A vicerreitoría de Estudantes e Cultura, promove este ciclo de cinco concertos co patrocinio da Deputación da Coruña e a colaboración do Grupo Organistrum da USC.

Do 28 de abril ao 24 de maio, o ciclo Os sons da pedra. O ronsel do Mestre Mateo ofrece 5 concertos que teñen como fío condutor a reconstrución dos instrumentos que o Mestre Mateo esculpiu no Pórtico da Gloria e as derivacións de xéneros e xeográficas que nos deixou o seu ronsel.
O grupo de música antiga Martín Códax toma parte neste ciclo cun recital no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia o mércores 18 de maio ás 20.30 horas. Dende a súa fundación no ano 1993, Martín Códax participou en numerosos acontecementos musicais en toda a xeografía española, como o Festival de Música Antiga en Palma de Mallorca ou o Festival Intercéltico de Cangas, en congresos nacionais e internacionais, concertos de divulgación da música medieval, feiras medievais e espazos como o Auditorio Nacional de Madrid. A formación está especializada no estudo e interpretación da música escrita dende a Idade Media ata o Renacemento, e dedica especial atención á composta nos séculos XII, XIII e XIV. Martín Códax confórmano as voces de Ana Sánchez, Paula Corujo e Fernando Olbés, e os instrumentos de Miguel Ángel López Fariña (organistrum, fídulas); Roberto Santamarina (fídulas); Javier González Abraldes (laúde, arpa); Pedro Fraile (corneto, frautas); Roberto Salga e Andrés Díaz ( frautas, chirimia); Philipp Copin ( zanfonas) e Carlos Castro ( salterio, dulzema, percusión). Todos baixo a dirección de M.A. López Fariña e F. Olbés.
A entrada é de balde ata completar a capacidade da sala.
Os sons da pedra: simposio e exposición
Este ciclo de concertos vai da man dun simposio homónimo que reunirá en Compostela a numerosos artesáns e luthieres que participaron no proxecto de reconstrución dos instrumentos do Pórtico desenvolvido a partir de 1989 baixo a dirección de José López Calo e Carlos Villanueva. Co mecenado da Fundación Barrié, esta iniciativa de recuperación do patrimonio cultural permitiu a construción de 19 réplicas instrumentais que puideron escoitarse no Pórtico da Gloria. Posteriormente, a iniciativa estendeuse á reprodución de instrumentos do Pazo de Xelmírez de Lugo e da catedral de Ourense.
O simposio e o ciclo de concertos compleméntanse cunha exposición que, baixo o mesmo título, Os sons da pedra, poderá visitarse do 29 de abril ao 28 de maio no Salón do Artesonado do Pazo de Fonseca.