Programas de voluntariado impulsados dende a Facultade de Ciencias Políticas nun espazo protagonizado e liderado exclusivamente polo alumnado. Desenvolveranse dende o 15 de setembro de 2025 ata o 15 de maio de 2026.
Programa Podcast Voces da Polis
Actividade para o alumnado interesado en levar a cabo o podcast especializado en contidos sobre política e/ou ciencia política.
O programa de voluntariado do podcast Voces da Polis desenvolverase mediante sesións iniciais de formación no deseño, edición e creación dun podcast. A partir da adquisición dos coñecementos previos, cada mes levarase a cabo a publicación e montaxe de dous episodios de podcast. Unha semana para guión e escolla de temas e outra para montaxe e publicación
O podcast, como calquera outra ferramenta comunicativa, é realmente útil cando é alumnado que o produce. Calquera tema é susceptible de ser tratado, como o contido da ciencia política. Neste sentido, as posibilidades son diversas onde a creatividade xoga un rol importante. Levaranse a cabo entrevistas con persoas expertas ou debates políticos de actualidade e tamén será empregado como espazo de aprendizaxe, onde o alumnado poderá narrar e reflexionar sobre a aprendizaxe da ciencia política, a política así como as saídas profesionais da propia titulación.
Horario: 1 día á semana en horario de mañá ou tarde, mércores de 12 a 13:30 h. ou de 18 a 19:30 h (2 horas/sesión).
Prazas: 12/15 persoas
Programa horta ecolóxica HortaEcoPol
Actividade para o alumnado interesado en vivir unha experiencia de cultivo ecolóxico que permite ter unha conexión co medioambiente e a cultura agraria local aberto á colaboración con outros colectivos e institucións universitarias ou entidades asociativas e políticas locais.
A práctica urbana do cultivo ecolóxico constitúe unha iniciativa con múltiples dimensións educativas. Ademais de promover coñecementos formativos e extracurriculares, contribúe á cohesión grupal, á toma de decisións colectivas e á implicación no desenvolvemento sostible. Estes espazos ofrecen tamén a oportunidade de explorar políticas públicas, fomentar a sostibilidade e impulsar a participación cidadá nun proxecto medioambiental e de voluntariado aberto á colaboración con outras entidades. Levaranse a cabo charlas con agricultoras/es locais, expertas/os universitarias/os en medioambiente e bioloxía ou persoas do ámbito asociativo e político local e mundial. O alumnado e profesorado implicados levarán a cabo tarefas de cultivo, coidado e colleita do produto durante o curso.
Horario: 1 día á semana en horario de mañá ou tarde, xoves de 12 a 13:30 h. ou de 18 a 19:30 h (2 horas/sesión).
Prazas: 12/15 persoas