
Juan López Bedoya, doutor en Xeografía pola Universidade Nacional de Cuyo (Mendoza, Arxentina) e investigador contratado no Departamento de Xeografía da USC polo Programa Margarita Salas do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades ofrece este xoves 7 de novembro a partir das 19.30 horas a conferencia 'Patrimonio natural en medios urbanos'. Terá lugar na Aula 18 da Facultade de Xeografía e Historia, sendo a segunda sesión deste semestre da programación 2024-2025 do Seminario de Futuros Urbanos do Grupo ANTE.
As súas liñas de investigación céntranse no ámbito da xeografía física e o patrimonio, cunha forte orientación aplicada e práctica no territorio. Isto levouno a participar en distintos plans de ordenación espacial e na xestión de recursos para a administración estatal, autonómica e local. Nos últimos anos, foi desprazando o seu traballo ata a análise sistémica do patrimonio, centrando a súa atención en feitos e fontes históricas que casou con fontes populares a modo de ferramenta innovadora para a análise xeográfica rexional.
