Ir o contido principal

Principios metodolóxicos

Textos luso-casteláns dos séculos XVI y XVII

 

1. Comunidade interliteraria

A reconstrución crítica das literaturas española e portuguesa dos séculos XVI e XVII debe contemplar os ámbitos de intersección e confluencia resultantes da veciñanza xeográfica e do contacto cultural e político, especialmente durante a Monarquía Dual (1580-1640). Dita conexión foi explicada mediante conceptos como “intercultura” (Jorge, 1921), “comunidade interliteraria” (Aguiar e Silva, 2008), “transferencia cultural” (Brandenberger, 2007) e “campo literario” (Plagnard e Galbarro, 2017). Todos eles dan conta da relativa homoxeneidade do desenvolvemento literario e cultural de ambos países, así como da mutua recepción, con intercambios, afinidades e antagonismos.

Destes últimos da conta a reacción opositora á hexemonía do castelán, determinante da escritura bilingüe por parte dun gran número de autores portugueses. Esta postura “isolacionista”, remontable a João de Barros (Diálogo em louvor da nossa linguagem), denota unha conciencia de identidade nacional non sempre incompatíbel coa noción de comunidade interliteraria.

Así, António Ferreira defende o uso do portugués como vehículo exclusivo da creación literaria e recrimina a Pero de Andrade Caminha a súa pleitesía hacia o idioma estranxeiro e Francisco Sá de Miranda reprocha a Gil Vicente a súa adhesión á tradición teatral española fronte ás innovacións italianas. Representan ambos unha reacción nacionalista que, no caso de Miranda, non impide o seu cultivo do castelán. Outro poeta bilingüe, Don Manuel de Portugal, mostrouse reacio ás pretensións dinásticas de Felipe II.

 

2. Factores interliterarios

Aínda que as literaturas española e portuguesa manteñen o seu propio carácter e traxectoria, determinadas coordenadas aproxímanas neutralizando as diferenzas: o bilingüismo, a recepción, os modelos común e os textos hispanolusos.

 

2.1. Bilingüismo

O fenómeno do bilingüismo conta cos precedentes de Don Pedro de Portugal (1429-1466) e cancioneiros bilingües como os de Garcia de Resende e Baena. No século XVI está representado por Gil Vicente (ca. 1465-ca. 1536), no teatro, e Sá de Miranda (1495-1558), na lírica italianista. As súas correspondentes producións enmárcanse nunha corte portuguesa na que as sucesivas raíñas e princesas españolas tiñan naturalizado o uso da súa lingua materna. Neste idioma compón Luís de Camões (1524-ca. 1580) nove redondillas, os tercetos de Aónia, na égloga I, e algunhas pasaxes intercaladas no seu teatro, sen que se poida aceptar a autoría de ningún dos sonetos casteláns adxudicados.

Don Manuel de Portugal (ca. 1520-1606), Diogo Bernardes (ca. 1530-1594), André Falcão de Resende (1527-1599), Pero de Andrade Caminha (ca. 1520-1591), Vasco Mousinho de Quevedo Castelo Branco (ca. 1570-d. de 1619), Fernão Rodrigues Lobo, o Soropita (¿-d. de 1616), Sor Violante do Céu (1607-1693) son algúns dos cultivadores de poesía en castelán, que tamén aparece compilada en cancioneiros e antoloxías bilingües. Destas últimas cabe destacas Fénix Renascida (1716-1728) e o Postilhão de Apolo (1761-1762), testimonios do gongorismo luso.

Outros autores de orixe portuguesa exiliáronse á corte española e escolleron o castelán como idioma literario preferente ou exclusivo: Jorge de Montemayor (Montemor-o-Velho, ca.1520-Piamonte?, ca. 1561), Gregorio Silvestre (Lisboa, 1520-Granada, 1569), Miguel Sánchez de Lima (Portugal, ¿-¿, d. de 1580), Juan de Matos Fragoso (Alvito, 1609-Madrid, 1689), Manuel de Faria e Sousa (Souto-Pombeiro, 1590-Madrid, 1649) e Francisco Manuel de Melo (Lisboa, 1608-1666).

No repertorio épico en castelán destacan as seguintes obras: La conquista de Granada (1590) de Duarte Dias (¿-¿), La Felicissima Victoria de Lepanto (1578), de Jerónimo Corte-Real (¿-1588), Iffanta Coronada (1606), de Soares de Alarcão (1580-1618) e Hespanha libertada (1618) de Bernarda Ferreira de Lacerda (1595-1644).

 

2.2. Recepción

A relación xerárquica entre as literaturas española e portuguesa foi vista como produto dun colonialismo cultural (Vázquez Cuesta,1981), que no campo da tradución se axusta ao concepto de “asimetría” (Dasilva, 2017).

Nas diferentes vertentes da recepción  (por parte dos lectores e dos escritores), percíbese ese desequilibrio: os libros portugueses están escasamente representados nas bibliotecas españolas, apenas reciben traducións a español e, supostamente, exercen pouca influenza nos autores españois, fronte ao predicamento das obras españolas que se editan e difunden en Portugal, onde son imitadas e a veces traducidas, aínda que se prefire a súa lectura na lingua orixinal. Así mesmo, os propios tradutores portugueses verten ao español obras de clásicos e estranxeiros.

Como principal excepción dentro deste panorama destaca a difusión de Os Lusíadas, obxecto de seis traducións durante a União Ibérica: as de Caldera e de Gómez de Tapia, ambas de 1580; a de Garcés, 1591; a de Faria e Sousa, de 1639, e dúas inéditas, por Francisco Aguilar e Manuel Correia Montenegro.

Non obstante, a hexemonía, indiscutíbel nos ámbitos político e idiomático, admite no literario matizacións determinadas pola singularidade dos escritores portugueses, que, sen sustraerse á influenza española, dentro do recíproco intercambio peninsular, forxan os seus propios paradigmas xenéricos, na lírica, a épica, o teatro e a prosa.

 

2.3. Modelos e patróns xenéricos compartidos

Con independencia do idioma, as letras españolas e as portuguesas transitan por camiños similares, seguindo os modelos grecolatinos e italianos, adaptados ás particularidades do contexto de cada escritor. Un caso representativo ofréceno as homólogas adaptación da oda horaciana de poetas portugueses e españois, que comparten un arquetipo xenérico moi similar, sen que necesariamente haxa que recurrir á influencia ou á imitación, nun ou noutro sentido, para explicalos. En tal contexto sitúase a equiparación das odas de Ferrerira coas dos principais odistas españois, unha das liñas de investigación do presente proxecto.

O innegábel e recoñecido maxisterio de Garcilaso, Camões, Góngora e Cervantes estreita máis, se cabe, esa cohesión peninsular que se confirmaría co achado de novas influenzas ou analoxías explicábeis á luz dun tronco común.

 

2.4. Textos luso-casteláns: transmisión e reescritura

Unha perspectiva peninsular hispano-portuguesa na reconstrucción da historia das súas literaturas desvela un dinámico intercambio que afecta á poesía, ao teatro e á prosa tanto na fase creativa coma na difusión, manuscrita ou impresa, xa que textos, autores e editores vense inmersos nesa “itinerancia literaria” (Carrasco, 2018) que rebasa as fronteiras xeopolíticas e as deferenzas idiomáticas.

A denominación de “textos luso-casteláns”, fundamentalmente aplicada aos poemas orixinais en castelán compostos por portugueses, pero tamén ás traducións a un e outro idioma, segundo a definición de Michaëlis (1910), que se refere a un corpus concreto de sonetos, pode extenderse a cualquera outra variedade poética, así como á prosa e ao teatro.

Os poemas hispanolusos experimentan un proceso de reescritura, orixe de cambios textuais e de atribución autorial, especialmente fluctuante en cancioneiros bilingües que circulan por toda a Península. Reunir ditas obras colectivas e despezar delas as composicións en castelán, contrastando a información de diversos testimonios, imponse como tarefa imprescindíbel na elaboración deste corpus. Complementaría os datos proporcionados pola obra individual dos poetas recoñecidos como bilingües.

 

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.09.2025.