
Con motivo da celebración dos 50 anos dos estudos de Pedagoxía na Universidade de Santiago de Compostela, a Facultade de Ciencias da Educación, xunto co Departamento de Pedagoxía e Didáctica e o Instituto de Ciencias da Educación (ICE), organizan esta semana, os días 15 e 16 de maio, o Simposio Internacional sobre o Doutoramento en Educación ‘Coñecemento e Acción Transformadora’.
Entre outros obxectivos, o persoal investigador do ámbito da educación analizará a situación e perspectivas do doutoramento no marco da Sociedade do Coñecemento. Ademais, dialogarase sobre a relevancia e calidade dos programas de doutoramento, estudaranse as súas distintas modalidades, e xeraranse espazos de debate e participación do estudantado de doutoramento en Educación.
A sesión inaugural que botará andar ás 9.30 horas estará presidida polo reitor Antonio López e contará coas intervencións de José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia; Mar Lorenzo Moledo, decana da Facultade de Ciencias da Educación da USC; Carmen Fernández Morante, directora do Instituto de Ciencias da Educación da USC; Pablo Taboada Antelo, director da Escola de Doutoramento Internacional da institución compostelá (EDIUS) e Miguel A. Santos Rego, presidente do Comité Organizador do Simposio.