As actividades programadas co gallo deste efeméride desenvolveranse este mércores 1 de xuño, a partir das 9.30 horas. O director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, José Balseiros, visitará ás 12.00 horas as instalacións da plataforma tecnolóxica da sede universitaria luguesa
A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta) do Campus de Lugo da USC celebrará este mércores o Día Internacional do Leite cunha xornada de visitas escolares na que se agarda a participación duns 150 estudantes de ensino primario dos Ceip Negueira de Muñiz, Manuel Mallo Mallo, Menéndez Pelayo e do Colexio Fingoi.
O programa organizado pola Aplta co gallo desta efeméride desenvolveranse en quenda de mañá, a partir d as 9.30 horas, e inclúe diversas charlas informativas, un percorrido guiado polas instalacións deste centro lácteo da USC, así como diversos obradoiros de queixería e de elaboración de iogures. Os escolares que tomen parte nesta actividade lúdica e divulgativa tamén terán a ocasión de participar nunha cata de queixos e tamén recibirán a visita de Maximus, a mascota do Club Baloncesto Breogán.
Visita institucional
O director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellaría de Medio Rural da Xunta de Galicia, José Balseiros, realizará este mércores, ás 12.00 horas, unha visita institucional á sede da Aula de Produtos Lácteos Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) da USC.
O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, e o adxunto á Vicerreitoría de Organización Académica, Antonio Álvarez, acompañados de técnicos e persoal da APLTA farán un percorrido polas instalacións xunto con José Balseiros, ao que tamén informarán sobre as actividades desenvolvidas na Aula de Produtos Lácteos e sobre o seu potencial no ámbito da I+D+i para achegar valor engadido ao sector produtivo.