A Erasmus Student Network (ESN), unha das maiores asociacións de estudantes de Europa, fundada en 1989 para axudar o desenvolvemento do intercambio de estudantes, acolle voluntarios e voluntarias nos seus programas.
Buddy Programme
O Buddy Programme é un programa de titorización personalizada para promover a integración educativa, lingüística e cultural do estudantado estranxeiro na USC. A asociación pon en contacto a aquelas persoas, que comezan o seu intercambio en Santiago e Lugo, con persoas voluntarias que realizan os seus estudos na USC. O estudantado local axuda á persoa que chega á USC cos trámites, a orientarse na cidade, facendo acompañamento nos seus primeiros días etc.
- Horario: indeterminado, ao longo de todo o curso académico.
- Prazas: s/n
Programa Cultural
Programa de actividades que ten como principais obxectivos que o estudantado de intercambio coñeza a cultura e tradicións de Galicia, acompañándoos a diferentes puntos de interese cultural, en Santiago, en Lugo e noutros lugares de Galicia. Do mesmo xeito, a través de tándems, o estudantado poderá intercambiar experiencias dos seus propios países, favorecendo así o intercambio cultural.
- Horario: indeterminado, ao longo de todo o curso académico.
- Prazas: 10
Programa Lúdico-Deportivo
Mediante este programa preténdese que o estudantado de intercambio adquira hábitos saudables a través da práctica habitual de actividades deportivas, así como o fomento de valores como o compañeirismo e o traballo en equipo. Para isto, varias veces á semana ao longo de todo o curso académico, as persoas voluntarias organizarán diversos xogos e actividades para que o estudantado poida practicar unha gran variedade de deportes e actividades lúdicas.
- Horario: de luns a venres, dende setembro de 2022 ata maio de 2023, a partir das 16:30 h.
- Prazas: 10
Programa Social
Mediante este programa tentarase concienciar ao estudantado sobre a diversa realidade social existente en Galicia, así como sensibilizalo sobre diversas causas sociais como a igualdade ou a conservación do medio ambiente. Para a consecución destes obxectivos cooperarase con diversas asociacións e entidades públicas e privadas especializadas.
- Horario: ao longo de todo o curso académico, a partir das 17:30 h.
- Prazas: 10