O prazo para participar no XXVIII Festival Internacional de Teatro Universitario da USC remata o 19 de xaneiro de 2024

A Universidade de Santiago de Compostela, a través da súa Aula de Teatro, organiza anualmente o Festival Internacional de Teatro Universitario (FITU), cita onde teñen cabida propostas de moi diferente estilo e procedencia xeográfica e que constitúe un espazo de coñecemento e intercambio de ideas que, ata o día de hoxe, acolleu traballos procedentes de Vigo, Ourense, A Coruña, Lugo, Pontevedra, Murcia, Cádiz, Xaén, Madrid, Barcelona, Pamplona, Burgos, Granada, Alacante, Badaxoz, Valencia... e de países como Noruega, Lituania, Estonia, Marrocos, Porto Rico, Chile, Colombia, Francia, Bélxica, Reino Unido, Portugal, Macedonia, Rusia, Costa de Marfil, Tunisia, etc.
O prazo para solicitar a participación no XXVIII Festival Internacional de Teatro Universitario, que terá lugar entre os días 5 e 10 de febreiro de 2024, remata o 19 de xaneiro de 2024. Poderán participar compañías procedentes de calquera espazo educativo: universidades, escolas superiores de arte dramática, aulas de teatro... Non é preciso que a proposta acuda en calidade representativa da institución; so é condición necesaria que a persoa ou as persoas integrantes da compañía estean matriculadas nos seus centros educativos.