
Este mércores 3 de abril a partir das 19.30 horas terá lugar o acto de entrega do VIII Premio Domingo Fontán da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago (RSEAPS), que presidirá o reitor da USC Antonio López. Tamén intervirán a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández Lafuente, e o presidente da RSEAPS, Francisco Loimil Garrido, quen lle entregará o galardón ao graduado e doutorado pola USC Daniel Mena Acevedo.
Do traballo gañador, titulado ‘Casas de señores. As elites e as súas residencias en Santiago de Compostela a finais da Idade Moderna’, o xurado recoñeceu a súa “rigorosidade científica, así como o amplo coñecemento demostrado do tema urbano e arquitectónico desenvolvido nesa etapa histórica na capital galega”. Así mesmo, valorouse a ampla bibliografía específica consultada, entre ela varios arquivos históricos como o propio da RSEAPS.
O Domingo Fontán, galardón bienal que chegou xa á súa oitava edición, está dotado cun premio en metálico de 2.000 euros, un diploma acreditativo e a publicación da obra elixida e a súa posterior presentación. No acto de entrega do galardón presentarase a novena edición.