Un volume de Emilio Pérez Touriño editado polo selo USC Editora

O Centro de Estudos Avanzados da USC acollerá o luns 21 de novembro o acto de presentación do volume 'El horizonte europeo. Estado-nación y socialdemocracia de la época dorada a la pandemia', un libro de Emilio Pérez Touriño que publica o selo USC Editora.
O evento comezará ás 11.00 horas e contará coas intervencións do reitor da USC, Antonio López; do director do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, Juan Luis Blanco Valdés, e do autor do volume.
O libro está dispoñible para a venda na libraría dixital da USC.
'El horizonte europeo'
A pandemia provocada pola covid-19 abriu un tempo novo que podería supoñer unha mudanza do capitalismo, co retorno do Estado e o decisivo papel das políticas públicas cara a un sistema máis sostible e inclusivo, sustentado por un novo contrato social entre os gobernos, as empresas e os traballadores, no contexto dunha sociedade civil máis vigorosa. Vivimos unha época que pode supoñer a necesidade e, aínda, a oportunidade para unha socialdemocracia renovada nas súas formas, nas súas políticas, e no diálogo coas outras forzas e movementos progresistas, sobre a base indispensable dunha Unión Europea que progrese na súa federalización. Non é este un libro de memorias que celebre protagonismo propio e exalte o vivido cun toque de saudade. Trátase dunha rigorosa e oportuna reflexión, fundamentada na ampla experiencia política do seu autor e organizada sobre catro conceptos clave —socialdemocracia, Estado Nación, Unión Europea e federalismo—, na perspectiva dun 'horizonte europeo' en construción: unha Europa unida e en paz, como primeiro proceso de creación dunha democracia supranacional entre pobos que secularmente se enfrontaron, en terribles conflitos bélicos, pola hexemonía no continente.