Ir o contido principal

Máis de 150 especialistas danse cita no Congreso internacional sobre ‘Migracións e refuxio en Europa: Aprender e servir dende a Universidade’

O congreso analizará os desafíos e oportunidades que presentan as migracións e o refuxio no contexto europeo actual
O congreso analizará os desafíos e oportunidades que presentan as migracións e o refuxio no contexto europeo actual
Desenvolvese en formato híbrido ao longo dos días 10 e 11 de xullo como peche do programa Erasmus + ‘Mobilising university-community resources through SL(M) for the inclusion of migrants/refugees (APs(M))’
Santiago de Compostela

O Congreso internacional sobre ‘Migracións e refuxio en Europa: Aprender e servir dende a universidade’ reunirá os días 10 e 11 de xullo máis de 150 especialistas e representantes de entidades sociais para analizar os desafíos e oportunidades que presentan as migracións e o refuxio no contexto europeo actual, xunto co potencial mobilizador de recursos axeitados dende as universidades. Este é un evento organizado polo grupo de investigación Esculca como peche do programa Erasmus + ‘Mobilising university-community resources through SL(M) for the inclusion of migrants/refugees (APs(M))’.

O acto inaugural do Congreso, o xoves 10, estará presidido polo reitor da USC, Antonio López, e contará tamén coa presenza da ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz; do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Román Rodríguez González; o director xeral de ACCEM, Enrique Barbero Rodríguez; a decana da Facultade de Ciencias da Educación da USC, Mar Lorenzo Moledo; e o presidente do Comité Organizador do Congreso, Miguel A. Santos Rego.

Con sede na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur, o encontro desenvolverase en modalidade híbrida (presencial e virtual) e buscará poñer en valor as metodoloxías de innovación educativa que promoven un ‘compromiso situado’, como é o caso da aprendizaxe-servizo, como unha vía efectiva para o desenvolvemento de competencias de alto valor cognitivo, social e cívico-moral.

No desenvolvemento do programa participarán representantes académicos de diversas universidades europeas (Universidade do Porto, Ludwig-Maximilians-Universität, Università di Verona e University of Galway), ademais da USC e da UNED, xunto con representantes de entidades do ámbito social como ACCEM, Glocal Factory ou Buurtcampus. Tamén está prevista a participación de Corinna Ullrich, responsable da Dirección Xeral de Migración e Asuntos de Interior (DG HOME) da Comisión Europea; Mónica López, directora xeral da Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR); e Graine O’Hara, representante de ACNUR en España e Andorra.

O evento, no que tamén se presentarán numerosos traballos científicos para dar maior visibilidade a este fenómeno, pretende conformarse como un espazo de encontro, debate e diálogo entre axentes comunitarios e as institucións de educación superior, promovendo a transferencia de coñecemento e o compromiso social da universidade diante dun dos retos máis significativos do noso tempo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.07.2025.