Aprenderemos sobre investigación con perspectiva de xénero e achegarémonos ás prácticas da ciencia aberta.

A Biblioteca Universitaria e a Oficina de Igualdade de Xénero da Universidade de Santiago de Compostela crearon en 2023 a colección Oficina de Igualdade de Xénero no repositorio institucional da USC Minerva. Esta colección busca reunir traballos galardoados nos Premios de Perspectiva de Xénero na USC, teses, TFGs e TFMs sobre esta temática, e libros e artigos do persoal investigador da USC que traballa en moi diversos ámbitos do coñecemento.
Como adianto á celebración do Día das Bibliotecas, que ten lugar todos os 24 de outubro, e tendo en conta que estamos no mes do acceso aberto, proponse unha xornada que terá como obxectivos dar a coñecer a colección e realizar un exercicio colectivo de autoarquivo para enriquecela dun xeito lúdico e colaborativo.
"Mergullarémonos dun xeito práctico e cooperativo nunha ferramenta esencial para a difusión aberta da ciencia na USC como é o repositorio Minerva", explican dende a organización.
Entregarase diploma acreditativo de asistencia.