Organizada polo Mestrado en Filosofía 'Coñecemento e Cidadanía' coa colaboración da Facultade de Filosofía.

O martes, día 29 de marzo de 2022 ás 19.00 horas, terá lugar no salón de actos da Facultade de Filosofía, unha mesa redonda titulada 'Ucraína: información e propaganda bélica. Pola paz perpetua'.
Esta sesión, organizada polo Mestrado en Filosofía: Coñecemento e Cidadanía, que coordina o profesor Martín González Fernández, forma parte das actividades complementarias do mestrado e está aberta ao público xeral.
A mesa redonda será moderada polo profesor Manuel Outeiriño e contará coas intervencións do politólogo Xoán Hermida, alumno egresado do Máster en Filosofía; da profesora da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Soliña Barreiro; e de Aída Ariño, experta en mediacións en conflitos bélicos das Nacións Unidas.
Nun conflito bélico ademais dos aspectos puramente militares e estratéxicos, existe tamén unha guerra de información (des-información) e de propaganda que libran as partes en conflito. Este será un dos temas que abordarán as persoas participantes nesta mesa que evoca o subtítulo dunha obra filosófica do filósofo Manuel Kant, A Paz Perpetua, unha alegación en prol da concordia e da paz entre as nacións que segue de actualidade, malia aos séculos transcorridos desde a súa publicación.