Ir o contido principal

Preguntas frecuentes sobre protección de datos en investigación

Condicións para tratar datos persoais en investigación

A USC ten un Protocolo de enquisas que establece o seguinte:  

  • Toda enquisa que se distribúa entre membros da comunidade universitaria debe ser obxecto dunha autorización previa á súa difusión.
  • Se a orixe da enquisa é institucional, deberá ser revisada antes da súa difusión polo que debe ser enviada ao enderezo de correo protecciondatos [at] usc.gal (protecciondatos[at]usc[dot]gal) para asegurar o cumprimento da lexislación sobre protección de datos e seguridade da información.
  • Se a orixe da enquisa non é institucional, só se procederá á súa difusión cando se realice no marco dun proxecto de investigación de concorrencia competitiva desenvolvido na USC ou sexa dun estudo de especial interese para a Universidade avalado polo coordinador ou coordinadora dun grupo de investigación da USC.
  • Deberá ser revisada antes do seu envío a través do correo protecciondatos [at] usc.gal (protecciondatos[at]usc[dot]gal) para comprobar a súa adecuación en materia de protección de datos e de seguridade da información.
  • Cando se traten datos de saúde ou datos especialmente protexidos a enquisa deberá someterse previamente á aprobación do Comité de Ética na Investigación. 
  • Non se permitirá a difusión de enquisas de estudantes para TFG e TFM agás que se integren nun proxecto de investigación e sexan sometidos aos controis indicados nos parágrafos anteriores.
     

A xestión de enquisas debe facerse a través de Microsoft Forms ou con programas cos que a USC teña asinado un contrato de encargado de tratamento. Para o uso doutros programas debe solicitarse autorización á Secretaría Xeral. 

A realización de enquisas, cuestionarios, vídeos e gravacións de persoas (independentemente de se revelan algunha información persoal ou non) nun estudo, traballo ou investigación supón o tratamento de datos sobre esas persoas e, polo tanto,  o devandito tratamento está sometido á normativa vixente en materia de protección de datos.

Neste sentido, debe terse en conta o disposto na “Resolución reitoral sobre procedemento de avaliación previa de traballos de fin de estudos e outros traballos academicos no caso de intervención con seres humanos, obtención de mostras ou de datos persoais”.

O art. 89 do RGPD considera lícita e compatible a reutilización de datos persoais con fins de investigación científica, histórica ou fins estadísticos, en aras do interese público, sempre que se adopten certas garantías para protexer os intereses e dereitos dos interesados, en particular para garantir o respecto do principio de minimización dos datos persoais. Tales medidas poderán incluír a seudonimización, sempre que desa forma poidan alcanzarse os devanditos fins.

Ademais, deben terse en conta as esixencias contidas no D.A. 17 da Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais.

As condicións para o cumprimento do deber de informar atópanse recollidas nos artigos 12-14 do RGPD.

Indícase expresamente que a información se deberá facilitar ao interesado “en forma concisa, transparente, intelixible e de fácil acceso, cunha linguaxe clara e sinxela”.

A USC conta con modelos de cláusulas informativas de cada tratamento, concretamente de uso de datos persoais en proxectos de investigación que se poden consultar nesta mesma web no apartado  "Modelos de documentos e cláusulas de protección de datos".

Cando os datos non se obteñan do participante, ademais, deberáselle informar sobre a orixe dos datos e sobre as categorías de datos persoais recibidos.

Nestes casos, requirirase o previo consentimento do afectado, salvo que resulte de aplicación calquera outra base de lexitimación.

Así mesmo, debe lembrarse que o art. 89.1 RGPD esixe que: “o tratamento con fins de arquivo en interese público, fins de investigación científica ou histórica ou fins estatísticos estará suxeito ás garantías axeitadas, conforme ao presente Regulamento, para os dereitos e as liberdades dos interesados. As devanditas garantías farán que se dispoña de medidas técnicas e organizativas, en particular para garantir o respecto do principio de minimización dos datos persoais. Tales medidas poderán incluír a seudonimización, sempre que desa forma poidan alcanzarse os devanditos fins”. 

O acceso e uso da información persoal incluída na historia clínica dun paciente con fins de investigación está regulada pola Lei 14/1986, de 25 de abril, Xeneral de Sanidade, pola Lei 41/2002, de 14 de novembro, reguladora da autonomía do paciente, e pola normativa de protección de datos de carácter persoal (RGPD e LOPDGDD).

En todo caso, será necesario someter o proxecto á valoración do Comité de Ética da USC e, nalgúns supostos como na investigación biomédica, realizar unha avaliación de impacto (EIPD) que determine os riscos derivados do tratamento para os dereitos das persoas afectadas.

En concreto, o art. 7.1. da Lei 41/2002 reguladora da autonomía do paciente garante que toda persoa ten dereito a que se respecte o carácter confidencial dos datos referentes á súa saúde e a que ninguén poida acceder a eles sen a súa previa autorización. 

Pola súa banda, o art. 16.3 da citada norma engade que o acceso á historia clínica con fins de investigación ou docencia obriga a preservar os datos de identificación persoal do paciente, separados dos de carácter clínico-asistencial, de maneira que, como regra xeral, quede asegurado o anonimato, salvo que o propio paciente dea o seu consentimento para non separalos.

Ademais, deben terse en conta os criterios establecidos no apartado 2 de DA 17ª da LOPDGDD.

O Comité de Ética na Investigación debe aprobar os traballos de investigación que impliquen: 

  • Realización de entrevistas/probas/medicións/intervención con humanos
  • Mostras biolóxicas humanas
  • Datos persoais de categorías especiais: políticas, sindicais, orixe ético, xenéticos, biométricos…

Para estes efectos debe solicitarse previamente no Centro o informe previo, conforme ao procedemento e modelos establecidos na seguinte Resolución Reitoral: http://imaisd.usc.es/ftp/oit/documentos/5128_gl.pdf

Para maior información vid. o apartado "Protección de datos en investigación".
 

Para realizar vídeos ou de fotografías de persoas identificables para posteriormente difundilas é necesario solicitar o consentimento dos e das afectadas.

Tamén se require este consentimento no caso de conferencias, congresos, etc.  nos que se vai a gravar a intervención ou difundila en streaming a persoas indeterminadas.

O consentimento debe ser previo e expreso. Pódense  obter os modelos nesta web.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.12.2024.