Santiago de Compostela
Sala de Xuntas do módulo central das Facultades de CC.EE. e Psicoloxía
O grupo teatral As avoas de Laxe presenta unha obra especialmente dirixida a estudantes do Mestrado de Igualdade, Xénero e Educación da USC que nos convida a reflexionar sobre os comportamentos machistas na actualidade

Composta por nove pezas en calve de humor, a obra 'Facede o favor... pensade', versa sobre a igualdade de oportunidades, o Efecto Matilda, o homescarranchamento e sobre que o éxito depende do talento, do esforzo e do traballo, mais non do xénero.
A representación terá lugar as 17h, do xoves 3 de marzo, na sala de Xuntas do módulo central das facultades de Ciencias da Educación e Psicoloxía.
As avoas de Laxe
Este grupo de avoas, cunha idade media que ronda os 70 anos e liderado por Matilde Montás e Loli Toja, nace como un proxecto sociocomunitario de envellecemento activo co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas que o forman. Tras dous anos de pandemia, nos que non puideron compartir a súa arte co público, retoman con forza a xira de representacións desta obra que forma parte das actividades da materia 'Cambio social, Multiculturalismo e Saúde', da que son responsables os profesores Jorge García Marín, Ángeles Piñeiro Antelo e María José Sampedro Vizcaya.
Matilde Montáns e Loli Toja dirixen esta peza que conta cun elenco conformado por Mercedes Novoa, Matilde Fraguela, José Novoa, Carmen Cousilla, Carmen Lema, Adrián Facal, Matilde Suárez, Mari Carmen Correa, Paula Pose e Antón Carracedo.