
A Cátedra institucional Otero Pedrayo inicia o mércores 14 a súa andaina co acto de imposición da Insignia de Ouro da Universidade de Santiago ao actor e dramaturgo galego Manuel María Lourenzo Pérez, figura de relevancia na posta en valor da obra dramática de Pedrayo.
Será o reitor Antonio López quen presida este acto ás 12.30 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia), que estará acompañado do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, que intervirá xusto despois de descubrir o cartel da cátedra institucional. Seguiranlle na orde de discursos os docentes responsables da dirección da cátedra, Francisco Durán e Dolores Vilavedra.
O acto continuará coa intervención do director da Aula de Teatro da USC, Roberto Salgueiro, e coa lectura de textos de Otero Pedrayo -A derrota do protomedicato ou a danza do docente liberado- por actores e actrices desta formación. Manuel Lourenzo mantivo na década dos anos 90 un forte vencello coa Aula de Teatro da Universidade compostelá, coa que colaborou no programa formativo e en moitas outras accións.
Logo desta interpretación, a secretaria xeral da Universidade, Dulce Mª García Mella, dará lectura á resolución reitoral de concesión da insignia de ouro a Manuel Lourenzo. Tras agradecer o recoñecemento, de novo intervirá a Aula de teatro da USC coa lectura dunha parte do texto teatral da autoría do homenaxeado Cando chega decembro, obra escrita polo autor no ano 1992 e que a Aula universitaria de Teatro estreou un ano despois.
A cerimonia rematará cunhas palabras do secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez, e do reitor Antonio López Díaz.
Cátedra institucional Otero Pedrayo
A Cátedra traballará para manter, arrequentar e espallar o coñecemento do legado artístico e intelectual de Ramón Otero Pedrayo, en tanto figura sobranceira da Galicia do século XX. As súas actividades procurarán expandirse nos ámbitos galego, estatal e internacional impulsando a colaboración tanto con institucións e entidades públicas como emanadas da sociedade civil, tal como diversas fundacións ou casas-museo na traxectoria, o pensamento e a obra do autor, así coma co estudo da tradición galeguista e da memoria da Xeración Nós e das súas principais figuras.