
A Universidade de Santiago de Compostela, a través da súa Aula de Teatro, organiza anualmente o FITU (Festival Internacional de Teatro Universitario), cita onde teñen cabida propostas de moi diferente estilo e procedencia xeográfica e que constitúe un espazo de coñecemento e intercambio de ideas que, ata o día de hoxe, acolleu traballos procedentes de Vigo, Ourense, A Coruña, Lugo, Pontevedra, Murcia, Cádiz, Xaén, Madrid, Barcelona, Pamplona, Burgos, Granada, Alacante, Badaxoz, Valencia... e de países como Noruega, Lituania, Estonia, Marrocos, Porto Rico, Chile, Colombia, Francia, Bélxica, Reino Unido, Portugal, Macedonia, Rusia, Costa de Marfil, Tunisia, etc.
1. Obxecto
Recollida de propostas para participar na XXVIII edición do seu Festival Internacional de Teatro Universitario, que terá lugar entre os días 5 e 10 de febreiro de 2024.
2. Condicións de participación
Poderán participar compañías procedentes de calquera espazo educativo: universidades, escolas superiores de arte dramática, aulas de teatro... Non é preciso que a proposta acuda en calidade representativa da institución; so é condición necesaria que o/s integrante/s da compañía estean matriculados nos seus centros educativos.
As compañías programadas deberán cubrir os seus gastos de traslado ata Santiago de Compostela. Os traslados internos correrán a conta da organización do festival.
A organización asumirá os gastos dos seguintes conceptos:
a. Aloxamento e manutención das persoas integrantes das compañías (equipo técnico e artístico) ata un máximo de 10 por compañía durante un período máximo de 3 noites.
b. No caso de compañías procedentes do estranxeiro poderá ampliarse o prazo ata un máximo de 8 noites.
Os traballos serán presentados no Salón Teatro (https://centrodramatico.xunta.gal/cdg/salonteatro/) e na sala de teatro Roberto Vidal Bolaño (https://auladeteatrodausc.com/sala-roberto-vidal-bolano/). Ocasionalmente, segundo as necesidades das propostas, poderán valorarse outros espazos da cidade.
3. Propostas
Poderá presentarse calquera traballo de carácter escénico con independencia do seu perfil estético: pezas de corte máis tradicional, de traballo físico, pos dramático, híbrido... Calquera proposta escénica é benvida. A duración do traballo deberá ser dun mínimo de 15 minutos, sen que exista un máximo de tempo para a proposta.
As solicitudes deberán enviarse ao enderezo electrónico roberto.salgueiro [at] usc.es (roberto[dot]salgueiro[at]usc[dot]es) e deberán aportar, nunha primeira fase, a seguinte información:
- Nome da compañía, título da peza, autor/creador/a e contacto telefónico
- Número total de integrantes
- Ligazón a Youtube cunha gravación dun ensaio, función, etc. da peza proposta
Tras unha primeira avaliación, nunha segunda fase solicitarase ampliar esta información a través dun formulario.
O prazo de presentación de solicitudes remata o día 19 de xaneiro de 2024.
4. Selección
Avaliarase a calidade artística da proposta, a súa viabilidade técnica e o número de integrantes da mesma (preferiblemente, propostas que non excedan 10 integrantes).
O resultado da selección daráse a coñecer ao longo do mes de xaneiro de 2024 e crearase unha lista de agarda por se algunha compañía chegase a fallar.
Cada compañía recibirá por escrito un convite oficial.
5. Aceptación das normas
A participación en FITU 2024 supón a plena aceptación de todas as súas bases reguladoras.