Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 99 Horas de Titorías: 3 Clase Expositiva: 24 Clase Interactiva: 24 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Centro Escola Politécnica Superior de Enxeñaría
Convocatoria: Primeiro semestre
Docencia: Sen docencia (En extinción)
Matrícula: Non matriculable (Só plans en extinción)
O principal obxectivo desta materia é alumnas e alumnos aprenderen, con rigor matemático, os fundamentos da astrometría e da xeodesia física.
A memoria do título contempla para esta materia os seguintes contidos:
- Sistemas de referencia espaciais e temporais.
- Transformación ICRS-ITRS. Parámetros de orientación da Terra.
- Campo de gravidade terrestre. Determinación do xeoide.
- Sistemas de altitudes.
Estes contidos serán desenvolvidos en conformidade co seguinte temario, no cal se indica a estimación do número de horas presenciais (expositivas [HE] e de seminario [HS]) para cada tema:
Tema 1: Introdución á astrometría [3 HE]
- Que é a astrometría?
- O Sistema Solar
- Estrelas e galaxias
Tema 2: Sistemas de referencia celestes [6 HE + 3 HS]
- Introdución
- A esfera celeste
- Sistemas de coordenadas celestes
- Correccións nas coordenadas celestes
- ICRS e ICRF
Tema 3: A medida do tempo [4 HE + 4 HS]
- Unidades básicas: ano, mes e día
- Escalas de medida do tempo
- Calendarios
- Data xuliana
Tema 4: Sistemas de referencia terrestres [1 HE]
- Introdución
- Sistemas de coordenadas terrestres
- Sistema de Referencia Terrestre Internacional (ITRS)
- Base de Referencia Terrestre Internacional (ITRF)
Tema 5: Parámetros de orientación da Terra [2 HE]
- Definicións
- Transformación ITRS-ICRS
Tema 6: Introdución á xeodesia física [1 HE]
- Que é a xeodesia física?
- O problema da figura da Terra
Tema 7: Fundamentos da teoría do potencial [7 HE]
- Gravitación e potencial
- Ecuación de Laplace en coordenadas esféricas
- Expansión do inverso da distancia
- Problemas de contorno da xeodesia física
Tema 8: O campo de gravidade da Terra [9 HE + 3 HS]
- Gravidade
- Expansión do potencial terrestre en serie de harmónicos esféricos
- Campo de gravidade do elipsoide equipotencial
- Campo de gravidade anómalo
- Reducións da gravidade
- Modelos globais de xeoide
Tema 9: Sistemas de altitudes [3 HE]
- Introdución
- Números xeopotenciais
- Altitudes ortométricas
- Altitudes normais
- Relacións entre os diferentes sistemas
Bibliografía básica:
- Abad, A., Docobo, J.A. e Elipe, A. Curso de Astronomía. Zaragoza: Prensas Universitarias de Zaragoza, 2002. 254 p. ISBN 978-84-7733-586-3
- Hofmann-Wellenhof, B. e Moritz, H. Physical Geodesy. Nova Iorque: Springer, 2006. 403 p. ISBN 978-3-211-33544-4
- Torge, W. e Müller, J. Geodesy. Berlín: Walter de Gruyter, 2012. 434 p. ISBN 978-3-11-020718-7
Bibliografía complementaria:
- Lowrie, W. A Student's Guide to Geophysical Equations. Cambridge: Cambridge University Press, 2011. 281 p. ISBN 978-0-521-18377-2
- Mena, J.B. Geodesia Superior. Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica, 2008. 2 vol. ISBN 978-84-416-0768-2
- Stacey, F.D. e Davis, P.M. Physics of the Earth. Cambridge: Cambridge University Press, 2008. 532 p. ISBN 978-0-521-87362-8
- Zakatov, P.S. Curso de Geodesia Superior. Madrid: Rubiños-1860, 1997. 635 p. ISBN 84-8041-097-3
Competencias xerais:
- CG8: Planificación, proxecto, dirección, execución, e xestión de procesos de medida, sistemas de información, aproveitamento de imaxes, posicionamento e navegación; modelización, representación e visualización da información territorial en, so e sobre a superficie terrestre.
Competencias específicas:
- CRT6: Coñecementos e aplicación da xeodesia xeométrica.
- CTE5: Coñecemento e aplicación dos métodos e técnicas propios da xeodesia física e espacial; xeomagnetismo; sismoloxía e enxeñaría sísmica; gravimetría.
Competencias transversais:
- CT1: Capacidade de análise e síntese.
- CT2: Capacidade para o razoamento e a argumentación.
- CT5: Capacidade para obter información axeitada, diversa e actualizada.
- CT10: Utilización de información bibliográfica e en Internet.
- CT12: Capacidade para resolver problemas mediante a aplicación integrada dos seus coñecementos.
Utilizaranse as seguintes metodoloxías docentes:
Metodoloxías docentes Competencias traballadas
Clases expositivas de grupo grande CG8, CRT6, CTE5, CT1, CT2, CT5, CT10
Actividades en seminarios interactivos con grupos reducidos CG8, CRT6, CTE5, CT1, CT2, CT5,CT10, CT12
Prácticas CRT6, CT1, CT2, CT5, CT10
Titorías individuais Todas (potencialmente)
Actividades de avaliación Todas (potencialmente)
- Clases expositivas: aulas de teoría nas cales o profesor presentará, coa axuda de medios audiovisuais, os temas da materia. O obxectivo destas aulas é fornecer a alumnas e alumnos os coñecementos básicos que lle permitan, coa axuda da bibliografía, abordar o estudo da materia de maneira autónoma.
- Seminarios interactivos: aulas interactivas nas cales o profesor resolverá detalladamente os problemas de cada tema utilizando as ferramentas informáticas necesarias.
- Prácticas: sesións interactivas nas cales se realizarán observacións astronómicas que permitan esclarecer algúns dos conceptos teóricos presentados nas aulas de docencia expositiva e de seminarios.
- Titorías: sesións de gabinete en que se atenderán as peticións de alumnas e alumnos para discutir, comentar, esclarecer ou resolver calquera dúbida ou cuestión relacionada co desenvolvemento da materia. O horario destas sesións (6 horas semanais) será marcado polo profesor ao inicio do curso académico.
Alén diso, a utilización da USC virtual permitirá ter á disposición dos estudantes material relacionado cos contidos teóricos desenvolvidos nas aulas expositivas e follas cos problemas propostos para cada tema.
Cada estudante poderá escoller entre dous posíbeis itinerarios: A ou B.
No itinerario A a/o estudante terá a posibilidade de examinarse independentemente de cada bloque temático (exame parcial: astrometría / exame final: xeodesia física), e tamén de que parte da súa aprendizaxe sexa avaliada mediante a realización doutras actividades (follas de problemas, tests de avaliación, etc). Para poder escoller este itinerario será necesario asistir (ou ter asistido en anos anteriores), como mínimo, a un 80% das aulas de docencia expositiva e de seminarios. O control da asistencia realizarase mediante folla de sinaturas.
No itinerario B a/o estudante terá de examinarse de ambos os dous bloques temáticos realizando, exclusivamente, o exame final.
O peso de cada actividade formativa na avaliación da aprendizaxe será, en función do itinerario escollido, o seguinte:
Exame parcial: 25% (A) ou 0% (B) da nota final
Exame final: 45% (A) ou 90% (B) da nota final
Prácticas: 10% (A) ou 10% (B) da nota final
Outras actividades: 20% (A) ou 0% (B) da nota final
Estas actividades avalían, para cada unha das competencias antes mencionadas, o 100% da parte correspondente que se adquire ao cursar esta materia.
As prácticas realizaranse, dependendo das condicións meteorolóxicas, durante o período de docencia da materia.
Traballo presencial na aula:
- Expositivas: 36 horas.
- Seminarios: 10 horas.
- Prácticas: 2 horas.
- Actividades de avaliación: 7 horas.
Traballo persoal (estudo autónomo, realización de exercicios, traballos, lecturas recomendadas): 95 horas.
Total: 150 horas
- Participar activamente no desenvolvemento do curso.
- Estudar a materia diariamente.
- Realizar os exercicios propostos previamente á súa corrección na aula.
- Asistir ás titorías de gabinete para discutir, esclarecer ou resolver calquera dúbida.
- A competencia CRT6 adquírese cursando as materias Astrometría e Xeodesia Física, e Xeodesia Matemática.
- A competencia CTE5 adquírese cursando as materias Astrometría e Xeodesia Física, Sistemas de Posicionamento Global, Redes Xeodésicas, e Xeofísica.