Conectando o Bacharelato e a Universidade
O STEMbach ou Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, pensado tanto para a modalidade de Humanidades como para a de Ciencias e creado ao abeiro da Estratexia galega para a educación dixital, promove a vocación do alumnado cara a investigación científica e tecnolóxica e permite unha conexión directa co ensino universitario.

Edudixital 2020
A Estratexia Galega de Educación Dixital "Edudixital 2020" ten, entre outros obxectivos, favorecer a adquisición das competencias clave do alumnado necesarias para o século XXI, tanto as transversais, como as máis propiamente vinculadas ao ámbito STEM, a competencia matemática e a competencia en ciencia e tecnoloxía; sempre desde unha perspectiva ampla, non circunscrita a estas materias senón transversal e en colaboración cos diversos sectores e axentes sociais, na liña do establecido na Recomendación do Consello Europeo relativas ás competencias clave para a aprendizaxe permanente.
Neste senso, enmarcado na Estratexia Galega de Educación Dixital "Edudixital 2020", o STEMBach, que inclúe o desenvolvemento dun proxecto de investigación, contribúe a afondar no traballo das competencias matemática e básica en ciencia e tecnoloxía mediante os elementos e os procedementos da investigación e do método científico, dun xeito rigoroso, ordenado e crítico. Facilita tamén a adquisición de competencias transversais, como a creatividade, o sentido da iniciativa e o emprendemento, a resolución de problemas, o traballo en equipo, o pensamento crítico e a cidadanía global; así como a mellora das destrezas comunicativas e expresivas, con énfase na comunicación e divulgación científica, nas competencias dixitais e na incorporación da intelixencia artificial.
A Xunta de Galicia implantou esta iniciativa por primeira vez no curso 2018/19 como experiencia piloto, e que se foi consolidando ata chegar aos 658 alumnos matriculados (o 55,62 % deles mulleres).
