Promovido por dous estudantes do Mestrado en Historia Contemporánea do pasado

Os avances nos estudos bélicos na historiografía contribuíron nas últimas décadas a enxergar a guerra dende ángulos diferentes, dende os sociais e culturais ata as visións tradicionais centradas na política da retagarda as operacións bélicas. Isto levou a dous estudantes do Mestrado en Historia Contemporánea do pasado curso académico, apoiados polos grupos de investigación da área de Historia Contemporánea Hispona e Histagra, a propor un coloquio internacional que reunise diferentes voces e perspectivas.
Deste xeito, o 8 de outubro no Salón de actos da facultade de Filosofía, os grupos de investigación da USC HISPONA e HISTAGRA organizan o I Coloquio Compostelán de estudos sobre a Guerra. Nel participarán especialistas europeos como Robert J. Gerwarth, da University College Dublin; Assumpta Castillo, da Universidade de Girona; Antonio Miguez, Xosé Manoel Núñez Seixas, Fernando J. Sapiña e Alfonso Iglesias Amorín, da USC; Stephanie Wright, da Universidade de Lancaster; Arturo Zoffmann, da Universidade Nova de Lisboa, e Magdalini Fytili, da Universidade Autónoma de Barcelona.
Arredor do fío común da historia sociocultural da guerra, búscase ofrecer un achegamento rigoroso aos estudos da guerra, sintético e accesíbel. Nesta primeira edición os eixes temáticos son a(s) violencia(s), as súas secuelas e os procesos de desmobilización nos conflitos bélicos e as posguerras europeas, as dinámicas de revolución social que acompañaron as guerras civís europeas entre 1917/18 e 1949 e mais a guerra colonial de Marrocos.