
A Facultade de Psicoloxía acolle entre os días 9 e 11 de xullo o IV Congreso internacional sobre Fútbol, Innovación e Psicoloxía, que reunirá numeroso persoal experto así como interesado neste deporte convocados pola USC e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.
Precisamente, aínda que a cita científica comeza este mércores ás 9.00 horas con múltiples sesións paralelas de presentación de comunicacións, a inauguración oficial terá lugar ás 12.30 horas no Salón de Actos da Facultade logo dun relatorio a cargo do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa. Participan tamén na apertura o presidente do comité organizador e catedrático da Facultade de Psicoloxía, Constantino Arce, e o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico.
No congreso búscase non só transferir ao entorno do fútbol o coñecemento que se está xerando na universidade senón ademais axudar a promover valores sociais e deportivos positivos (respecto, amizade, harmonía, empatía, solidariedade, etc.) que faciliten a máxima participación, o máximo rendemento, a satisfacción e o desenvolvemento persoal a través do adestramento e a competición deportiva.
O encontro conta coa participación de adestradores/as, futbolistas, árbitros/as, directivos/as, pais e nais, afeccionados/as, estudantes, psicólogos/as, preparadores/as físicos/as, persoal educador, investigador, analistas, e calquera outro tipo de profesional do deporte.
Colaboran neste evento a Federación Española de Psicoloxía do Deporte, a Real Federación Galega de Fútbol, o RC Celta, a Fundación Celta, o R.C. Deportivo de A Coruña, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, o Racing Club de Ferrol, a Federación Galega de Psicoloxía da Actividade Física e o Deporte, o C.D. Lugo, o Ourense C.F., a S.D. Compostela e o Victoria Fútbol Club.