Créditos ECTS Créditos ECTS: 3
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 51 Horas de Titorías: 3 Clase Expositiva: 9 Clase Interactiva: 12 Total: 75
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Máster RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Departamento externo vinculado ás titulacións
Áreas: Área externa M.U en Avogacía
Centro Facultade de Dereito
Convocatoria: Primeiro semestre
Docencia: Sen docencia (Extinguida)
Matrícula: Non matriculable | 1ro curso (Si)
A formación nesta materia ten por obxecto que o alumnado adquira uns coñecementos, actitudes, habilidades e destrezas iniciais sobre a profesión de avogado/a, que lle permitan familiarizarse coas funcións propias da avogacía, as condicións esixibles para o exercicio da profesión, as formas de organización do exercicio profesional, o funcionamento dun despacho profesional en todas as súas esferas, as consecuencias fiscais das distintas opcións de exercicio profesional, as peculiaridades do sistema de previsión social da avogacía, as obrigacións que se deben observar en materia de protección de datos, así como as características dos servizos colexiais de orientación xurídica, quenda de oficio e asistencia letrada ao detido.
Os devanditos coñecementos, habilidades e actitudes han de complementar a formación que reciba nas restantes materias do Máster.
Máis concretamente, preténdese que o alumno/a:
- Coñeza as funcións propias do avogado/a e saiba diferencialas das doutros profesionais (procuradores, graduados sociais, etc.).
- Coñeza as condicións esixibles para o exercicio da profesión e sexa capaz de tramitar a incorporación a un colexio profesional.
- Coñeza a organización profesional da avogacía, así como a estrutura e funcionamento do Colexio de Avogados da súa demarcación.
- Coñeza as distintas posibilidades de organizar o exercicio profesional e sexa capaz de escoller e tramitar a opción máis idónea en cada caso.
- Coñeza e saiba aplicar na práctica o modelo organizativo, de xestión e comercial da profesión de avogado/a.
- Adquira as nocións básicas sobre marketing que permitan valorar o despacho dende unha óptica empresarial.
- Adquira as nocións básicas sobre o funcionamento e a organización dun despacho de avogados, tanto na esfera administrativa como de recursos materiais e humanos.
- Coñeza e saiba organizar e planificar os recursos individuais e colectivos dispoñibles para o exercicio nas distintas modalidades organizativas da profesión de avogado/a.
- Coñeza e manexe adecuadamente os recursos informáticos (internet, correo electrónico, bases de datos...).
- Coñeza o marco xurídico asociativo, fiscal, laboral e de protección de datos propio da profesión, e desenvolva as habilidades e actitudes que faciliten o cumprimento das obrigacións profesionais nestes ámbitos.
- Coñeza e valore as consecuencias fiscais das distintas opcións do exercicio profesional, manexe os aspectos básicos dos tributos que lle afectan e a tramitación necesaria para iniciar a actividade profesional en cada caso.
- Saiba identificar os requirimentos de prestación e organización determinantes de asesoramento xurídico.
- Saiba desenvolver destrezas e habilidades que lle permitan mellorar a eficiencia do seu traballo e potenciar o funcionamento global do equipo ou institución na que o desenvolve, mediante o acceso a fontes de información, a xestión do coñecemento e o manexo de técnicas e ferramentas aplicadas.
- Saiba desenvolver traballos profesionais en equipos específicos e interdisciplinares.
- Aprenda a organizar eficazmente o tempo e a controlar os sinalamentos e prazos na axenda profesional.
- Aprenda a minutar correctamente e a saber cobrar polo traballo realizado.
- Coñeza as distintas situacións de cobertura e as distintas prestacións das opcións de previsión ás que poden optar os avogados, e aprecie a necesidade de ter cubertas as situacións de xubilación, incapacidade, falecemento, enfermidade e asistencia médica.
- Coñeza a función social e solidaria da avogacía, en particular no relativo aos servizos de orientación xurídica, quenda de oficio e asistencia letrada ao detido.
- Sexa capaz de poñer o máximo celo en conducirse con profesionalidade e corrección no exercicio profesional, asumindo que a formación debe ser unha actividade continuada e permanente.
Parte I. O EXERCICIO DA PROFESIÓN DE AVOGADO/A.
CONTIDOS:
1. Funcións do avogado/a: a) Dirección e defensa das partes nos procedementos; b) Asesoramento e consello xurídico; c) A evitación da vía xudicial; d) Función social da avogacía.
2. A normativa reguladora da avogacía e a súa organización institucional.
3. Alternativas de exercicio da avogacía: a) Individual: conta propia e allea; b) Colectivo: agrupación baixo calquera forma lícita en dereito; c) Multiprofesional: colaboración con outros profesionais liberais; d) Incompatibilidades.
4. Requisitos para o exercicio: a) Formación especializada; b) Proba de avaliación; c) Colexiación (requisitos, tramitación, xura).
5. Ámbito territorial de exercicio: O exercicio da avogacía en España e noutros países.
6. Obrigacións previas ao exercicio: a) De carácter tributario; b) De carácter social; c) Outras obrigacións.
7. A necesaria formación continuada do avogado/a.
8. O exercicio da avogacía en Santiago de Compostela.
9. O ICA de Santiago: acceso, organización e servizos colexiais.
10. A avogacía nova (perspectiva da profesión, dificultades iniciais, a formación, os contactos profesionais, a captación de clientes, as agrupacións de avogados novos, etc.)
OBXECTIVOS:
Coñecementos:
- Coñecer as funcións propias do avogado.
- Coñecer a normativa reguladora e a organización institucional da avogacía.
- Coñecer as condicións esixibles para o exercicio da profesión.
- Comprender a necesidade de formarse continuamente para exercer a profesión nas mellores condicións.
- Coñecer as peculiaridades do exercicio da avogacía en Santiago, así como o funcionamento do ICAS.
- Coñecer a perspectiva da profesión por parte da avogacía nova.
Habilidades:
- Distinguir as funcións propias do avogado/a das doutros profesionais.
- Escoller a modalidade de exercicio máis conveniente en cada caso.
- Tramitar a incorporación a un colexio profesional.
Actitudes:
- Asumir os labores propios da profesión e a súa función social.
- Integrarse na organización colexial dunha maneira activa.
- Asumir que a formación do avogado/a debe ser unha actividade non só inicial, senón continuada ao longo da profesión.
TAREFAS:
- Debate cos alumnos para coñecer as súas ideas sobre a profesión e as motivacións para incorporarse a ela.
- Debate cos alumnos sobre as funcións do avogado/a e as diferentes alternativas de exercicio profesional (vantaxes e inconvenientes).
- Realizar as xestións previas necesarias (recompilación de datos, documentos e impresos) e solicitar ao ICA de Santiago a incorporación como avogado/a exercinte.
- Lectura da principal normativa reguladora da profesión.
Parte II. MODALIDADES DE EXERCICIO PROFESIONAL.
CONTIDOS:
1. Exercicio individual:
a) Por conta propia (titular do despacho / auto-organización profesional): Exercicio por conta propia compartindo despacho. Exercicio por conta propia e acordos de colaboración. Responsabilidade por actos de colaboradores e/ou empregados.
b) Por conta allea: Vinculados á Administración como funcionarios. Relación laboral común. Relación laboral especial en despachos de avogados: regulación, contrato de traballo (relación especial), dereitos e deberes dos avogados de relación especial.
2. Exercicio colectivo: Principios e características: obxecto, membros, identificación, constitución, inscrición, independencia, honorarios... Formas de asociación para o exercicio: sociedade civil, comunidade de bens, sociedades mercantís, outros supostos.
3. As prácticas na avogacía.
OBXECTIVOS:
Coñecementos:
- Coñecer as distintas posibilidades de organizar o exercicio profesional e a súa normativa reguladora.
Habilidades:
- Saber escoller a modalidade de exercicio profesional máis adecuada.
Actitudes:
- Valorar sempre a modalidade de exercicio profesional máis idónea en cada caso.
TAREFAS:
- Debate cos alumnos sobre vantaxes e inconvenientes das distintas modalidades de exercicio profesional.
- Debate sobre a pasantía.
- Redactar os estatutos para algunha das formas colectivas de exercicio da avogacía.
Parte III. ORGANIZACIÓN DO DESPACHO, LEXNET E PROTECCIÓN DE DATOS.
CONTIDOS:
1. Organización do despacho:
a) Medios humanos: Tarefas administrativas e xurídicas. Selección, xestión, distribución, promoción, retribución do persoal.
b) Medios materiais: Despacho físico e mobiliario. Despacho virtual. Computador e outras ferramentas. Impresora, fotocopiadora e fax. Telefonía.
c) Aplicacións informáticas: Conexión a internet. Correo electrónico. Páxina web do despacho. Aplicacións informáticas de xestión. Redes sociais.
d) Medios intelectuais: Axenda e control de sinalamentos. Subscrición a bases de datos xurídicas e publicacións. Elaboración de formularios. Grupo de contactos.
e) Organización do tempo propio: Priorización de tarefas. Planificación e delegación de tarefas. Orde e organización. Tempo familiar.
2. Lexnet:
a) Normativa reguladora.
b) Entrada en vigor.
c) Operadores xurídicos obrigados a súa utilización.
d) Requisitos técnicos necesarios: firma dixital e ACA.
e) Cómo funciona a plataforma Lexnet.
f) Notificacións e prazos.
3. A protección de datos na actividade da avogacía.
a) Normativa reguladora.
b) Suxeitos en materia de protección de datos (responsable, encargado, interesado, cesionario...).
c) Definicións e termos básicos en materia de protección de datos.
d) Dereitos das persoas afectadas: información, acceso, esquecemento, limitación de tratamento, portabilidade, cancelación, oposición.
e) Delegado de Protección de Datos: Definición, entidades obrigadas, requisitos.
f) Diferencia entre Avaliación de Impacto e Análise de Riscos. Principios fundamentais.
g) Medidas de responsabilidade activa: rexistro actividades, protección de datos desde o deseño e por defecto, medidas de seguridade, notificación de quebras ou violacións de seguridade, notificacións de violacións de seguridade dos datos.
h) Autoridades de Control: Axencia Española de Protección de Datos.
i) Infraccións e sancións.
OBXECTIVOS:
Coñecementos:
- Coñecer o funcionamento e a organización dun despacho de avogados, tanto na súa esfera administrativa, de xestión e promoción empresarial, como de recursos humanos e materiais.
- Coñecer o funcionamento de Lexnet.
- Coñecer a lexislación básicas sobre protección de datos de persoas físicas.
- Coñecer as obrigacións que como responsable de seguridade debe respectar en relación co tratamento dos datos de carácter personal tanto de cliente, proveedores e/ou empregados.
Habilidades:
- Organizar eficazmente o tempo e controlar os sinalamentos e os prazos mediante o sistema de axenda profesional (electrónica ou manual).
- Xestionar integralmente un despacho de avogados.
- Manexar a plataforma Lexnet.
Actitudes:
- Valorar o despacho desde unha óptica empresarial.
- Tomar conciencia das obrigacións que afectan o despacho en materia de protección de datos.
- Afacerse a usar a plataforma Lexnet.
TAREFAS:
- Análise de exemplos.
- Exercicios de control de sinalamento de prazos.
- Elaboración dun plan de acción (previsión de medios necesarios e orzamento).
- Informar sobre os custos das bases de datos e programas de xestión.
- Empregar exemplos de tratamento de datos habituais nun despacho.
- Elaborar o rexistro de actividades do tratamento.
- Empregar exemplos de medidas de seguridade desde o deseño e por defecto.
- Realizar actividades de subida de documentos e recepción de notificacións a través de Lexnet.
- Exercicios de manexo con soltura de medios informáticos e de procura da información.
Parte IV. MARKETING DO DESPACHO.
CONTIDOS:
1. Estudo do despacho:
- Que podo ofrecer.
- Determinación da s áreas de dedicación preferente.
- Cales son as miñas fortalezas e as miñas debilidades.
- De que vantaxes competitivas dispoño.
- Cal é o servizo que podo ofrecer e a que prezo.
2. Estudo do mercado: Qué necesita o cliente.
3. Captación de clientes:
a) Publicidade directa: Medios de comunicación tradicionais (logotipos, cartóns, placa...) e por internet. Directorios.
b) Publicidade indirecta: Referencias de terceiros. Seminarios, conferencias, presentacións, cursos, labor docente...
c) Publicidade lícita e ilícita.
4. Trato co cliente e a súa fidelización:
a) Contacto inicial: transmitir confianza, interese, empatía, transmisión da propia imaxe persoal.
b) Exposición do servizo: explicacións, custo, posibilidades de resultados, argumentos en función das necesidades do cliente.
c) Obxeccións do cliente: como superar as reticencias do cliente.
5. Marca e imaxe persoal: Imaxe desexada e imaxe transmitida.
6. Política de honorarios e ingresos: Axudas e subvencións ao establecemento. Criterios orientadores de honorarios. Folla de encargo. Provisión de fondos. Cobro de honorarios. Quenda de oficio.
7. Plan de marketing: Análise e diagnóstico de situación. Obxectivos. Accións. Cronograma. Orzamento. Responsabilidades. Seguimento. Resultado. Avaliación.
8. Dúbidas frecuentes.
OBXECTIVOS:
Coñecementos:
- Adquirir nocións sobre mercadotecnia, captación e fidelización de clientes, comunicación e dirección estratéxica.
- Coñecer as esixencias normativas que, desde diferentes ámbitos, afectan ao funcionamento dun despacho profesional.
- Coñecer a forma de relacionarse cos clientes.
Habilidades:
- Xestionar eficazmente un despacho de avogados.
- Relacionarse co cliente.
- Saber cobrar polo traballo realizado.
Actitudes:
- Valorar o despacho desde unha óptica empresarial.
- Ser sensible á confección dun plan de márketing.
- Ter unha correcta relación deontolóxica co cliente.
TAREFAS:
- Análise de exemplos.
- Elaborar o propio plan de acción.
- Simular varias situacións respecto da forma de tratar aos clientes.
- Elaborar peticións de provisión de fondos, follas de encargo e facturas.
Parte V. A PREVISIÓN SOCIAL DOS AVOGADOS.
CONTIDOS:
1. Situacións que cubrir e sistemas de previsión: a) Avogado liberal / autónomo dependente: Mutualidade. Outras mutuas. RETA; b) Avogado asalariado: Réxime xeral da Seguridade Social. Mutualidade. Outras mutuas; c) Avogado liberal e asalariado a tempo parcial: Réxime xeral da Seguridade Social. Mutualidade. Outras mutuas.
2. Coberturas e o seu alcance: xubilación, falecemento, de ser o caso, viuvez/orfandade, invalidez permanente, incapacidade temporal, maternidade, asistencia sanitaria, desemprego, coberturas opcionais.
3. Beneficiarios.
4. Distribución das cotas nos distintos sistemas: canto se destina á xubilación, falecementos, viuvez, orfandade, invalidez permanente, incapacidade temporal, asistencia sanitaria, desemprego e outros conceptos.
5. Compatibilidades dos distintos sistemas.
6. Tarxeta sanitaria universal: fundamento e alcance na Comunidade autónoma de Galicia.
7. Prestación por desemprego para os autónomos: custo, prestacións, capitalizacións.
8. Especialidades fiscais.
OBXECTIVOS:
Coñecementos:
- Coñecer as distintas situacións de cobertura, as distintas prestacións e a distribución de cotas.
- Coñecer os requisitos de adscrición a cada unha das modalidades de aseguramento.
Habilidades:
- Contratar a modalidade de aseguramento máis adecuada.
Actitudes:
- Apreciar a necesidade de prever máis aló das esixencias legais e ter cubertas as situacións de xubilación, incapacidade, enfermidade e asistencia médica.
TAREFAS:
- Traballar con varios exemplos ilustrativos para poder apreciar as similitudes e as diferenzas, a fin de que cada alumno/a poida deducir que lle convén na súa situación persoal.
- Examinar as coberturas da póliza colectiva do Colexio de Avogados.
Parte VI. HONORARIOS PROFESIONAIS, CUSTAS PROCESUAIS E TAXAS XUDICIAIS.
CONTIDOS:
1. Minutación do Avogado.
a) Honorarios profesionais: concepto, regulación e formas de fixación.
b) Liberdade na fixación dos honorarios.
c) Folla de encargo e provisión de fondos.
d) Factura e implicacións fiscais.
e) Formas de cobro: Conta de Avogado e Procurador.
2. Custas procesuais.
a) Concepto e regulación.
b) Imposición.
c) Cálculo das custas. Taxación e exacción.
d) Impugnación dos honorarios
e) Custas e xustiza gratuíta.
f) Criterios de honorarios para tasación de custas do ICA Santiago
3. Taxas xudiciais.
a) Concepto e regulación.
b) Elementos esenciais: ámbito de aplicación, feito impoñible, suxeito pasivo, devindicación, base impoñible, cota tributaria.
4. Depósitos para recorrer.
a) Concepto e regulación.
b) Recursos e contías.
c) Consignación do depósito e acreditación.
5. Consignacións: supostos.
OBXECTIVOS:
Coñecementos:
- Coñecer as particularidades do exercicio polo avogado do seu dereito ao cobro de honorarios profesionais.
- Coñecer como se minuta (criterios, cálculo, cobro, etc.).
- Coñecer a transcendencia das custas procesuais para o cliente.
- Coñecer o funcionamento dos depósitos para recorrer e as consignacións.
Habilidades:
- Minutar correctamente.
- Ser consciente da transcendencia das custas procesuais.
- Efectuar os depósitos e consignacións que correspondan en cada caso.
Actitudes:
- Corrección no cobro de honorarios.
- Valorar as implicacións para o cliente das custas procesuais, depósitos e consignacións.
TAREFAS:
- Formular e debater os diferentes problemas que se poden expor en materia de honorarios profesionais.
- Manexar os criterios orientativos colexiais.
- Elaborar unha folla de encargo profesional e unha solicitude de provisión de fondos.
- Realizar diferentes exercicios de cálculo de honorarios.
- Elaborar facturas e examinar a súa incidencia nos distintos tributos que sexan de aplicación.
- Realizar diferentes exercicios sobre custas procesuais: conceptos non incluíbles, imposición, impugnación, etc.
- Formular e debater os problemas que crea a distinta tributación, segundo a modalidade de exercicio da profesión.
- Practicar a consignación dun depósito.
Parte VII. FISCALIDADE DO AVOGADO/A.
CONTIDOS:
1. Exercicio individual. Obrigacións tributarias.
a) Tributación directa: IRPF (declaración, liquidación, retencións e pagamentos fraccionados). Concepto. Particularidades en Galicia. Rendementos de actividades profesionais. Métodos de cálculo de rendemento neto de actividades económicas: estimación directa (modalidades normal e simplificada) e obxetiva. Retencións: soportadas e practicadas. Pagos fraccionados. Lexislación básica. Regulación. Obrigacións formais. Impresos. Supostos prácticos.
b) Tributación indirecta: IVE (declaración, liquidación). Concepto. Feito impoñible, exencións, devindiación, base impoñible e tipo de gravame. Declaración / liquidación. Lexislación básica. Regulación. Obrigacións formais. Impresos. Supostos prácticos.
2. Exercicio colectivo. Obrigacións tributarias: Imposto de sociedades. Outros impostos.
a) Colectividade sen personalidade xurídica: Entidades sen réxime de atribución de rendas (comunidades de bens, sociedade civil...). Comunidades de bens: definición, regulación, constitución, principios de funcionamento. Sociedades civís: definición, regulación, constitución; IAE: exención por cifra de negocio; IRPF: réxime de atribución de rendas a comuneiros e partícipes. Cálculo das rendas atribuíbles; ITP e AJD: operacións societarias que gravan; IVE.
b) Sociedades mercantís: IAE: Exención por cifra de negocio. Imposto de sociedades: rendas que gravan; ITP e AJD: operacións societarias que gravan.
3. Planifica ción fiscal: Análise das vantaxes e desvantaxes de cada unha das opcións existentes para desenvolver a profesión.
4. Obrigacións contables e formais:
a) Obrigacións formais de carácter tributario: Presentar declaracións censuais. Solicitar e usar o NIF. Presentar declaracións, autoliquidacións e comunicacións. Libros, programas, ficheiros, arquivos. Facilitar as inspeccións, etc.
b) Obrigacións contables: Libros obrigatorios.
c) Conservación da documentación.
d) Follas de encargo e facturas: requisitos.
OBXECTIVOS:
Coñecementos:
- Coñecer os dereitos e os deberes do avogado/a como contribuínte ante a Administración tributaria.
- Coñecer as diferentes obrigacións tributarias conforme á forma de exercicio da profesión.
- Coñecer a incidencia dos diferentes tributos de aplicación no exercicio da actividade.
- Coñecer as obrigacións tributarias de cumprimento periódico.
- Coñecer as obrigacións de cumprimento instantáneo.
- Coñecer as responsabilidades tributarias derivadas do exercicio da avogacía.
- Coñecer as obrigacións contables.
Habilidades:
- Aplicar á práctica a normativa básica dos impostos de maior incidencia.
- Calcular e presentar as autoliquidacións dos tributos aplicables (IRPF, IVE, ITPeAXD, IS, etc.)
- Formalidades e tributación da constitución de sociedades.
- Cumprimento das obrigacións contables.
Actitudes:
- Estar ao día das reformas tributarias e das obrigacións fiscais.
- Valorar a incidencia que poden ter os impostos no exercicio da profesión.
- Corrección na contabilidade e no cobro de honorarios.
TAREFAS:
- Formular e debater os problemas que crea a distinta tributación, segundo a modalidade de exercicio da profesión.
- Entregar diversos documentos e supostos xurídicos para coñecer a súa incidencia nos diferentes tributos.
- Analizar unha mesma situación aplicando as distintas opcións posibles.
- Visitar a web da AEAT e outras páxinas e recursos tributarios na internet.
- A partir de supostos concretos, valorar as distintas posibilidades de actuación.
- Formular autoliquidacións.
- Elaborar facturas e examinar a súa incidencia nos distintos tributos que sexan de aplicación.
Parte VIII. QUENDA DE OFICIO, ASISTENCIA LETRADA AO DETIDO E SERVIZO DE ORIENTACIÓN XURÍDICA.
CONTIDOS:
1. Funcionamento dos servizos colexiais da quenda de oficio, asistencia ao detido e orientación xurídica (SOX).
2. Asistencia xurídica gratuíta: requisitos, procedemento, alcance (exencións), revogación, renuncia, insostibilidade e custas. A intervención do avogado na tramitación do expediente.
3. Quenda de oficio: tipos (xerais e especiais), requisitos de acceso, organización e réxime de asistencia no ICA de Santiago, dereitos e obrigacións, infraccións e sancións, etc.
4. Asistencia letrada ao detido: organización e réxime de asistencia no ICA de Santiago.
5. SOX: funcións e organización no ICA de Santiago.
6. A retribución destes servizos colexiais.
OBXECTIVOS:
Coñecementos:
- Coñecer a normativa, os principios e o funcionamento do dereito á asistencia xurídica gratuíta.
- Coñecer o funcionamento dos servizos colexiais de quenda de oficio, asistencia letrada ao detido e orientación xurídica.
- Saber apreciar os supostos en que é posible ou aconsellable renunciar ou formular unha insostibilidade da pretensión.
- Coñecer o sistema de retribución dos servizos colexiais de quenda de oficio, asistencia letrada ao detido e orientación xurídica.
Habilidades:
- Atender as visitas do SOX, orientando ao usuario sobre como encamiñar o seu problema.
- Informar ao usuario da distinción entre a quenda de oficio e a xustiza gratuíta, así como das súas consecuencias.
- Saber cubrir a documentación necesaria para a tramitación do expediente de xustiza gratuíta.
Actitudes:
- Asumir a función social e solidaria da avogacía.
- Defender os intereses do cliente destes servizos co mesmo interese que o resto de asuntos.
TAREFAS:
- Formular diferentes casos prácticos extraídos da realidade, nos que cada alumno/a deba aplicar a normativa reguladora destes servizos colexiais.
- Cubrir a documentación necesaria para a tramitación do expediente de xustiza gratuíta.
- Efectuar unha solicitude de asistencia xurídica gratuíta en nome do cliente, cubrir un parte de asistencia, etc.
- Analizar supostos e redactar escritos de insostibilidade e renuncia.
- Visitar o SOX do Colexio de Avogados.
NORMATIVA:
O alumnado debe asistir ás clases cun exemplar (derradeira edición actualizada) de:
- Constitución española de 1978
- Código civil
- Lei orgánica do Poder Xudicial
- Lei de axuizamento civil
- Lei xeral da Seguridade Social
- Lei e regulamento de asistencia xurídica gratuíta
- Decreto 269/2008, de 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Asistencia Xurídica Gratuita de Galicia.
- Lei 11/2007, de 27 de xullo, galega, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
- Código deontolóxico da Avogacía
- Estatuto Xeral da Avogacía española
- Estatutos do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela
- Criterios de honorarios exclusivos para taxación de custas
- Lei sobre acceso ás profesións de avogado e procurador dos tribunais
- Regulamento xeral de protección de datos
- Lei de protección de datos
- Lei xeral tributaria
- Lei e regulamento do IRPF
- Lei e regulamento do IVE
- Lei de facendas locais
- Lei 18/2011, do 5 de xullo, reguladora do uso das tecnoloxías da información e da comunicación na administración de xustiza
- RD 1065/2015, do 27 de novembro, sobre comunicacións electrónicas na administración de xustiza no ámbito territorial do Ministerio de Xustiza e polo que se regula o sistema Lexnet
- Lei 42/2015, do 5 de outubro, da reforma da Lei 1/200, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil
DOUTRINA:
AA.VV, La organización profesional básica del abogado, Mutualidad de la Abogacía, Cátedra Mutualidad, Madrid (última edición).
BORGIA SORROSAL S., Entorno organizativo del despacho, ed. Dykinson (última edición).
PÉREZ PEREIRA, M., Marco juridico colegial, ed. Dykinson (última edición).
Nas clases irase anunciando, con suficiente antelación, a bibliografía (doutrina, xurisprudencia e textos legais) que resulte precisa en cada momento para un maior aproveitamento dos ensinos.
BASES DE DATOS: Os estudantes poden acceder á xurisprudencia e a outros recursos a través das bases de datos máis habituais, por medio do servizo de biblioteca da USC e do ICA Santiago. Entre elas, son de uso frecuente Westlaw-Aranzadi, Tirant on line, La Ley Digital, etc.
As competencias que pretende proporcionar esta materia baséanse fundamentalmente en que o/a alumno/a sexa consciente das funcións propias da profesión de avogado/a, manéxese na estrutura organizativa propia da avogacía, poida tramitar a incorporación a un colexio profesional e sexa capaz de organizar un despacho profesional, cumprindo con eficacia todas as obrigacións profesionais e colexiais.
Máis concretamente:
Competencias básicas (CB)
CB6. Posuír e comprender coñecementos que acheguen unha base ou oportunidade de ser orixinais no desenvolvemento e/ou aplicación de ideas, a miúdo nun contexto de investigación.
CB7. Saber aplicar os coñecementos adquiridos e a súa capacidade de resolución de problemas en contornas novas ou pouco definidas dentro de contextos máis amplos (ou multidisciplinares) relacionados coa súa área de estudo.
CB8. Capacidade de integrar coñecementos e enfrontarse á complexidade de formular xuízos a partir dunha información que, sendo incompleta ou limitada, inclúa reflexións sobre as responsabilidades sociais e éticas vinculadas á aplicación dos seus coñecementos e xuízos.
CB9. Saber comunicar conclusións -e os coñecementos e razóns últimas que as sustentan- a públicos especializados e non especializados dun modo claro e sen ambigüidades.
CB10. Posuír as habilidades de aprendizaxe que permitan continuar estudando dun modo que haberá de ser en gran medida autodirixido ou autónomo.
Competencias xerais (CG)
CG1. Capacidade de traballo en equipo e de relación interpersoal nun contexto profesional.
CG2. Capacidade de iniciativa, creatividade, liderado, adaptación a novas situacións e espírito de superación.
CG3. Motivación pola calidade e a excelencia profesional.
CG4. Capacidade de organización e planificación.
CG5. Compromiso ético e deontolóxico analizado, ademais, desde unha perspectiva solidaria.
CG6. Capacidade de obtención e xestión da información.
CG7. Capacidade de comprensión, análise e síntese.
CG8. Capacidade de resolución de problemas.
CG9. Desenvolvemento dos principios de lealdade e confidencialidade.
CG10. Capacidade de argumentar tanto de forma oral como escrita, cunha linguaxe fluída e técnica, utilizando termos xurídicos, precisos, claros e comprensibles.
CG12. Capacidade de manexo das tecnoloxías da información e comunicación no desenvolvemento da súa actividade laboral.
Competencias transversais (CT)
CT2. Utilizar as ferramentas básicas das tecnoloxías da información e as comunicacións necesarias para o exercicio da súa profesión e para a aprendizaxe ao longo da vida.
CT3. Desenvolverse para o exercicio dunha cidadanía aberta, culta, comprometida co respecto dos dereitos fundamentais e de igualdade entre homes e mulleres, así como cos valores dunha cultura de paz, democrática e solidaria, capaz de analizar a realidade, diagnosticar problemas, formular e implantar solucións baseadas no coñecemento e orientadas ao ben común.
CT4. Entender a importancia da cultura emprendedora e coñecer os medios ao alcance das persoas emprendedoras.
CT5. Valorar criticamente o coñecemento, a tecnoloxía e a información dispoñible para resolver os problemas cos que deben enfrontarse.
CT6. Asumir como profesional e cidadán a importancia da aprendizaxe ao longo da vida.
CT7. Valorar a importancia que ten a investigación, a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico no avance socioeconómico e cultural da sociedade.
Competencias específicas (CE)
CE5. Coñecer e saber aplicar os dereitos e deberes deontolóxicos profesionais nas relacións do avogado co cliente, as outras partes, o tribunal ou autoridade pública e entre avogados.
CE6. Coñecer e avaliar as distintas responsabilidades vinculadas ao exercicio da actividade profesional, incluíndo o funcionamento básico da asistencia xurídica gratuíta e a promoción da responsabilidade do avogado.
CE8. Saber identificar os requirimentos de prestación e organización determinantes para o asesoramento xurídico.
CE9. Coñecer e saber aplicar na práctica a contorna organizativa, de xestión e comercial da profesión de avogado/a, así como o marco xurídico asociativo, fiscal, laboral e de protección de datos de carácter persoal.
CE10. Desenvolver destrezas e habilidades para a elección da estratexia correcta para a defensa dos dereitos dos clientes, tendo en conta as esixencias dos distintos ámbitos da práctica profesional.
CE11. Desenvolver destrezas que permitan ao avogado mellorar a eficiencia do seu traballo e potenciar o funcionamento global do equipo ou institución en que o desenvolve mediante o acceso a fontes de información, o coñecemento de idiomas, a xestión do coñecemento e o manexo de técnicas e ferramentas aplicadas.
CE12. Coñecer, saber organizar e planificar os recursos individuais e colectivos dispoñibles para o exercicio nas súas distintas modalidades organizativas da profesión de avogado.
CE14. Saber desenvolver traballos profesionais en equipos específicos e interdisciplinares.
CE15. Saber desenvolver habilidades e destrezas interpersoais, que faciliten o exercicio da profesión de avogado nas súas relacións cos cidadáns, con outros profesionais e coas institucións.
Para conseguir que o alumnado adquira as competencias esixidas e os obxectivos propostos, a metodoloxía e a programación basearanse nunha formación participativa e na asimilación progresiva de coñecementos e experiencias. Existe un cambio de mentalidade importante, xa que se trata de potenciar todas as capacidades do alumno/a e principalmente as habilidades, as técnicas e as actitudes necesarias para o exercicio profesional. O alumno/a pasa de ser un simple espectador pasivo a converterse nun protagonista activo da súa propia formación. Preténdese tamén que o trato sexa o máis personalizado posible, para conseguir unha formación de calidade.
Trátase de axudar aos alumnos/as a que "aprendan a aprender" as claves para resolver calquera problema que se lles presente relacionado cos contidos da materia. Os contidos teóricos danse por coñecidos e superados, dada a súa condición de licenciados ou graduados en Dereito. Por tanto, partindo da base teórica xa adquirida na Facultade, perséguese que o profesorado se centre nas cuestións prácticas máis habituais e nos aspectos de máis interese profesional, atendendo a frecuencia coa que se presentan no exercicio cotián.
Seguirase con preferencia o método do caso, servindo este como medio para que o alumno/a consiga alcanzar os obxectivos previstos. Traballarase con casos extraídos ou inspirados na realidade, coas súas diferentes variables e co tratamento da xurisprudencia e da doutrina. Cando sexa preciso, combinarase esta sistemática con outros métodos. Por tanto, a análise e a resolución de asuntos por parte do alumno/a e a elaboración de documentos extraprocesais e procesuais son os sistemas habituais de traballo. Isto significa que o alumnado debe responsabilizarse de preparar adecuadamente os contidos concretos que serán obxecto de análise nas clases, así como de resolver os casos que o profesorado lle formule. Tamén, de considerarse necesario, os primeiros días de impartición da materia efectuarase un control de coñecementos sobre os contidos da materia para comprobar o nivel inicial de coñecementos dos alumnos.
Deste xeito, as actividades formativas que se realizarán na aula con presenza do profesor/para consistirán en:
a) Docencia expositiva: Poderá ter diferentes formatos e contará co apoio de medios audiovisuais e informáticos, á vez que se procurará a maior implicación do alumno/a. Realizarase unha breve introdución ás cuestións máis relevantes que, desde a óptica da práctica, suscita cada tema. Así mesmo, presentaranse os supostos prácticos que deberán resolver os alumnos, os temas e as cuestións que deben expoñer ou debater e os traballos que terán que realizar.
b) Docencia interactiva: Analizaranse e resolveranse os problemas formulados, efectuarase a posta en común das solucións aos casos prácticos e levaranse a cabo as exposicións orais, os debates e as simulacións das actuacións profesionais que se programen. De ser o caso, programaranse visitas de traballo a órganos, institucións e oficinas públicas de interese para o exercicio profesional.
Tanto nas clases expositivas como nas interactivas utilizarase o método do caso, que consiste na descrición dunha situación concreta con finalidades pedagóxicas para aprender a perfeccionarse. O caso proponse para que os alumnos, individual ou colectivamente, o sometan á análise e á toma de decisións. Preténdese que o alumnado estude a situación, defina os problemas, chegue ás súas propias conclusións sobre as accións que habería que emprender, contraste ideas e sexa quen de defendelas e reelaboralas con novas achegas.
c) Titorías: Nelas orientarase ao alumnado para tratar de resolver calquera dificultade relacionada cos contidos e coas actividades da materia. En particular, orientaráselles na procura bibliográfica, realización de traballos e documentos profesionais, preparación de exposicións e de intervencións profesionais orais, revisión de prácticas, etc.
Os horarios de titorías serán fixados por cada docente e dados a coñecer con suficiente antelación ao alumnado. En todo caso, á finalización de cada clase o alumno/a poderá acordar co docente o momento máis idóneo para recibir o apoio necesario.
En definitiva, a actividade que haberá de desenvolver o alumnado consistirá en:
- Chegar ao coñecemento teórico e práctico dos conceptos e das institucións básicas da materia.
- Procura e lectura de información: lexislación, xurisprudencia, doutrina, consultas, etc.
- Resolución de supostos prácticos, elaboración de documentos profesionais, traballos e demais actividades de índole similar sobre contidos propios da materia.
- Preparar e tomar parte nos debates organizados na aula e nas simulacións das actuacións profesionais que se programen.
- Participar periodicamente nos programas de titorías e nas actividades programadas polo profesorado.
A actividade presencial compleméntase co soporte virtual ofrecido a través da plataforma USC VIRTUAL e da plataforma da Escola de Práctica Xurídica. Por estes medios subministraranse os materiais referidos aos contidos e aos supostos prácticos das diferentes partes que configuran a materia, ofreceranse ligazóns ás fontes básicas de coñecemento, recolleranse os traballos realizados polos alumnos, realizaranse probas de autoavaliación, habilitaranse métodos de contacto para titorías virtuais e remitiranse as cualificacións ao alumnado.
A) Avaliación continua
Para avaliar o rendemento e aprendizaxe do alumnado utilizarase un sistema de avaliación continua, que contribúa a estimular ao alumno/a a seguir o proceso e a involucrarse na súa propia formación.
Serán obxecto de valoración:
a) A asistencia diaria ás clases, que se controlará por medio dunha folla de presenzas; esixíndose un mínimo dun 85% de asistencia real para poder ser valorado polo sistema de avaliación continua.
b) A participación activa nas clases, mediante a intervención nos debates, exposicións e demais actividades programadas polo profesorado.
c) A resolución de exercicios teórico-prácticos, realización de traballos individuais ou en equipo, simulación de actuacións orais, etc.
d) A superación das probas de coñecementos, destrezas e habilidades que se programen polo profesorado.
A través das actividades, traballos e probas anteriores obterase o 100 % da nota final, constituíndo:
- A asistencia e participación activa o 10% (5%+5%) da nota final,
- A realización de probas teórico-prácticas de coñecementos e habilidades un 50% e
- A elaboración e presentación de documentos profesionais e traballos escritos un 40%.
Para superar a avaliación continua e alcanzar a cualificación de aprobado esixirase un coñecemento xeral e equilibrado de toda a materia. Non será posible superar a materia se o/a alumno/a demostra que descoñece partes esenciais do programa. Aos alumnos que sigan o sistema de avaliación continua, a coordinación do Máster comunicaralles con suficiente antelación a súa cualificación para, en caso de non superar este sistema, presentarse ao exame final se reúnen os requisitos esixidos para iso.
Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recollido na Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións.
A efectos da Normativa de Permanencia nas Titulacións de Máster, todas as actividades encomendadas polo profesorado para realizar durante ou fóra das clases, así como a asistencia ás sesións presenciais, serán valoradas. Por tanto, para que o/a alumno/a figure como "Non Presentado" na correspondente convocatoria será necesario que non asista a ningunha clase, non realice ningunha actividade nin se presente ao exame.
B) Exame final
Os/as alumnos as que non superen o sistema de avaliación continua poderán realizar un exame final. Para acceder ao devandito exame é necesario acreditar unha asistencia real ás clases superior ao 60% das sesións impartidas. Unha porcentaxe inferior de asistencia conleva a imposibilidade de poder presentarse ao exame final e, consecuentemente, de superar a materia.
O exame final efectuarase nas datas aprobadas pola comisión académica do Máster. Consistirá nunha proba de coñecementos e na resolución de varios supostos prácticos de diferente tipoloxía: preguntas tipo test, preguntas curtas, casos prácticos, elaboración de documentos profesionais e/ou informes xurídicos, actuacións profesionais orais, etc. A finalidade deste exame é comprobar que o/a alumno/a adquirise os coñecementos, habilidades e destrezas propios da materia e que é capaz de aplicalos a situacións de índole profesional.
O alumnado que acredite imposibilidade sobrevinda de asistir ás clases poderá solicitar a dispensa de asistencia. En tal caso, corresponderá á comisión académica do máster decidir acerca de dita solicitude. Para iso, a comisión deberá valorar especialmente, entre outros aspectos, se os coñecementos, habilidades e actitudes que o alumnado debe adquirir coa materia esixen necesariamente a asistencia presencial, á vista do seu contido eminentemente práctico, a metodoloxía empregada, as actividades para realizar, etc. Como regra xeral, todas as materias do máster presentan un elevado compoñente práctico, que esixe a presenza do alumnado para adquirir as competencias esixidas e os obxectivos propostos. No caso de ser concedida a dispensa de asistencia ás clases, o profesorado da materia deberá encomendar ao alumnado a realización das tarefas alternativas que considere necesarias para garantir a aprendizaxe, en condicións semellantes ao esixido ao resto dos compañeiros/as, entre as que se poderá incluír tamén a realización dun exame.
C) Revisión de exames
En cumprimento da normativa da USC, a coordinación do Máster publicará, no taboleiro de anuncios da Escola de Práctica Xurídica, a lista coa cualificación final de cada alumno/a en os dez días seguintes á realización do exame final, con indicación da data e horario no que o/a alumno/a poderá exercitar o seu dereito de revisión para percibir o seu nivel de coñecementos e carencias. En todo caso, esta revisión terá sempre lugar dentro dos dez días seguintes á publicación das cualificacións. Finalizada a revisión, serán publicadas as notas definitivas no mesmo taboleiro da Escola.
A materia de "INTRODUCCIÓN AO EXERCICIO PROFESIONAL DA AVOGACÍA E QUENDA DE OFICIO" ten un total de tres créditos.
O tempo de estudo e de traballo persoal que debe dedicar un estudante para superar a materia depende, loxicamente, das peculiares capacidades intelectuais de cada alumno/a.
Con todo, calcúlase como media que o tempo de distribución do traballo do alumno/a, entre horas presenciais e non presenciais, será o seguinte:
Horas presenciais: 24
Horas non presenciais: 51
Volume de traballo mínimo: 75
A preparación idónea da materia aconsella que o alumnado asista a todas as clases presenciais co material lexislativo e xurisprudencial correspondente aos contidos que se van a impartir, previamente lido, e cos traballos encomendados previamente, realizados na súa totalidade.
O alumnado non debe atopar excesivo problema en superar satisfactoriamente a materia se, xunto co dito anteriormente, desde o primeiro día de clase trata de introducirse e comprender os principais contidos da materia e a terminoloxía técnica e profesional empregada.
Tamén é necesario ser capaz de dedicar cada día un tempo razoable ao estudo e a preparación da materia e á elaboración dos casos e tarefas encomendadas; ademais de adquirir o hábito de preguntar nas clases e titorías todas as súas dúbidas.
María Jesús Matovelle Gómez
- Departamento
- Departamento externo vinculado ás titulacións
- Área
- Área externa M.U en Avogacía
- Correo electrónico
- mariajesus.matovelle [at] rai.usc.es
- Categoría
- Profesional área externa_máx. 30 h
Javier Constenla Vega
- Departamento
- Departamento externo vinculado ás titulacións
- Área
- Área externa M.U en Avogacía
- Correo electrónico
- javier.constenla [at] rai.usc.es
- Categoría
- Profesional área externa_máx. 30 h
Ulises Bertolo García
- Departamento
- Departamento externo vinculado ás titulacións
- Área
- Área externa M.U en Avogacía
- Correo electrónico
- ulises.bertolo [at] rai.usc.es
- Categoría
- Profesional área externa_máx. 30 h
Bárbara Román Méndez
- Departamento
- Departamento externo vinculado ás titulacións
- Área
- Área externa M.U en Avogacía
- Correo electrónico
- barbara.roman [at] rai.usc.es
- Categoría
- Profesional área externa_máx. 30 h
Manuel Arza Galán
- Departamento
- Departamento externo vinculado ás titulacións
- Área
- Área externa M.U en Avogacía
- Correo electrónico
- manuel.arza [at] rai.usc.es
- Categoría
- Profesional área externa_máx. 30 h
Ramón Quintela Miramontes
- Departamento
- Departamento externo vinculado ás titulacións
- Área
- Área externa M.U en Avogacía
- Correo electrónico
- ramon.quintela [at] rai.usc.es
- Categoría
- Profesional área externa_máx. 30 h
José Antonio Pena Beiroa
- Departamento
- Departamento externo vinculado ás titulacións
- Área
- Área externa M.U en Avogacía
- Correo electrónico
- joseantonio.pena [at] rai.usc.es
- Categoría
- Profesional área externa_máx. 30 h
Jorge Chicote Romero
- Departamento
- Departamento externo vinculado ás titulacións
- Área
- Área externa M.U en Avogacía
- Categoría
- Profesional área externa_máx. 30 h