A USC e a RAG promoven unha nova edición desta serie audiovisual de achegamento á lingua galega

A Facultade de Ciencias da Comunicación acolle o día 2 de novembro ás 11.00 o acto de presentación da segunda produción audiovisual elaborada polo alumnado desta Facultade no marco do convenio entre a USC e a RAG que xa se materializou no proxecto 'Novas voces para a lingua'
Nesta ocasión, preséntase unha nova entrega de breves pezas audiovisuais deseñadas para a súa distribución nas redes sociais baixo o título xenérico de 'Superheroínas', producidas polo alumno José Manuel Diego Ferreira.
O acto contará coa presenza do vicerreitor de Profesorado da USC, Ernesto González Seoane; do presidente da Real Academia Galega, Vítor F. Freixanes; e da decana da Facultade de Ciencias da Comunicación, Ana Isabel Rodríguez Vázquez.
Na presentación participarán tamén as protagonistas das sete micropezas, a cociñeira Lucía Freitas, a poeta Alba Cid, a cantante Andrea Pousa, a creadora de videoxogos Laksmy Irigoyen, a xornalista Esther Estévez, a instagramer Paula Jorge e a fotógrafa Antía Castro; xunto co director da serie e o profesor Xurxo Salgado, en representación do proxecto Neofalantes.