Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 99 Horas de Titorías: 3 Clase Expositiva: 24 Clase Interactiva: 24 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Pedagoxía e Didáctica, Filosofía e Antropoloxía
Áreas: Teoría e Historia da Educación, Antropoloxía Social
Centro Facultade de Formación do Profesorado
Convocatoria: Primeiro semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable | 1ro curso (Si)
Conceptuais (saber):
- Coñecer, analizar e valorar a evolución da familia e da infancia en clave de historia cultural.
- Coñecer, analizar e valorar as estratexias de titoría coas familias e co alumnado de educación infantil.
- Coñecer, analizar e valorar os alicerces nos que se apoia a sociabilidade e a educabilidade do ser humano.
- Coñecer, analizar e valorar as implicacións e demandas mutuas que se establecen no seo do triángulo escola-familias-sociedade.
Procedimentais (saber facer):
- Extraer coñecemento que oriente a praxe docente, a partir da análise desde o punto de vista antropolóxico, histórico e pedagóxico, do triángulo escola-familias-sociedade.
- Aplicar actividades de titoría co alumnado de educación infantil e coas súas familias.
- Presentar traballos académicos de calidade universitaria, tanto na cuestión de forma como na de contido, tanto oralmente como por escrito, conforme criterios que se lle ofrecerán ao alumnado.
- Acadar e demostrar, por parte do alumnado, competencia en lingua galega, por formar parte esta materia do proxecto CompetenteS, impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade.
Actitudinais (saber ser):
- Promover hábitos de comportamento democrático (capacidade de diálogo razoado, respectuoso e sereno; capacidade de información, de crítica e de rendemento público de contas; etc.) para, a partir de aí, fomentar unha educación democrática da cidadanía contextualizada no territorio, con atención especial á igualdade de xénero (e contra os modelos de masculinidade tóxica), ao respecto dos dereitos humanos e ao desenvolvemento dunha actitude crítica, participativa e responsable respecto dos problemas da sociedade actual.
- Adquirir compromisos como futuros/as docentes coa infancia, co servizo público á sociedade e ás familias, e coa innovación pedagóxica.
Tema 1. Familia, escola e infancia: tipoloxías e evolución histórica.
Tema 2. Actividades de orientación e titoría relativas ao escenario familiar na educación infantil.
Tema 3. Deseño de plans de acción titorial nos centros de educación infantil e o seu impacto nas familias.
Tema 4. Características básicas do ser humano nas que se alicerza súa sociabilidade e educabilidade.
Tema 5. Familia e escola: implicacións e demandas mutuas na educación infantil.
Tema 6. Sociedade e escola: implicacións e demandas mutuas na educación infantil.
Bibliografía básica:
Barrio, José M. (1998). Elementos de antropología pedagógica. Madrid: Rialp.
Bona, César (2015). La nueva educación. Barcelona: Plaza & Janés.
Castro, Xavier (2008). Historia da infancia na Galicia contemporánea. Minius, 16, 63-101. En http://minius.webs.uvigo.es/docs/16/3.pdf
Delgado, Buenaventura (1998). Historia de la infancia. Barcelona: Ariel.
Forest, Claire e García-Bacete, Francisco J. (2006). Comunicación cooperativa entre la familia y la escuela. Valencia: Nau Llibres.
Freire, Paulo (2002). Cartas a quien pretende enseñar. Bos Aires: Siglo XXI.
Garreta, Jordi (ed.) (2007). La relación familia-escuela. Lleida: Universitat de Lleida.
Giroux, Henry (2004). Teoría y resistencia en educación. México, D.F.: Siglo XXI.
Heywood, Colin (2001). A history of childhood. Cambridge: Polity Press.
Kottak, Conrad Ph. (2002). Antropología cultural. Madrid: McGraw Hill.
Luengo, Florencio e Moya, José (dirs.) (2008). Escuela, familia, comunidad: claves para la acción. Madrid: Volters Kluwer.
Martín, Xus e outros (2003). Tutoría: técnicas, recursos y actividades. Madrid: Alianza.
Méndez, Laura e outros (2007). La tutoría en educación infantil. Barcelona: CissPraxis.
Rojas-Marcos, Laura (2014). La familia. De las relaciones tóxicas a las relaciones sanas. Barcelona: Grijalbo.
Segalen, Martine (1992). Antropología histórica de la familia. Madrid: Taurus.
Stearns, Peter N. (2006). Childhood in world history. Nova Iork: Routledge.
Bibliografía complementaria para o tema 1:
Ariès, Philippe (1981). História social da criança e da familia. Río de Xaneiro: LTC.
Ariès, Philippe (1992). El niño y la vida familiar en el Antiguo Régimen. Madrid: Taurus.
Becchi, Egle e Julia, Dominique (dirs.) (1998). Histoire de l’infance en Occident. París: Seuil.
Borrás, José María (ed.) (1996). Historia de la infancia en la España contemporánea, 1834-1936. Madrid: MTSS.
De Mause, Lloyd (ed.) (1994). Historia de la infancia. Madrid: Alianza.
Heywood, Colin (ed.) (2011). A Cultural History of Childhood and Family. The Age of Empire. Londres: Berg.
Hiner, N.R. (2011). A Cultural History of Childhood and Family. The Modern Age. Londres: Berg.
Bibliografía complementaria para os temas 2 e 3:
Álvarez, Ramiro J. (2013). Acción tutorial y orientación: aceptación, compromiso, valores. Una propuesta de estilo para la intervención de tutores y orientadores. Bilbao: Desclée De Brouwer.
Arnáiz, Pere e Riart, Joan (comps.) (1999). La tutoría: de la reflexión a la práctica. Barcelona: EUB.
Bernad, Olga e Llevot, Núria (2016). El papel de las AMPA en los centros escolares: actuaciones y retos. Revista de la Asociación de Sociología de la Educación, 9, 3, 359-371, ISSN 1988-7302. En https://www.academia.edu/28878885/El_papel_de_las_Ampas_en_los_centros_…
Bernad, Olga e Llevot, Núria (2016). Las relaciones familia-escuela en la formación inicial del profesorado. Opción, 32, 7, 959-976, ISSN 1012-1587. En https://www.academia.edu/29700675/Las_relaciones_familia-escuela_en_la_…
Gallego, Sofía e Riart, Joan (2006). La tutoría y la orientación en el siglo XXI: nuevas propuestas. Barcelona: Octaedro.
Garreta, Jordi (2015). La comunicación familia-escuela en Educación Infantil y Primaria. Revista de la Asociación de Sociología de la Educación, 8, 1, 71-85, ISSN 1988-7302.
Xerais:
G.4 Deseñar e regulamentar espazos de aprendizaxe en contextos de diversidade que atendan a igualdade de xénero, a equidade e o respecto aos dereitos humanos e que conforman os valores da formación cidadá.
G.6 Coñecer a organización dos centros de educación infantil e a diversidade de accións que comprende o seu funcionamento. Desenvolver as funcións de titoría e de orientación cos/coas alumnas e súas familias, con atención ás singulares necesidades educativas dos/das alumnas. Asumir que o exercicio da función docente ten que ir perfeccionándose e adaptándose aos cambios científicos, pedagóxicos e sociais ao longo da vida.
G.7 Colaborar cos distintos sectores da comunidade educativa e da contorna social. Asumir a dimensión educadora da función docente e fomentar a educación democrática para unha cidadanía activa.
G.8 Manter unha relación crítica e autónoma respecto dos saberes, os valores e as institucións sociais públicas e privadas.
Específicas:
E.20 Amosar habelencias sociais para entender as familias e facerse entender por elas.
E.21 Coñecer e saber exercer as funcións de titoría e orientación en relación coa educación familiar na xeira 0-6 anos.
E.22 Relacionar a educación co medio, e cooperar coa familia e a comunidade.
E.24 Coñecer a evolución histórica da familia, dos diferentes tipos de familias, de estilos de vida e de educación no contexto familiar.
Básicas:
B.1 Que as/os estudantes teñan demostrado posuír e comprender coñecementos nunha área de estudo que parte da base da educación secundaria xeral, pero que adoita atoparse a un nivel que se apoia en libros de texto avanzados e inclúe tamén algúns aspectos que implican coñecementos procedentes da vangarda do seu campo de estudo.
B.2 Que as/os estudantes saiban aplicar os seus coñecementos ao seu traballo ou vocación dun xeito profesional e posúan as competencias que adoitan demostrarse por medio da elaboración e defensa de argumentos e a resolución de problemas dentro da súa área de estudo.
B.3 Que as/os estudantes teñan a capacidade de reunir e interpretar datos relevantes (normalmente dentro da súa área de estudo) para emitir xuízos que inclúan unha reflexión sobre temas relevantes de índole social, científica ou ética.
B.4 Que as/os estudantes poidan transmitir información, ideas, problemas e solucións a un público tanto especializado como non especializado.
Transversais:
T.2 Coñecemento instrumental da lingua galega.
T.3 Coñecemento instrumental das tecnoloxías da información e da comunicación.
As actividades presenciais en grupo completo (24 horas) están concibidas para desenvolver, aclarar e comentar os contidos da materia que ofrecen unha maior dificultade de comprensión, con especial incidencia nos aspectos básicos e máis relevantes, ao tempo que se resolven os problemas de aprendizaxe iniciais que poden presentar os/as estudantes, que deberán empregar 35 horas de estudo autónomo para dominar os fundamentos da materia. O profesorado utilizará varias técnicas expositivas e o estudantado realizará os exercicios que se indiquen de acordo cos contidos tratados.
As actividades en grupo máis reducido (24 horas) desenvolveranse no marco de métodos como a discusión, o debate, o comentario de documentos ou a exposición de traballos, o que esixirá 45 horas de traballo persoal do alumnado, co fin de fomentar unha aprendizaxe autónoma, cooperativa e que permita mellorar a capacidade de exposición pública dos resultados dos traballos realizados (comunicación oral). Con iso propiciarase a adquisición por parte do alumnado das competencias ligadas ao pensamento crítico, ao uso da lingua galega, ás tecnoloxías da información e a comunicación e demais competencias sinaladas.
Ben sexa con actividades ofrecidas de partida polos propios docentes, ben sexa por iniciativa do estudantado, as alumnas e os alumnos serán atendidos polos profesores nas 3 horas establecidas de titorías de materia (e secundariamente no horario de titorías académicas de despacho), e en grupos moi reducidos co obxectivo de orientar mellor o seu traballo e a súa aprendizaxe, e polo tanto para asegurar tamén a consecución de todas as competencias arriba sinaladas para a materia, o que esixirá a maiores 19 horas de traballo autónomo do alumnado.
Alén das competencias ordinarias, considéranse tamén as competencias xenéricas (competencia de comunicación oral e escrita; análise, síntese e pensamento crítico; competencia informática e informacional; traballo en grupo), que poderán ser obxecto dun programa de formación específico que o profesorado do grao compartirá no seu momento co alumnado. Nese programa incluiranse “actividades interdisciplinares e complementarias” diversas, que terán a mesma obrigatoriedade que calquera outra actividade presencial da materia, e serán consideradas convenientemente na súa avaliación. A este respecto merece especial atención o curso “Competencia informática e informacional” da Biblioteca Universitaria, que o alumnado debe realizar, e cuxos resultados serán valorados tamén nesta materia.
Na medida en que o permitan os orzamentos do centro e a situación sanitaria, faranse co alumnado unha ou varias viaxes pedagóxicas (“prácticas de campo”) a lugares de interese para a materia (Museo Pedagóxico de Galicia en Santiago de Compostela, Centro Educativo Santo Anxo de Rábade, Sotavento en Xermade, Centros Penitenciarios de Bonxe ou Monterroso, escolas rurais da provincia de Lugo, Museo-Escola Unitaria de Muimenta-Cospeito, CPI de Castroverde, CEIP Mosteiro de Caaveiro das Neves-A Capela, Meniñeiros-Escola Waldorf de Friol, Museo Etnolúdico de Galicia en Ponteceso etc.), que se aproveitarán para afianzar directamente e in situ os contidos dos temas traballados ata ese momento nas sesións presenciais da materia. Informarase ao respecto no seu momento.
Esta materia e o seu corpo docente participan no proxecto CompetenteS impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade, co perfil de galego. Por iso o profesorado desenvolverá en lingua galega a docencia da materia (expositiva, interactiva e titorial) e todas as actividades ligadas a ela, á marxe de que parte dos textos escritos que o alumnado deberá ler puidesen ofrecerse noutra lingua. O alumnado, pola súa parte, tamén interactuará co profesorado normalmente na lingua de perfil da materia, tanto a nivel oral como escrito, tanto nas clases como nas titorías, tanto en actividades presenciais como telemáticas ou non presenciais, tanto se son síncronas como asíncronas.
Precisamente para facilitar o acceso permanente do alumnado aos textos e outros materiais que utilizarán os docentes para o desenvolvemento dos contidos da materia, abrirase un curso ao respecto dentro do Campus Virtual da USC.
A adquisición por parte do alumnado de todas as competencias desta materia avaliarase a través das actividades/exercicios que se concretan neste apartado (e na guía docente, no seu caso).
Participación e implicación: ata 2,0 puntos (competencias que se avalían: G.6, G.8; E.20, E.21, E.22, E.24; B.2, B.4; T.2, T.3). Ao ser a USC unha universidade presencial, os seus Estatutos determinan a obriga do alumnado de asistir a clase; ademais, a memoria do título especifica que a asistencia debe ser do 80% como mínimo. Neste sentido, no presente apartado non se valora a asistencia ás clases (xa que, como acabamos de sinalar, trátase dunha obriga e dun requisito avaliativo) senón a participación construtiva e a implicación activa do alumnado en todas as actividades da materia, especialmente nas sesións interactivas e titoriais.
Presentacións orais: ata 2,0 puntos (competencias que se avalían: G.6, G.8; E.20, E.21, E.22, E.24; B.2, B.3, B.4; T.2, T.3). Cada estudante terá a oportunidade de realizar cando menos unha exposición ao longo do semestre fronte ás súas compañeiras e compañeiros na aula, respecto dunha temática (ou dun texto) que con varios días de antelación os docentes teñan posto á súa disposición. As condicións concretas baixo as que deberán realizarse as exposicións orais serán detalladas oportunamente na aula.
Informes escritos e outras producións: ata 3,0 puntos (competencias que se avalían: G.6, G.7, G.8; E.20, E.21, E.22, E.24; B.2, B.3, B.4; T.2, T.3). Á marxe de pequenas actividades que os docentes pidan na aula de día en día, o alumnado elaborará un traballo en grupo. Nas primeiras sesións de clase do semestre informarase convenientemente ao alumnado da natureza, orientación e condicións deste traballo.
Probas específicas: ata 5,0 puntos (competencias que se avalían: G.4, G.7, G.8; E.20, E.21, E.22, E.24; B.1, B.2, B.3, B.4; T.2). Haberá unha proba final obrigatoria para todo o alumnado, da que se ofrecerá máis información chegado o momento. Toda a actividade que se desenvolva nas sesións presenciais da materia (máis os documentos achegados polos docentes para o estudo non presencial por parte do alumnado), serán considerados de partida como contidos sometidos a avaliación na proba final da materia.
Para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recollido no documento da USC “Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións”.
Con carácter xeral, nas primeiras sesións de clase do semestre os docentes ofrecerán con detalle e concreción as orientacións necesarias respecto de cada un dos criterios e instrumentos de avaliación da materia.
En todo caso xa se avanza que, en virtude da participación desta materia no proxecto CompetenteS impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade (co perfil de galego), e coa intención de que o profesorado poida polo tanto avaliar o dominio por parte do alumnado da competencia T.2 da USC (“coñecemento instrumental da lingua galega”, tanto a nivel oral como escrito), as e os estudantes normalmente presentarán en galego tanto as súas exposicións orais como os traballos escritos da materia. Paralelamente seranlles valoradas no apartado “participación e implicación” as súas intervencións en galego.
A proba final consistirá nun exercicio obxectivo “tipo test” de 50 preguntas de resposta pechada (4 alternativas de resposta en cada pregunta; só unha delas se dará por correcta). Superará a proba toda alumna ou alumno que acade un determinado número mínimo de respostas validadas (as preguntas con resposta errada ou sen resposta non teñen efectos na puntuación); a valoración final da proba será o resultado da multiplicación do número de respostas validadas por 0,1 puntos. Tanto o número mínimo necesario de respostas validadas como o tempo máximo para responder a proba serán informacións que se lle ofrecerán ao alumnado no seu momento; en todo caso esas dúas condicións poden ser similares ou non entre as oportunidades de xaneiro e de xuño.
Á marxe da asistencia a clase, para aprobar a materia é preciso satisfacer dúas condicións: obter unha cualificación mínima de 5 puntos (máximo de 10, sobre un total potencial de 12) sumando as valoracións dos catro apartados de avaliación, e tamén ter acadado na proba final un determinado número mínimo de respostas validadas, ao que antes se aludiu. A/O estudante que non acadase algunha destas condicións (calquera delas) recibiría na puntuación final da materia un máximo de 4,0 puntos.
Ao estarmos a falar dunha avaliación continua, o alumnado que precisase acudir á oportunidade de xuño só terá dereito a realizar a proba final, e manteránselle nos restantes apartados as cualificacións obtidas no primeiro semestre, sexan as que sexan. Non se admitirán novos traballos ou exposicións para a oportunidade de xuño.
O alumnado de 2ª convocatoria (repetidor) pode optar por implicarse en todas as actividades que realiza o alumnado ordinario desde inicios do semestre, e neste caso estaría a todos os efectos dentro da casuística xeral. Se decide non participar da actividade ordinaria da materia, de cara á avaliación deberá facer unicamente a proba final (a mesma que o alumnado habitual) e respéctanselle as cualificacións obtidas o curso anterior nos restantes apartados obxecto de avaliación. O alumnado de 3ª e posteriores convocatorias deberá falar cos docentes no mes de setembro para determinar cal será o seu plan de traballo e avaliación.
De calquera maneira, con carácter xeral o alumnado repetidor deberá poñerse en contacto cos docentes (empregando o horario de titorías) dentro das dúas primeiras semanas de curso, a fin de acordar o plan de traballo específico que en cada caso se seguirá.
Para o caso do alumnado con dispensa de asistencia a clase recoñecida formalmente, o único exercicio que se lle considerará a efectos de avaliación nesta materia (tanto na primeira como na segunda oportunidade, e en calquera convocatoria) será unha proba final na que se valorarán todos os contidos traballados na materia, tanto nas sesións expositivas como nas interactivas. Será unha proba semellante á do alumnado habitual, pero coas seguintes diferenzas: constará de 20 preguntas máis (70 en total), tanto o tempo máximo de resposta como o número mínimo necesario de respostas validadas para aprobar serán máis elevados (concretaranse no seu momento), e a multiplicación de cada resposta validada será por 0,143 puntos (polo que a puntuación máxima posible tamén será 10 puntos). En todo caso este alumnado deberá pasar a falar cos docentes necesariamente na mesma semana na que solicita a dispensa, para concretar o seu plan de traballo na materia.
O alumnado que presente calquera tipo de diversidade funcional que lle dificulte a asistencia e/ou o seguimento diario normal da materia, debe poñerse en contacto cos docentes á maior brevidade, quen terá en consideración a súa situación sempre que veña certificada a través de documento expedido polo Servizo de Promoción e Integración Universitaria (é o servizo da USC competente a estes efectos). Ambas partes acordarán as adaptacións curriculares da materia que fosen pertinentes para atender cada situación particular, e mesmo poderían arbitrar a mesma solución avaliativa prevista para o alumnado con dispensa.
150 horas totais (51 presenciais e 99 de traballo autónomo), que se reparten do seguinte xeito:
- Actividades expositivas en grupo grande: 24 horas presenciais e 35 de traballo autónomo.
- Actividades interactivas en grupo mediano: 24 horas presenciais e 45 de traballo autónomo.
- Actividades titoriais en grupo pequeno: 3 horas presenciais e 19 de traballo autónomo.
- Asistencia continuada ás aulas e participación activa nelas.
- Realización do conxunto dos traballos e actividades programadas.
- Lectura atenta da guía docente, no caso de que se ofreza; nese documento detallaranse con máis concreción numerosos aspectos referentes ao desenvolvemento da materia, nomeadamente os relativos a actividades de aprendizaxe, e instrumentos e criterios de avaliación.
- Os docentes informarán na aula ao alumnado cada vez que deixen material para o estudo ou a ampliación de contidos, para o que se creará un curso virtual da materia aloxado no Campus Virtual da USC, a fin de evitar o gasto de papel que implica o indicado anteriormente.
- En atención a criterios de igualdade de xénero no ámbito universitario, recomendase facer uso dunha linguaxe non sexista nin discriminatoria na materia, tanto na actividade cotiá de aula como en calquera traballo escrito que se elabore. Pode obterse información ao respecto en http://www.usc.es/export9/sites/webinstitucional/gl/servizos/oix/descar…
- No que cómpre concretamente aos traballos que elabore o alumnado, estes deberán respectar as seguintes condicións:
1. Normas de estilo e formato: ver www.usc.es/gl/servizos/snl/asesoramento/index.html, especialmente o apartado “Criterios lingüísticos”, onde tamén figuran indicacións para evitar a linguaxe sexista. É ademais importante ter en conta o traballado nas sesións (no caso de que se organicen) de competencias xenéricas de primeiro curso respecto da comunicación escrita. Non hai extensión mínima nin máxima dos traballos, salvo indicación en contra.
2. Emprego responsable de recursos: cada traballo será presentado nun só volume, con folios tamaño DIN A4, grampados; non incluirá follas en branco no interior nin plásticos ou outros envoltorios innecesarios no exterior; na impresión utilizarase calidade “aforro de tinta” ou “borrador”; sempre que sexa posible, empréguese papel escrito polas dúas caras, e mellor, reciclado; evítese abusar das grosas, das maiúsculas, das cores, e de anexos que non teñan relación cos temas desenvolvidos.
3. Entrega: os traballos poden entregarse ata as 21 horas do día que se sinale como data límite. Deixaranse no compartimento do docente correspondente na conserxería da Facultade; tamén poden enviarse por correo postal certificado, sempre e cando o día de envío non exceda a data límite.
4. Valoración: á marxe da calidade dos contidos en si (en relación coa materia), a valoración final de cada traballo terá tamén en conta a gramaticalidade, a cohesión, a coherencia, a adecuación e o formato. O plaxio implicará a desestimación do traballo.
- Normas de comportamento nas clases:
• O alumno/a que entre tarde a clase ou o que saia antes do remate desta: no caso de que fose por razón xustificada, deberá documentarlle ao/á docente canto antes ese particular; do contrario, tanto nun caso coma noutro, computará como falta de asistencia.
• Durante as clases: o alumnado permanecerá na aula salvo por motivos de urxencia ou de saúde. Por suposto manterá un comportamento adecuado, silencioso, respectuoso e construtivo en beneficio dun bo desenvolvemento das sesións, sobre todo no tocante ao uso da palabra.
• Móbiles, reloxos ou calquera outro aparello/instrumento que poida xerar ruído: estarán apagados durante as clases.
• Ordenadores portátiles, “tabletas”, teléfonos intelixentes ou calquera outro dispositivo dixital: poden ser empregados na aula sempre que o seu uso sexa pertinente ao obxecto de cada clase; por exemplo, navegar por internet durante o desenvolvemento dunha sesión pode estar xustificado ou resultar un uso inaceptable, en virtude do traballo que se estea a realizar na clase nese momento.
• Bebida ou comida: absterse de traer calquera tipo de comida ou bebida ás clases, salvo por motivos xustificables de saúde; se é este o caso, infórmese canto antes ao docente.
• Mobiliario: por favor cóidao, e por suposto non escribas nas mesas (respecta o traballo do persoal de limpeza).
• Ao marchar da aula: deixa ordenado o mobiliario da sala; evita abandonar calquera tipo de residuo ou resto fóra das papeleiras ou dos colectores selectivos. Se usaches o canón e/ou os equipos informáticos, apágaos (tamén os pilotos “stand by”); se es a última persoa en saír, apaga as luces.
Obviamente trátase de normas básicas de respecto e boa convivencia entre persoas adultas, cuxo incumprimento terá efectos na avaliación final da materia. En definitiva, a cualidade e calidade das interaccións que se agardan e esixen de nós como universitarios/as precisan dunha implicación persoal que favoreza a expresión, difusión e creación de ideas libre e respectuosa, a eficacia da formación e a extensión do coñecemento.
- A alumna ou alumno que durante o semestre se vise afectado por calquera circunstancia (persoal, emocional, familiar, económica, de saúde etc.) que dificultase ou impedise o seu progreso normal na materia e/ou a súa asistencia habitual ás sesións presenciais, debería poñer a súa situación en coñecemento dos docentes o antes posible, por se fose conveniente activar adaptacións metodolóxicas ou avaliativas na materia.
- O alumnado que non asista habitualmente a clase (sexa porque repite a materia ou por outras circunstancias) deberá respectar as datas xerais de entrega de traballos, sendo ademais recomendable que manteña contacto periódico cos docentes a través das titorías para asegurar o axeitado progreso na materia e a superación dos seus obxectivos de aprendizaxe.
- Os docentes resérvanse o dereito de dar por nulo parcial ou totalmente calquera exercicio de avaliación da materia no caso de detectar que o alumnado ilexitimamente cometeu falsificación ou fraude á hora de preparalo ou respondelo. A cualificación resultante nesa oportunidade da avaliación sería Suspenso.
- Os docentes son responsables do que din ou do que escriben, non do que se di que din, ou do que se di que escriben. En relación con isto, advírtese e prevense dun uso inadecuado das tecnoloxías e especialmente das redes sociais: cada quen será responsable do que publica ou do que difunde.
- O profesorado ofrécelle ao alumnado, e ao longo de todo o curso, un horario semanal de titorías (as horas concretas figuran tanto na porta dos respectivos despachos, como no apartado correspondente da páxina web da Facultade). Este horario está a disposición do alumnado, que o usará libremente para tratar calquera cuestión que teña que ver coa materia ou coa carreira, e moi especialmente para recibir asesoramento e orientación (sempre que a/o estudante queira, por suposto) de cara a conseguir unha adecuada elaboración tanto das exposicións orais como dos traballos escritos que se han de preparar.
- Calquera traballo escrito que presente o alumnado para esta materia no actual ano académico poderá ser recollido por calquera dos seus autores ou autoras (no despacho dalgún dos docentes, e no seu horario de titorías en cada momento) ao longo do mes de setembro inmediatamente posterior ao vindeiro ano académico (é dicir, os docentes custodian os traballos durante case dous anos académicos). A partir do 1 de outubro seguinte os documentos non recollidos serán destruídos.
Francisco Xose Candia Duran
Coordinador/a- Departamento
- Pedagoxía e Didáctica
- Área
- Teoría e Historia da Educación
- Teléfono
- 982821019
- Correo electrónico
- francisco.candia [at] usc.gal
- Categoría
- Profesor/a: Colaborador
Alba Diaz Geada
- Departamento
- Filosofía e Antropoloxía
- Área
- Antropoloxía Social
- Teléfono
- 982824722
- Correo electrónico
- alba.diaz [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Profesor Axudante Doutor LOU
Martes | |||
---|---|---|---|
10:30-12:00 | Grupo /CLIS_01 | Galego | Aula 20 |
12:00-13:30 | Grupo /CLIS_02 | Galego | Aula 20 |
16:00-17:30 | Grupo /CLE_01 | Galego | Aula 24 |
Mércores | |||
13:30-15:00 | Grupo /CLIS_03 | Galego | Aula 26 |
18.01.2023 12:00-14:00 | Grupo /CLE_01 | Aula 22 |
18.01.2023 12:00-14:00 | Grupo /CLE_01 | Aula 24 |
22.06.2023 16:00-18:00 | Grupo /CLE_01 | Aula 22 |