debates en relación a la mediación penal, civil y mercantil, Servicio de Publicaciones e Intercambio Científico, Santiago de Compostela, 2018.
CASTILLEJO MANZANARES, R., Manual de mediación en asuntos civiles y mercantiles, Tirant lo Blanch, Valencia, 2020.
CREMADES SANZ-PASTOR, J. A., El arbitraje de derecho privado en España, Ed. Tirant lo Blanch, 2014.
ETXEBERRÍA GURIDI, J. F. (Dir.), Estudios sobre el significado e impacto de la mediación: ¿una respuesta innovadora en los diferentes ámbitos jurídicos?, Ed. Aranzadi Thomson Reuters, Navarra, 2012.
FERNÁNDEZ DE BUJÁN (dir.) / SERRANO DE NICOLÁS (coord..) y otros, Comentarios a la Ley 15/2015, de Jurisdicción voluntaria, Ed. Aranzadi, Navarra, 2016.
FERNÁNDEZ GIL, C., Cuestiones prácticas sobre jurisdicción voluntaria. Práctica jurídica, Ed. Tecnos, 2016.
GONZÁLEZ GRANADA, P., Quo vadis, jurisdicción voluntaria? (La reestructuración parcial de la materia en la Ley 15/2015) Ed, Reus, 2015.
MARTINEZ DE SANTOS, A., El acto de conciliación en la nueva Ley de Jurisdicción Voluntaria, Diario La ley, nº 8699, 10 de febrero de 2016.
SANTOS MARTINEZ, A.M., La conciliación tras la entrada en vigor de la Ley 15/2015, de jurisdicción voluntaria, Revista jurídica de Castilla y León, nº 38, enero 2016.
SOLETO MUÑOZ, H., Mediación y resolución de conflictos: Técnicas y ámbitos, Ed. Tecnos, Madrid 2011.
SOLETO MUÑOZ, H. & OTERO PARGA, M., Mediación y resolución de conflictos. Habilidades para una necesidad emergente, Ed. Tecnos, Madrid 2007.
Nas clases irase anunciando, con suficiente antelación, a bibliografía (doutrina, xurisprudencia e textos legais) que resulte precisa en cada momento para un maior aproveitamento dos ensinos.
BASES DE DATOS: Os estudantes poden acceder á xurisprudencia e a outros recursos a través das bases de datos máis habituais que lles son proporcionadas polo servizo de biblioteca da USC e do ICA Santiago. Entre elas, son de uso frecuente Westlaw-Aranzadi, Tirant eon line, La Ley Digitil, El Derecho, etc.
As competencias que pretende proporcionar esta materia baséanse fundamentalmente en que o alumno/a: a) Identifique a utilidade de acudir a notarías e diferentes rexistros públicos no seu quefacer profesional; b) Se manexe con habilidade nas relacións con outros profesionais e institucións e manteña canles de relación e información fluídos; c) Desenvolva destrezas e habilidades para a elección da estratexia máis adecuada para a defensa dos dereitos do cliente; d) Manexe as técnicas para a análise de problemas e a toma de decisións profesionais, sabendo derivar o conflito cara ao método de resolución máis adecuado; e) Aplique con normalidade as técnicas de negociación e resolución de conflitos alternativas á vía xudicial, procurando as saídas negociadas; f) Manifeste unha especial sensibilidade cara temas concretos da realidade social.
Máis concretamente:
Competencias básicas (CB)
CB6. Posuír e comprender coñecementos que acheguen unha base ou oportunidade de ser orixinais no desenvolvemento e/ou aplicación de ideas, a miúdo nun contexto de investigación.
CB7. Que os estudantes saiban aplicar os coñecementos adquiridos e a súa capacidade de resolución de problemas en contornas novas ou pouco coñecidas dentro de contextos máis amplos (ou multidisciplinares) relacionados coa súa área de estudo.
CB8. Que os estudantes sexan capaces de integrar coñecementos e enfrontarse á complexidade de formular xuízos a partir dunha información que, sendo incompleta ou limitada, inclúa reflexións sobre as responsabilidades sociais e éticas vinculadas á aplicación dos seus coñecementos e xuízos.
CB9. Que os estudantes saiban comunicar as súas conclusións e os coñecementos e razóns últimas que as sustentan a públicos especializados e non especializados dun modo claro e sen ambigüidades.
CB10. Que os estudantes posúan as habilidades de aprendizaxe que lles permitan continuar estudando dun modo que haberá de ser en gran medida autodirixido ou autónomo.
Competencias xerais (CG)
CG1. Capacidade de traballo en equipo e de relación interpersoal nun contexto profesional.
CG2. Capacidade de iniciativa, creatividade, liderado, adaptación a novas situacións e espírito de superación.
CG3. Motivación pola calidade e excelencia profesional.
CG4. Capacidade de organización e planificación.
CG5. Compromiso ético e deontolóxico analizado, ademais, desde unha perspectiva solidaria.
CG6. Capacidade de obtención e xestión da información.
CG7. Capacidade de comprensión, análise e síntese.
CG8. Capacidade de resolución de problemas.
CG9. Desenvolvemento dos principios de lealdade e confidencialidade.
CG10. Capacidade de argumentar tanto de forma oral como escrita, cunha linguaxe fluída e técnica, utilizando termos xurídicos, precisos, claros e comprensibles.
CG11. Desenvolvemento dun espírito crítico, lóxico e creativo.
CG12. Capacidade de manexo das tecnoloxías da información e comunicación no desenvolvemento da súa actividade laboral.
Competencias transversais (CT)
CT1. Expresarse correctamente, tanto de forma oral como escrita, nas linguas oficiais da Comunidade Autónoma.
CT2. Utilizar as ferramentas básicas das tecnoloxías da información e as comunicacións necesarias para o exercicio da súa profesión e para a aprendizaxe ao longo da vida.
CT3. Desenvolverse para o exercicio dunha cidadanía aberta, culta, comprometida co respecto dos dereitos fundamentais e de igualdade entre homes e mulleres, así como cos valores dunha cultura de paz, democrática e solidaria, capaz de analizar a realidade, diagnosticar problemas, formular e implantar solucións baseadas no coñecemento e orientadas ao ben común.
CT4. Entender a importancia da cultura emprendedora e coñecer os medios de alcance das persoas emprendedoras.
CT5. Valorar criticamente o coñecemento, a tecnoloxía e a información dispoñible para resolver os problemas cos que deben enfrontarse.
CT6. Asumir como profesional e cidadán a importancia da aprendizaxe ao longo da vida.
CT7. Valorar a importancia que ten a investigación, a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico no avance socioeconómico e cultural da sociedade.
Competencias específicas (CE)
CE1. Posuír, comprender e desenvolver habilidades que posibiliten aplicar os coñecementos académicos especializados adquiridos en orde á realidade cambiante á que se enfrontan os avogados para evitar situacións de lesión, risco ou conflito en relación aos intereses encomendados ou ao seu exercicio profesional ante tribunais ou autoridades públicas e nas funcións de asesoramento.
CE2. Coñecer as técnicas dirixidas á investigación e establecemento dos feitos nos distintos tipos de procedemento, especialmente a produción de documentos, os interrogatorios e as probas periciais.
CE3. Coñecer e ser capaz de integrar a defensa dos dereitos dos clientes no marco dos sistemas de tutela xurisdicional nacionais e internacionais.
CE4. Coñecer as diferentes técnicas de composición de intereses e saber atopar solucións a problemas mediante métodos alternativos á vía xurisdicional.
CE7. Saber identificar os conflitos de intereses e coñecer as técnicas para a súa resolución, establecer o alcance do segredo profesional e da confidencialidade, e preservar a independencia de criterio.
CE8. Saber identificar os requirimentos de prestación e organización determinantes para o asesoramento xurídico.
CE10. Desenvolver destrezas e habilidades para a elección da estratexia correcta para a defensa dos dereitos dos clientes tendo en conta as esixencias dos distintos ámbitos da práctica profesional.
CE11. Desenvolver destrezas que permitan ao avogado mellorar a eficiencia do seu traballo e potenciar o funcionamento global do equipo ou institución en que o desenvolve mediante o acceso a fontes de información, o coñecemento de idiomas, a xestión do coñecemento e o manexo de técnicas e ferramentas aplicadas.
CE13. Saber expoñer de forma oral e escrita feitos e extraer argumentalmente consecuencias xurídicas, en atención ao contexto e ao destinatario ao que vaian dirixidas, de acordo no seu caso coas modalidades propias de cada ámbito procedimental.
CE14. Saber desenvolver traballos profesionais en equipos específicos e interdisciplinares.
CE15. Saber desenvolver habilidades e destrezas interpersoais que faciliten o exercicio da profesión de avogado nas súas relacións cos cidadáns, con outros profesionais e coas institucións.
Para conseguir que os alumnos/as adquiran as competencias esixidas e os obxectivos propostos, a metodoloxía e a programación basearase nunha formación participativa e na asimilación progresiva de experiencias e razoamentos xurídicos. Existe un cambio de mentalidade importante, xa que se trata de potenciar todas as capacidades do alumno/a, e principalmente as habilidades, técnicas e aptitudes necesarias para o exercicio profesional. O alumno/a pasa de ser un simple espectador pasivo a converterse nun protagonista activo da súa propia formación. Trátase de axudar aos alumnos a que "aprendan a aprender" as claves para resolver calquera problema que se lles presente relacionado cos contidos da materia. Preténdese tamén que o trato sexa o máis personalizado posible, para lograr unha formación de calidade.
Seguirase preferentemente o método do caso, servindo este como medio para que o alumno/a alcance os obxectivos previstos. Traballarase con casos extraídos da realidade ou inspirados nela, coas súas diferentes variables e co tratamento da xurisprudencia e doutrina. Cando sexa preciso, combinaranse outros métodos. Empregaranse técnicas coas que o alumno/a leve a cabo as mesmas actividades que despois deberá realizar como avogado/a, sempre baixo un prisma eminentemente práctico e deontolóxico; ademais, cando sexa posible, utilizarase a técnica das simulacións de actuacións orais. Por tanto, a análise e a resolución dos asuntos por parte do alumno/a, a elaboración de escritos profesionais (procesuais e extraxudiciais), así como a preparación de alegacións orais, son os sistemas habituais de traballo. Isto significa que os alumnos/as deben responsabilizarse de preparar adecuadamente os contidos concretos que serán obxecto de análise nas clases, así como de resolver os casos que os profesores lles formulen. Tamén, de ser o caso, os primeiros días de impartición da materia efectuarase un control de coñecementos sobre os contidos da materia para comprobar o nivel inicial de coñecementos dos alumnos.
Deste xeito, as actividades formativas que se realizarán na aula con presenza do profesor consistirán en:
a) Docencia expositiva: Poderá ter diferentes formatos e contará con apoio de medios audiovisuais e informáticos, á vez que se procurará a maior implicación do alumno/a. Realizarase unha breve introdución ás cuestións máis relevantes que, desde a óptica da práctica, suscita cada tema; presentaranse os supostos prácticos que deberán resolver, os temas e as cuestións que deberán expoñer ou debater e os traballos que terán que realizar.
b) Docencia interactiva: Analizaranse e resolveranse os problemas formulados, efectuarase a posta en común das solucións aos casos prácticos e levaranse a cabo as exposicións orais, os debates e as simulacións das actuacións profesionais que se programen. De ser o caso, programaranse visitas de traballo a órganos, institucións e oficinas públicas de interese para o exercicio profesional.
Tanto nas clases expositivas como nas interactivas, utilizarase o método do caso, que consiste na descrición dunha situación concreta con finalidades pedagóxicas para aprender a perfeccionarse. O caso proponse a un grupo-clase para que individual ou colectivamente o sometan á análise e á toma de decisións. Preténdese que o alumnado estude a situación, defina os problemas, chegue ás súas propias conclusións sobre as accións que habería que emprender, contraste ideas e sexa quen de defendelas e reelaboralas con novas achegas.
c) Titorías: Nelas atenderanse aos alumnos/as para analizar cuestións concretas en relación coas súas tarefas ou para tratar de resolver calquera dificultade relacionada cos contidos e coas actividades da materia.
En definitiva, a actividade que haberá de desenvolver o alumnado consistirá en:
- Chegar ao coñecemento teórico e práctico dos conceptos e das institucións básicas da materia.
- Procura de materiais: lexislación, xurisprudencia, doutrina, consultas, etc.
- Asistencia a actividades programadas polo profesorado.
- Resolución de supostos prácticos, elaboración de escritos profesionais e demais actividades de índole similar, tanto de maneira individual como en grupo.
- Aplicación das normas e da xurisprudencia a casos concretos.
- Elaborar traballos, individualmente ou en grupo, sobre contidos da materia.
- Preparar e tomar parte nos debates organizados na aula e nas simulacións de actuacións profesionais que se programen.
- Participar periodicamente nos programas de titorías.
A actividade presencial complementarase co soporte virtual ofrecido a través da plataforma USC VIRTUAL e da plataforma da Escola de Práctica Xurídica, por medio das que se ofrecerán os materiais referidos aos contidos e aos supostos prácticos das diferentes partes que configuran a materia; ofreceranse ligazóns ás fontes básicas de coñecemento; recolleranse os traballos realizados polos alumnos; realizaranse probas de autoavaliación; habilitaranse métodos de contacto para titorías virtuais e remitiranse as cualificacións ao alumnado.
A) Avaliación continua
Para avaliar o rendemento e aprendizaxe dos alumnos/as utilizarase un sistema de avaliación continua, que contribúa a estimular ao alumno/a a seguir o proceso e a involucrarse na súa propia formación.
Serán obxecto de valoración:
a) A asistencia diaria ás clases, que se controlará por medio dunha folla de presenzas; esixíndose un mínimo dun 85% para poder ser valorado polo sistema de avaliación continua.
b) A participación activa nas clases, mediante a intervención nos debates, exposicións e demais actividades programadas polo profesorado.
c) A resolución de exercicios teórico-prácticos, realización de traballos individuais ou en equipo, simulación de actuacións orais, etc.
d) A superación das probas de coñecementos, destrezas e habilidades que se programen polo profesorado.
A través das actividades, tarefas e probas indicadas obterase o 100 % da nota final, constituíndo a asistencia e participación activa o 10% (5+5) da nota final;a realización de probas teórico-prácticas de coñecementos e habilidades un 30%; a elaboración de traballos escritos, exposicións orais, simulacións de actuacións e outras actividades un 60% da nota final.
Para superar a avaliación continua e alcanzar a cualificación de aprobado esixirase un coñecemento xeral e equilibrado de toda a materia. Non será posible superar a materia se o/a alumno/a demostra que descoñece partes esenciais do programa. Para os alumnos que sigan o sistema de avaliación continua e non o superen, a coordinación do Máster comunicaralles con suficiente antelación a súa cualificación, a efectos de que, de ser o caso, poidan presentarse ao exame final.
A efectos da Normativa de Permanencia nas Titulacións de Máster, todas as actividades realizadas tanto dentro como fóra das clases, así como a asistencia ás clases serán valoradas. Para que o alumno figure como "non presentado" na correspondente convocatoria será necesario que non asista a ningunha clase, nin realice ningunha actividade nin se presente ao exame.
B) Exame final
Os alumnos/as que non superen o sistema de avaliación continua terán que realizar un único exame final; sendo imprescindible para poder acceder ao devandito exame ter acreditada, como mínimo, unha asistencia ás clases superior ao 60 %. Unha porcentaxe de asistencia inferior leva a imposibilidade de poder presentarse ao exame final e, consecuentemente, de superar a materia.
Os alumnos con dispensa de asistencia ás clases deberán acudir directamente ao exame final da materia.
O exame final efectuarase nas datas aprobadas pola Comisión Académica do Máster, e consistirá nunha proba de coñecementos e na resolución de varios supostos prácticos (tipo test, preguntas curtas, casos prácticos, documentos profesionais, informes xurídicos, actuacións profesionais orais). A finalidade deste exame é comprobar se o alumno/a ten adquiridas as destrezas e habilidades necesarias para aplicar os coñecementos proporcionados polo profesorado a situacións de índole profesional.
C) Revisión de exames
En cumprimento da normativa da USC, a coordinación do Máster publicará, no taboleiro de anuncios da Escola de Práctica Xurídica, a lista coa cualificación final de cada alumno/a nos dez días seguintes á realización do exame final, con indicación da data e horario no que o/a alumno/a poderá exercitar o seu dereito de revisión para percibir o seu nivel de coñecementos e de carencias. En todo caso, esta revisión terá sempre lugar dentro dos dez días seguintes á publicación das calificacións. Finalizada a revisión, serán publicadas as notas definitivas no mesmo taboleiro da Escola.
A materia "Xestiones Profesionais e Medios Alternativos de Solución de Conflitos" ten un total de tres créditos.
tempo de estudo e de traballo persoal que debe dedicar un estudante para superar a materia depende, lóxicamente, das peculiares capacidades intelectuais de cada alumno/a. Con todo, calcúlase como media que o tempo de distribución do traballo do alumno/a, entre horas presenciais e non presenciais, será o seguinte:
Horas presenciais: 24
Horas non presenciais: 51
Volume de traballo mínimo: 75
A preparación idónea da materia aconsella que o alumnado asista ás clases provisto do material lexislativo e xurisprudencial correspondente a cada tema, previamente lido, e cos traballos e tarefas encomendadas xa realizadas na súa totalidade.
O alumnado non debe atopar excesivo problema en superar satisfactoriamente a materia se, xunto co dito anteriormente, desde o primeiro día de clase trata de introducirse e comprender a terminoloxía profesional; é capaz de dedicarlle un tempo cada día lectivo ao estudo e á preparación da materia e dos casos encomendados, sen omitir nada deles; e ten o hábito de preguntar nas clases todas as súas dúbidas.
PLAN DE CONTINXENCIA COVID-19:
A) Escenario 1)
Desenvolverase de maneira presencial conforme figura nos Apartados anteriores (obxectivos, contidos, bibliografía, competencias, sistema de estudo, recomendacións, etc.).
B) Escenario 2 (docencia mixta: presencial e en liña)
Mantense todo o indicado nos Apartados anteriores (obxectivos, contidos, bibliografía, competencias, sistema de estudo, recomendacións, etc.), fóra de:
1. A metodoloxía, que virá condicionada pola modalidade concreta que establezan as autoridades competentes (previsiblemente, unha parte dos alumnos en ensino presencial e outra parte en liña).
2. As actividades que deba realizar o alumnado (participación activa nas clases, intervención nos debates, exposicións e demais actividades programadas polo profesorado; resolución de exercicios/casos teórico-prácticos; realización de traballos e escritos profesionais individuais ou en equipo; simulación de actuacións profesionais orais; superación das probas de coñecementos, destrezas e habilidades; etc.) para a modalidade de avaliación continua, efectuaranse e entregaranse presencialmente ou de maneira virtual (a través dalgunha das plataformas que a USC poña ao dispor de docentes e alumnado), en función da localización do alumnado en cada momento.
3. As notificacións, avisos, reunións, entrega de tarefas, etc., efectuaranse conforme ao previsto para os escenarios 1 e 3, no caso de ser a docencia mixta (alumnos en aula e alumnos conectados virtualmente).
4. As titorías realizaranse presencialmente e/ou a través dalgunha das plataformas que a USC poña ao dispor de docentes e alumnado, en función da localización do alumnado en cada momento.
5. De non ser posible a realización do exame final da materia de maneira presencial para o alumnado que non supere a avaliación continua, efectuarase a través dalgunha das plataformas que a USC poña ao dispor de docentes e alumnado (Teams, Zoom, Campus Virtual…).
C) Escenario 3 (docencia non presencial)
Mantense todo o indicado nos Apartados anteriores (obxectivos, contidos, bibliografía, competencias, sistema de estudo, recomendacións, etc.), fóra de:
1. A metodoloxía, impartíndose a docencia no horario habitual para as clases presenciais, a través dalgunha das plataformas que a USC poña ao dispor de docentes e alumnado (Teams, Zoom, etc.).
2. As actividades que deba realizar o alumnado (participación activa nas clases, intervención nos debates, exposicións e demais actividades programadas polo profesorado; resolución de exercicios/casos teórico-prácticos; realización de traballos e escritos profesionais individuais ou en equipo; simulación de actuacións profesionais orais; superación das probas de coñecementos, destrezas e habilidades; etc.) para a modalidade de avaliación continua, efectuaranse e entregaranse de maneira virtual, a través dalgunha das plataformas que a USC poña ao dispor de docentes e alumnado (Teams, Zoom, Campus Virtual…).
3. As notificacións, avisos, reunións, entrega de tarefas, etc., efectuaranse a través do correo electrónico, do Campus Virtual da USC, da web da EPJ e doutras plataformas virtuais (Teams, Zoom...) a través das cales se imparta a docencia non presencial.
4. As titorías realizaranse a través dalgunha das plataformas que a USC poña ao dispor de docentes e alumnado.
5. O exame final da materia efectuarase a través dalgunha das plataformas que a USC poña ao dispor de docentes e alumnado (Teams, Zoom, Campus Virtual…).
Cristina Alonso Salgado
- Departamento
- Dereito Público Especial e da Empresa
- Área
- Dereito Procesual
- Correo electrónico
- cristina.alonso [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Profesor Axudante Doutor LOU
María Dolores Seijo Martínez
- Departamento
- Ciencia Política e Socioloxía
- Área
- Psicoloxía Organizacional, Xurídica Forense e Metodoloxía das Ciencias do Comportamento
- Correo electrónico
- mariadolores.seijo [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Titular de Universidade