As liñas xerais de investigación do GI-TeXe son:
- Desenvolvemento de sistemas educativos e planificación estratéxica da intervención.
- Desenvolvemento de intervención pedagóxica, explicación e comprensión da intervención.
- Desenvolvemento de funcións pedagóxicas e profesionalización da intervención.
- Políticas educativas, globalización e sociedade civil.
- Educación intercultural, fluxos migratorios e redes de cooperación ao desenvolvemento.
- Sociedade do coñecemento, educación electrónica e xestión de recursos.
- Educación en valores, cultura e civilización.
- Pedagoxía xerontolóxica, educación permanente, educación de adultos e de persoas maiores.
- Museística: museos pedagóxicos e renovación educativa.
- Emigración transoceánica e educación popular en Galicia (SS. XVII-XX); identidades colectivas cultura e experiencias comunitarias dos galegos en América (SS. XIX-XX); e infancia e emigracións (SS. XIX-XX). Os galegos en América hoxe. Avaliación de necesidades e programas de intervención educativa.
As liñas de investigación do grupo contemplan especificamente as artes como ámbito de educación, como parte da formación integral de todas as persoas (ámbito xeral de educación), como parte do sistema educativo (ámbito de educación xeral) e como formación profesional (estudos especializados e competencias específicas). A investigación do GI-TeXe sobre o ámbito disciplinar da educación artística como parte da Educación abordouse desde a Pedagoxía Xeral para o desenvolvemento de pedagoxías aplicadas, abordando a investigación acerca da educación como ámbito de realidade (neste caso a parcela correspondente á educación artística) e como investigación do coñecemento da educación (o coñecemento pedagóxico válido para realizar a educación artística). Os traballos realizados polo grupo de investigación observaron a educación artística como disciplina a investigar (investigación da disciplina), como disciplina de investigación (investigación na disciplina) e como disciplina a ensinar (o ensino e as materias de estudo das artes nos diferentes niveis do sistema educativo). Neste sentido, o GI-TeXe non foi alleo á distinción disciplinar que mantén a posibilidade de distinguir tres modos de abordar a relación entre educación e arte: arts education (o concepto de educación artística), arts in education (o ensino das artes no currículo educacional) e arts and education (a epistemoloxía do coñecemento da educación e a súa necesidade para a educación artística).