USCénica 2022, o festival de artes escénicas que impulsa a USC, estenderase do 20 de xuño ao 9 de xullo cun amplo abano de actuacións musicais e teatrais, así como cun diverso programa formativo.

A compañía Límites (Corpo Colectivo Transfronteirizo) toma parte na programación do USCénica 2022 coa peza Flores para un touro de lida, que chega o xoves 7 de xullo ás 22.00 horas á Terraza do Auditorio da Universidade.
O acceso á función é de balde previa a retirada de entradas (máximo 4 por persoa), que estarán dispoñibles no mesmo espazo dende hora e media antes da función.
Flores para un touro de lida
Flores para un touro de lida é unha performance poético-musical na que varias artistas do colectivo Límites poñen o foco na violencia que se exerce nas relacións de poder. A través da analoxía como mecanismo principal que opera en todas as linguaxes artísticas, o colectivo pretende trasladar ás artes da acción, poéticas e musicais a súa reflexión sobre o carácter intrinsecamente violento das relacións persoais en calquera sistema xerárquico. Ábrese o touril, entramos e, sobre terra pisada, baten en nós ata caermos rendidas. Remata a acción.
Máis información na páxina web de USCénica
