A Facultade de Matemáticas e o CITMAga promoven este encontro

A Facultade de Matemáticas da USC acolle do 4 ao 8 de setembro o XXXI International Fall Workshop on Geometry and Physics. A decana do centro Elena Vázquez presidirá a sesión inaugural que arrincará ás 15.30 horas e na que participarán Rosa Crujeiras directora científica do CITMAga, Manuel de León, membro do comité científico do congreso e Modesto Salgado, membro do comité organizador.
Entre as relatoras e relatores deste evento inclúense Mini-course speakers Klas Modin, da Chalmers University of Technology en Suecia; Anna Pachol, da University of South-Eastern Norway, en Noruega: Alejandro Cabrera, da Universidade Federal do Rio de Janeiro en Brasil; Raquel Caseiro, da Universidade de Coimbra, en Portugal, Francesco Cattafi, da Universität Würzburg en Alemaña; Ana Bela Cruzeiro, da Universidade de Lisboa en Portugal; Víctor Sanmartín López, da Universidade de Santiago de Compostela: e Cornelia Vizman, da West University of Timisoara, en Rumanía.
O Workshop celébrase anualmente dende 1992 e reúne especialistas en xeometría e física españois e portugueses, xunto cun número cada vez maior de participantes de fóra da Península Ibérica. As reunións teñen como obxectivo proporcionar un foro para o intercambio de ideas entre especialistas de diferentes campos en Xeometría Diferencial, Matemáticas Aplicadas e Física, e conta sempre coa participación da mocidade que está a iniciarse na investigación.
O programa completo e a información detallada sobre rexisto e organización está dispoñible na web do evento.