Ir o contido principal

Protección de datos na docencia

Listas de clase, cualificacións, gravación das clases.

Docencia

Publicación de cualificacións académicas

Os estudantes teñen dereito a coñecer os resultados das probas que realicen, segundo o sistema de avaliación previamente establecido. A estes efectos deberá realizarse a  notificación das cualificacións finais provisorias de cada materia mediante a publicación dunha lista coa cualificación de cada estudante

A listaxe de cualificacións provisionais elaborarase mediante a aplicación informática de cobertura das actas de cualificacións que xa aplica os criterios da Axencia Española de Protección de Datos.

As  cualificacións pasarán a ser definitivas ao finalizar o prazo de revisión de exames. A partir dese momento o estudante poderá acceder á súa secretaría virtual para ter comunicación das cualificacións acadadas en cada convocatoria.

As cualificacións provisorias individuais tamén poderán publicarse de forma complementaria a través da aula virtual, do envío de mensaxes ao móbil e na app da USC.

En ningún caso se publicarán as cualificacións en espazos abertos aos buscadores como a páxina web da USC, nin se difundirán por correo electrónico.

Xunto coa publicación das cualificacións informarase aos estudantes da finalidade desta e da prohibición expresa de facer uso da información para fins diferentes. En ningún caso se poderá facer uso de información relativa ás cualificacións doutras persoas.

Na listaxe da aula virtual figurarán o nome e os apelidos dos estudantes matriculados na materia e a súa cualificación. Só no caso de que haxa estudantes co mesmo nome e apelidos engadiranse catro díxitos aleatorios do seu DNI ou documento de identificación, seguindo as orientación dadas para o efecto pola Axencia Española de Protección de Datos: https://www.aepd.es/sites/default/files/2019-09/orientacionesda7.pdf

A publicación das cualificacións na aula virtual manterase accesible mentres estea aberto o prazo para presentar reclamacións, co obxecto de garantir o seu coñecemento por todas as persoas interesadas.

Listas de clase

A publicación e uso de listas de clase se limitará ao ámbito restrinxido das persoas matriculadas na propia materia e dos docentes asignados. Non se difundirán por ningún medio que non sexa o campus virtual, quedando terminantemente prohibido envialas por aplicacións de mensaxería, redes sociais, correo electrónico e calquera outro método que as deixe dispoñibles para persoas alleas.

Gravación das clases

As gravacións unicamente deben ser utilizadas na contorna da materia. Profesorado e alumnado deben ser informados sobre o feito de seren gravados. 
No caso que un alumno ou alumna quixese gravar a clase polos seus medios, debe contar co consentimento expreso de todos os asistentes.
Para estas gravacións  débense utilizar os sistemas corporativos da universidade. A descarga, difusión, distribución ou divulgación da gravación das clases e particularmente a súa compartición en redes sociais ou servizos dedicados a compartir apuntamentos atenta contra o dereito fundamental á protección de datos, o dereito á propia imaxe e os dereitos de propiedade intelectual. Tales usos considéranse prohibidos e poderían xerar responsabilidade disciplinaria, administrativa e civil á persoa infractora. O profesorado pode reutilizar o material xerado para outros fins académicos unicamente cando apareza a súa imaxe e a súa voz, non a de estudantes ou terceiras persoas.
As probas de avaliación poderán ser gravadas coa finalidade de garantir a integridade na realización da proba, respectando, en todo caso, e de maneira inescusable, o principio de proporcionalidade e os dereitos do estudiantado.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.12.2024.