A Biblioteca Intercentros de Lugo celebra o Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial coa mostra fotográfica ‘Patrimonio vivo’

A Biblioteca Intercentros de Lugo vén de inaugurar a mostra "Patrimonio Vivo" coa que conmemora o Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial, que se celebra o 17 de outubro. A mostra está organizada coa colaboración da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas!, única entidade galega acreditada pola UNESCO para o patrimonio cultural inmaterial e que propón nesta segunda conmemoración reivindicar a riqueza e diversidade cultural do Estado cunha mostra fotográfica que recolle os 25 bens patrimonio inmaterial recoñecidos pola Organización das Nacións Unidas para a Cultura, as Ciencias e a Educación.
O acto de inauguración, celebrado na carballeira da Biblioteca, foi presidido polo vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco Fraga; acompañado do director da Biblioteca Intercentros de Lugo, César Gómez; o presidente de 'Ponte... nas ondas!', Santiago Veloso; e a Concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento do Concello de Lugo, Iria Buide. Durante o evento, os participantes reivindicaron a relevancia do patrimonio cultural inmaterial, así como a súa divulgación entre as xeracións máis novas, presentes tamén no acto. Como exemplo destas boas prácticas no ámbito escolar, a presentación contou cunha interpretación de varias pezas de música tradicional interpretadas polo alumnado do IES Sanxillao. A continuación, xa dentro das instalacións da Biblioteca, tivo lugar unha actividade de narración oral a cargo de Celso Fernández Sanmartín.
Acompañando a mostra fotográfica, as persoas visitantes poden achegarse ao centro de interese “A Galicia intanxible”, onde se recolle unha pequena escolma de libros cuxo relato xira arredor do patrimonio cultural inmaterial galego.
A exposición pode verse ata o 2 de novembro de 2025, en horario de 8.30 a 21.30 horas, de luns a venres, e de 10.00 a 19.30 horas, os sábados e domingos, e tamén está aberta ás visitas escolares para as que se deseñou unha ficha didáctica para o alumnado.
