Julián Álvarez Escudero repite no cargo logo da súa reelección nun proceso electoral celebrado en setembro do ano pasado e no que obtivo 75 votos a favor, 26 en branco e 2 nulos

O Salón de Actos da Facultade de Medicina e Odontoloxía acolle este venres 14 de xaneiro o acto de toma de posesión do decano deste centro. O catedrático da Área de Cirurxía Julián Álvarez Escudero foi reelixido en setembro de 2021 como decano desta Facultade con 75 votos a favor, 26 en branco e 2 nulos. O acto dará comezo ás 13.00 horas e estará presidido polo reitor Antonio López. A asistencia presencial estará limitada pola capacidade da sala pero a sesión poderá seguirse en liña a través de Teams.
Adscrito ao Departamento de Cirurxía e Especialidades Médico-Cirúrxicas, Julián Álvarez Escudero é ademais xefe do Servizo de Anestesioloxía, Reanimación e Tratamento da Dor do Complexo Hospistalario Universitario de Santiago. Con anterioridade foi presidente da Sociedade Española de Anestesioloxía, Reanimación e Terapéutica da Dor así como da Comisión Nacional da Especialidade. No eido investigador está adscrito ao grupo Investigación Translacional do Doente Crítico.