Fernando Barragán Ochoa intervén no Seminario de Futuros Urbanos do Grupo ANTE

O profesor e investigador do Instituto de Altos Estudios Nacionales de Ecuador Fernando Barragán Ochoa intervirá este xoves 14 no Seminario de Futuros Urbanos do Grupo ANTE co relatorio ‘Prospectiva das relacións campo-cidade nos países andinos: identificación e análise das variables clave’.
Doutor en Xeografía pola Université París Panthéon-Sorbonne, onde obtivo un Mestrado en Ciencias Humanas e Sociais, ten ademais outro Mestrado en Desenvolvemento Rexional e Planificación Territorial pola Pontíficia Universidad Católica del Ecuador, onde tamén se graduou como xeógrafo.
No campo profesional, ten experiencia en xestión de datos xeoespaciais e cartografía. Participou e coordinou procesos de planificación nacional e en diversos gobernos rexionais en Ecuador. Traballou con organismos de cooperación internacional desenvolvendo investigación aplicada vinculada coa planificación territorial desde enfoques participativos, prospectivos e de xestión de riscos.
Na actualidade é docente-investigador no Instituto de Altos Estudios Nacionales de Ecuador, onde coordina o Mestrado en Prevención e Xestión de Riscos. A súa traxectoria foi recoñecida co primeiro premio do 1 Concurso Nacional de Investigación Agroeconómica así como co premio Pedro Vicente Maldonado pola súa traxectoria en investigación no campo das xeociencias.
